Saltar navegación

3. Guía de uso

Planificando como abordar a nosa situación de aprendizaxe.

Seguindo unha metodoloxía de aprendizaxe servizo, o REA "Sin miedo a hacer clic" ten como finalidade introducir ao alumnado no uso correcto dos recursos informáticos, identificar os riscos máis comúns da Internet e actuar de xeito seguro ante eles. Para iso, o alumnado deberá tomar un papel activo e deseñar unha pequena campaña de concienciación para informar, ás persoas máis vulnerables da súa comunidade, sobre o bo uso e os riscos da rede. Complétase a actividade difundindo a campaña, enviando os documentos informativos ao colexio de Primaria, unha residencia de maiores, asociacións na vila, etc.

Os bloques do REA están pensados tendo en conta o DUA, presentando distintas versións da información de xeito que diversificamos o acceso á información en varios formatos e niveis, tentando chegar ao maior número de realidades individuais do noso alumnado.

Crearemos pequenos grupos de especialistas en ciberseguridade, responsables de detectar os riscos, ameazas e ataques máis habituais, así como posibles dificultades no manexo de dispositivos dixitais que poida ter o público obxectivo.

Pretendemos que o alumnado sexa capaz de elaborar documentos sinxelos como infografías, dípticos ou trípticos que sinteticen e presenten, dunha maneira atractiva, todo o coñecemento que puidesen recompilar de diversas fontes, para sensibilizar á súa comunidade dos riscos da Internet e de como protexerse deles tomando conciencia, tanto da importancia de ter redes seguras como da de dinamizar e informar os colectivos máis débiles e sensibles dos perigos das redes.

Así pretendemos que o profesorado, que queira utilizar este recurso na aula, teña un enfoque educativo motivador para a aprendizaxe e uso das TIC no seu alumnado.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)