Non lle temas aos monstros, cRÉAos!
Este é o REA (Recurso Educativo Aberto) número 1 elaborado no proxecto cREAgal para a área de Ciencias da Natureza de 6º de Educación Primaria.
Ao longo deste REA traballarase a función de relación e os órganos implicados, así como os diferentes niveis de organización celular. Dende como os órganos dos sentidos reciben a información do exterior, como a través do sistema nervioso esa información chega ata o cerebro, o cal decide e, a través do mesmo sistema nervioso, chega ao sistema locomotor para executar esas ordes. Afondarán no coñecemento dos sentidos, dos órganos e das súas funcións. Buscarán información dos mesmos e realizarán un visual thinking de cada un deles para explicalos como parte do reto final. Descubrirán o funcionamento do sistema nervioso, das súas partes e funcións, e aplicarán o aprendido para crear un robot cun funcionamento semellante ao do noso sistema nervioso. Profundarán no coñecemento do aparello locomotor, tanto dos ósos como dos músculos, onde descubrirán os niveis de organización celular nestes últimos, e construirán unha man mecánica que funciona igual que a dun ser vivo.
A situación de aprendizaxe formula un reto no que afrontarán o traballo do sistema nervioso e dos niveis de organización celular dende unha perspectiva teórica e tamén práctica, pois aplicarán os coñecementos aprendidos para crear unha criatura que cumpra con esa función.