Influencers Motrices
Este é o REA (Recurso Educativo Aberto) número 1 -dun total de 8- elaborado no marco do proxecto cREAgal para a materia de Educación Física de 5º de Educación Primaria.
Esta situación de aprendizaxe propón ao alumnado a dinamización do tempo de recreo no centro educativo. As alumnas e alumnos, traballando en equipos cooperativos, investigan sobre os xogos e actividades motrices que máis lles gustan aos seus compañeiros e compañeiras, así como as problemáticas habituais que xorden durante o xogo libre (espazos, materiais, conflitos, inclusión). Mediante observación directa, enquisas sinxelas e análise de situacións reais, desenvólvense competencias de indagación, empatía e pensamento crítico. Intégranse contidos propios da área como a coordinación motriz, a orientación espacial, o respecto polas normas e a xestión emocional en situacións lúdicas, todo iso cun enfoque inclusivo e de cohesión grupal.
O reto consiste en deseñar e implementar propostas lúdicas para dinamizar o recreo, asumindo o rol de influencers motrices. Cada equipo deberá crear estacións de xogo adaptadas a distintas idades e capacidades, elaborando materiais de apoio (carteis con normas, guías visuais, vídeos explicativos) e planificando a rotación das persoas participantes.