Axencia S.A.U.D.E: Misión Anti-Sedentor
Este é o REA (Recurso Educativo Aberto) número 1 -dun total de 4- elaborado no marco do proxecto cREAgal para a materia de Educación Física de 2º de Educación Secundaria Obrigatoria.
A situación de aprendizaxe desenvolvida ten como fío condutor a reflexión sobre a importancia de manter unha vida activa e saudable para loitar contra o sedentarismo. A través desta proposta, promóvese o coñecemento dos hábitos saudables xunto co coidado do benestar das persoas.
No reto proposto, o alumnado identificará as causas e os problemas vencellados co sedentarismo. Para iso, deberán previamente realizar unha preparación en áreas relacionadas coa vida activa e coa saúde, coleccionar insignias que os farán máis fortes e elaborar unha guía de supervivencia final que a comunidade educativa poderá empregar para loitar contra o sedentarismo.