¡Salvemos el planeta!
Este é o REA (Recurso Educativo Aberto) número 3 -dun total de 6- elaborado no marco do proxecto cREAgal para a materia de Lingua Castelá e Literatura de 5º de Educación Primaria.
Partindo do interese natural do alumnado pola defensa da natureza, a situación de aprendizaxe emprega como fío condutor persoas activistas que convidan a contribuír na loita polo planeta. Trabállanse estratexias de comprensión e expresión a través de diferentes tipoloxías textuais: biografías, narracións orais, descricións de persoas e expresión de vivencias e emocións. O alumnado aprende a obter datos relevantes para redactar biografías, a estruturar relatos coherentes, a narrar historias en público con claridade e entoación axeitada, e a compartir experiencias, fomentando así un perfil crítico e comprometido co coidado do medio ambiente.
O reto principal consiste na elaboración dun pódcast narrativo no que o alumnado, a través dun conto orixinal, narre a historia dunha persoa activista que observa un problema medioambiental e como o afronta para intentar solucionalo. Cada equipo deberá investigar sobre figuras reais ou crear personaxes ficticias baseadas en perfís de activismo ambiental, redactar un guión literario que integre elementos descritivos, narrativos e emocionais, e gravar o pódcast con calidade técnica axeitada (voz clara, ritmo adecuado, posibles efectos sonoros).