Salva o cole, salva o planeta!
Este é o REA (Recurso Educativo Aberto) número 2 elaborado no proxecto cREAgal para a área de Ciencias Sociais de 5º de Educación Primaria.
Na situación de aprendizaxe que desenvolve, o alumnado terá que crear unha campaña de concienciación destinada ao resto do alumando do centro e á comunidade educativa, en xeral. A campaña estará centrada na influencia das accións do ser humano no noso planeta, e a necesidade de coidalo.
Para poder chegar a realizar esta campaña, deberán afondar no coñecemento sobre os climas presentes en España e Galicia, conectándoos coas causas e consecuencias do cambio climático. Do mesmo xeito, trataranse outros conceptos, coma a educación viaria ou a actividade humana, coma aspectos a ter en conta dentro deste cambio climático.
Así mesmo, relacionarase cos contidos xa traballados: a partir do coñecemento das características da Terra e as súas representacións, poderase chegar á distribución dos diversos climas segundo a súa situación xeográfica no planeta.