¡Math & Rock!
Este é o REA (Recurso Educativo Aberto) número 2 —dun total de 8— elaborado no proxecto cREAgal para a materia de Matemáticas de 3º de Educación Secundaria Obrigatoria.
A situación de aprendizaxe ten como fío condutor a organización dun festival de rock. Traballando de forma individual e en equipo, aprenderás conceptos de proporcionalidade, porcentaxes e interese para a xestión financeira, así como sucesións e progresións para planificar a difusión do evento e a distribución técnica do escenario.
A través da análise de patróns, descubrirás como as matemáticas dan forma ao voso proxecto. Utilizarás o número factorial e a combinatoria como ferramentas creativas para compoñer música ou deseñar xogos de luces. Ademais, aplicarás a xeometría dos fractais na creación do logotipo e empregarás as proporcións para organizar de forma equilibrada os espazos publicitarios no cartel oficial do festival.
O reto consiste en deseñar, planificar e avaliar o voso propio festival de rock. Cada equipo deberá presentar un dossier que recolla de forma detallada todas as análises e deseños realizados. Finalmente, defenderás a viabilidade e sostibilidade do proxecto ante a clase, demostrando como o rigor no cálculo de cada variable e o uso de modelos matemáticos garanten o éxito dun evento musical.