Somos persoas instrutoras!
Este é o REA (Recurso Educativo Aberto) número 1 -dun total de 6- elaborado no marco do proxecto cREAgal para a materia de Lingua Galega e Literatura de 5º de Educación Primaria.
O alumnado sitúase nun contexto de resolución de problemas da súa contorna próxima. A situación de aprendizaxe céntrase na comprensión e análise de textos instrutivos (normas, receitas, instrucións de xogo, protocolos), identificando a súa estrutura, finalidade comunicativa e características lingüísticas. Trabállanse contidos gramaticais como o substantivo, a acentuación, os ditongos, a separación silábica e o uso de maiúsculas, así como a diversidade lingüística do galego e as súas variantes. O alumnado reflexiona sobre as canles de comunicación oral e escrita, aprendendo a adaptar o rexistro e o formato segundo o destinatario e o obxectivo.
O reto principal consiste en elaborar un texto instrutivo orixinal para dar solución a un problema real do centro ou da aula. Cada equipo identificará unha necesidade (organización do material, normas de convivencia, uso de espazos comúns etc.) e deseñará un documento claro, funcional e visualmente atractivo que guíe ao resto da comunidade educativa. O produto final poderá adoptar distintos formatos (cartel, folleto, vídeo con instrucións, infografía dixital).