Canto contas cando cantas
Este é o REA (Recurso Educativo Aberto) número 3 -dun total de 3- elaborado no marco do proxecto cREAgal para a materia de Música e Danza de 5º de Educación Primaria.
A situación de aprendizaxe utiliza o conto "A gaiteira de Lindín" como fío condutor. O alumnado explora a voz como instrumento expresivo e a súa capacidade para narrar, emocionar e crear atmosferas. Proponse un percorrido pola música vocal arredor do mundo, a clasificación das voces, as estruturas vocais e os bailes tradicionais da Península Ibérica. Mediante actividades de escoita activa, práctica coral e creación sonora, o alumnado desenvolve habilidades de entoación, ritmo e composición sinxela. Trabállase tamén a diversidade musical e cultural, fomentando o respecto polas diferentes tradicións e a valorización do patrimonio inmaterial.
O reto consiste en crear e presentar unha narración ou composición artístico-músico-literaria orixinal. Cada equipo deberá elaborar un guión narrativo, seleccionar ou crear fontes sonoras para a súa sonorización, integrar elementos vocais (canto, recitado, efectos) e ensaiar a posta en escena. O produto final presentarase nun evento vinculado ao Día das Letras Galegas.