Orquestra de cARTón - ODE 5: "Son de alta tensión"
Proxecto nado a prol de realizar unha aproximación real entre o alumnado que cursa esta última etapa de educación primaria e a organoloxía propia da orquestra sinfónica, recoñecendo así as familias de instrumentos que compoñen esta formación. Para logralo empregarase unha metodoloxía activa baseada na experimentación, onde a sostenibilidade será o leimotiv recorrente nas diferentes secuencias. Coa reciclaxe como fío condutor e empregando materiais de refugallo, o alumnado construirá na parte práctica de cada ODE un instrumento de elaboración propia (cotidiáfono) representativo da familia instrumental correspondente a cada unidade, dende unha perspectiva global que involucra diversas áreas ou ámbitos de traballo para completar proceso no seu conxunto (deseño do instrumento, elección de materiais, funcionamento, proceso de elaboración, actividades prácticas, etc). O obxectivo principal do recurso é involucrar ó alumnado nun proxecto multidisciplinar que combina elementos de diversas disciplinas artísticas, como son principalmente a Música e a Danza e a Educación Plástica e Visual. O proxecto comporase de seis secuencias didácticas, que albergarán diferentes propostas, ampliadas en detalle coa elaboración dos materiais guía que se traballarán en cada unha delas.
Dende unha perspectiva docente, este recurso representa unha achega didáctica interesante que contribúe a obter diferentes deseños e formas de entender esta disciplina artística, identificar os métodos de aprendizaxe traballados e poder desenvolver estratexias propias nun futuro na elaboración de materiais didácticos coa posta en práctica dunha metodoloxía variada e alternativa baseada en diferentes contribucións de autor.