Vilardebit
Situarse nas redes. Secuencia didáctica de comunicación dixital para a cidadanía electrónica. O presente Obxecto Dixital Educativo (ODE) achega unha serie de actividades e tarefas que se desenvolven nunha cidade ficticia, Vilardebit, onde o alumnado tratará de conseguir un carné de cidadanía dixital a partir da superación de diversas probas. O obxectivo fundamental é fornecer competencias de alfabetización dixital e da área comunicativa. O enfoque de traballo é cooperativo e orientado a pequenos proxectos. A secuencia formativa consta de tres escenarios distintos: o primeiro escenario reúne unha serie de actividades de análise e serán identificadas como tarefas de observatorio. As aprendizaxes neste escenario son fundamentalmente de identificación e aplicación e serven tamén como lugar de aprendizaxe de conceptos máis teóricos. O segundo escenario, laboratorio, implica unha maior experimentación e as actividades previstas inclúen certo tipo de procedementos interactivos no que o alumnado ten que adoptar un máis rol activo e esixen un maior compoñente interpretativo; a intención deste escenario e reunir todas aquelas actuacións nas que se participa pero dentro dunhas marxes limitadas e predeseñadas. O último escenario, obradoiro, reúne as actividades máis creativas e de produción máis aberta. De xeito adicional, inclúese un escenario, Casa da cidadanía, cunha serie de tarefas complementarias.