Orientacións e recomendacións de uso
Algunhas recomendacións para o uso deste recurso na aula son:
Recursos materiais necesarios
Hardware
O hardware necesario para a posta en práctica deste REA é de, polo menos, un computador con conexión a Internet por cada dous estudantes, aínda que é recomendable ter un equipo por persoa. Se os produtos finais da campaña de sensibilización se presentan nun colexio ou residencia de maiores, deberase dispoñer de, polo menos, unha impresora no centro para imprimir en formato físico os trípticos, dípticos ou infografías. Isto permitirá repartilos entre o público obxectivo ou pegalos en expositores dos lugares onde se desenvolva a campaña.

Software
Este REA foi deseñado para o software presente en computadores coa maqueta Abalar 11, de xeito que todas as capturas e vídeos de axuda móstranse con esa maqueta. Este recurso podería desenvolverse noutros sistemas operativos e procesadores de texto, pero os mencionados recursos didácticos deberían adaptarse.
O desenvolvemento dos documentos informativos deste REA farase nun procesador de textos, LibreOffice Writer, que vén instalado por defecto en todos os computadores coa maqueta Abalar da rede de centros públicos de Galicia ou tamén se poderá descargar da Internet ao ser software libre.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Neste REA o alumnado traballará de maneira individual e en grupos en distintos momentos da posta en práctica do recurso.
- Recomendamos un modelo de ensino directo durante as fases 1 e 2 do REA. O alumnado traballará de forma individual ou por parellas e reflexionará sobre o aprendido no diario de aprendizaxe nos distintos apartados destas fases. Neste modelo, a persoa docente desempeñará un rol na estruturación do contido, na explicación e no uso de exemplos para incrementar a comprensión por parte do alumnado, comprometéndoo activamente mediante o emprego de preguntas, exemplos, actividades e a retroalimentación que provexa a persoa docente.
- Na fase 3 do REA farase unha práctica guiada na que o alumnado, ben sexa de forma individual ou por parellas, probarán o novo contido relacionado con procedementos básicos do procesador de textos, sendo preciso asegurar unha realimentación adecuada por parte do profesorado antes de desenvolver contido propio, seguindo un ciclo de:
- Presentación dos procedementos.
- Práctica guiada.
- Práctica independente.
- Propoñemos un modelo de investigación guiada durante a fase 4: O reto. Nesta fase, o agrupamento pasará a ser de grupos de 4 estudantes, co obxectivo de que o alumnado adquira autonomía para a procura de información, de forma sistemática e crítica, en diferentes fontes. Na fase final, destina a plasmar a información, os grupos dividiranse en parellas para poder ser máis áxiles na elaboración dos dous produtos finais, xa que cada grupo terá asignado a solución de dous retos.
Para estruturar as fases da investigación e procura da información en grupo, podemos basearnos no modelo BIG6: Definir a tarefa (ou reto), practicar estratexias de procura de información con fontes definidas (mesmo REA), localizar a información e usala extraendo a máis relevante, sintetizala e plasmala no produto para finalizar cunha avaliación da aprendizaxe lograda e a metacognición sobre o proceso no diario de aprendizaxe.
Enfoque multinivel do reto
O reto ten un enfoque multinivel desde o momento que o alumnado poderá elixir entre distintos produtos finais ben diferenciados e clasificados por nivel de dificultade en: infografía, díptico e tríptico. Tamén se presenta unha multinivelación do contido do recurso creado, por unha parte mediante a elección da temática a través de desafíos multinivelados na fase 3 e, por outra parte, mediante a posibilidade de ampliar os recursos a través da adición dun código QR e/ou imaxes creadas con intelixencia artificial.
Desenvolvemento da competencia dixital
O desenvolvemento da competencia dixital é imprescindible para desenvolver a competencia informacional, que vai permitir ao alumnado xestionar grandes cantidades de información contida en múltiples fontes, o que cobra especial importancia no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC). Por unha banda, é preciso que o alumnado adquira estratexias de procura e localización, pero tamén de análise crítica das fontes, habilidades para procesar e xestionar esa información, e normas e principios éticos sobre o uso desta.
Todas as actividades deste REA están pensadas para poder realizarse en formato dixital, ofrecendo en todas as que é posible a alternativa de resolución en papel. O alumnado completará de xeito simultáneo ao desenvolvemento do REA o diario de aprendizaxe, reflexionando así sobre o proceso. Este documento ofrece a posibilidade de realizarse tanto de xeito dixital como en papel, quedando a elección da persoa docente. Cumprir co reto final posibilitará aprender ou afianzar no emprego de ferramentas ofimáticas e de edición dixital que, posteriormente, poderá aplicar no deseño da documentación do proxecto tecnolóxico.
Produto final
O produto final do REA "Sin miedo a hacer clic" consiste no desenvolvemento dunha campaña de sensibilización dirixida principalmente a alumnado de Primaria e a persoas maiores para axudarlles no manexo de dispositivos dixitais, informarlles dos principais riscos e ameazas e facilitarlles estratexias para protexerse fronte a estas. Nesta campaña, o alumnado deberá crear e maquetar un documento informativo dixital (infografía, díptico ou tríptico) onde sintetizar toda a información para sensibilizar ao público obxectivo da campaña dos riscos da internet e das medidas de protección para combatelos. Na súa elaboración deberá ter en conta as licenzas de autoría e manter unha orde de arquivo durante a elaboración, así como facer un uso responsable do equipo.
Alén diso, deberá presentar a súa campaña ás institucións obxectivo de presentación, enviando un correo electrónico no que respecte as normas de etiqueta dixital.