Plantas ao rescate!
Este é o REA (Recurso Educativo Aberto) número 3 -dun total de 6- elaborado no marco do proxecto cREAgal para a materia de Ciencias da Natureza de 5º de Educación Primaria.
O alumnado iníciase no estudo das plantas como seres vivos fundamentais para o equilibrio ambiental, a partir dun contexto real: a creación dun horto escolar adaptado á contorna local. A situación de aprendizaxe propón un enfoque experimental e manipulativo: o alumnado investiga as funcións vitais das plantas (fotosíntese, respiración, relación) mediante experimentos sinxelos, aprende sobre o proceso de compostaxe e reciclaxe natural, e explora sistemas de rego eficiente para a conservación da auga. Trabállase o método científico (hipóteses, experimentación, rexistro de datos) e o traballo en equipo para a construción e mantemento do espazo verde, fomentando hábitos de consumo responsable e respecto pola biodiversidade.
O reto principal consiste en construír e xestionar un horto escolar ecosostible, acompañado de retos secundarios como a creación dun composteiro e o deseño dun sistema de rego eficiente.