Aventura animal
Este é o REA (Recurso Educativo Aberto) número 2 -dun total de 6- elaborado no marco do proxecto cREAgal para a materia de Ciencias da Natureza de 5º de Educación Primaria.
Nesta situación de aprendizaxe, o alumnado explora a diversidade animal mediante a investigación e a experimentación. Os contidos están relacionados coas características e funcións vitais dos animais (alimentación, respiración, relación co medio) e coa conciencia ambiental, co fomento de actitudes de respecto e protección cara aos seres vivos e aos seus hábitats.
O reto consiste en deseñar e crear unha exposición interactiva sobre os animais, na que o alumnado mostre, a través de diferentes formatos e soportes (carteis, maquetas, elementos dixitais, xogos), información relevante sobre clasificación das especies, hábitats, adaptacións e estratexias de conservación.