Ícaras: voa sen medo a caer!
Este é o REA (Recurso Educativo Aberto) número 5 -dun total de 6- elaborado no marco do proxecto cREAgal para a materia de Lingua Galega e Literatura de 2º de Educación Secundaria Obrigatoria.
A situación de aprendizaxe desenvolvida ten como fío condutor o coñecemento da linguaxe propia da literatura dramática co fin de que o alumnado sexa capaz de transmitir, na súa creación, as inquedanzas e os desexos que lle suscita a súa propia reflexión. Estes coñecementos trabállanse cun enfoque competencial orientado á reflexión, á análise e á aplicación práctica dos saberes da materia.
No reto proposto, o alumnado aprenderá coñecementos de dialectoloxía da lingua galega, coñecerá algúns contidos sintácticos e as propiedades textuais. As actividades están destinadas á creación dun produto final, un sketch teatral creado a partir da lectura dunha obra recomendada de literatura dramática (en formato papel, electrónico ou audiolibro).
Cómpre ter en conta que na situación de aprendizaxe se recuperan e se amplían contidos que xa se traballaron nos REA do Proxecto cREAgal de 1º da ESO, nomeadamente no REA titulado "A vida é puro teatro".