Saltar navegación

1. Novas preocupantes

 

Glosario

Arte

Imaxe dun cadro cubista

Definición:

É a capacidade creativa dos seres humanos para elaborar obras plásticas, lingüísticas  ou sonoras cun obxectivo estético e simbólico.

Exemplo:

A arte é reflexo da realidade política, económica e social de cada época.

Democracia

Imaxe dunha man votando nunha urna

Definición:

Forma de organización política na que o pobo elixe as súas persoas representantes a través do voto.

Exemplo:

A democracia xurdiu na antiga Grecia.

Ditadura

Imaxe dun preso nun cárcere

Definición:

Forma de goberno autoritario no que unha persoa concentra todos os poderes e limita as liberdades e dereitos do pobo.

Exemplo:

As ditaduras limitan as liberdades básicas dos cidadáns.

Está a democracia en perigo?


Hoxe na aula preguntaron que significa o termo “democracia”, que tres poderes a sustentan, que diferenzas hai entre unha ditadura e unha democracia ou cal é o sistema político que temos no noso país. A maior parte do alumnado non soubo contestar ou deu respostas incompletas. Despois vimos unha serie de imaxes de obras de arte relacionadas coas sociedades de séculos XVIII e XIX e tampouco soubemos o que expresaban ou o seu significado. 
Comentáronnos que diariamente hai novas relacionadas con sucesos en todo mundo que fan cuestionar a democracia conseguida ao longo dos últimos séculos. O avance de ideas autoritarias en moitos países do noso contorno e o descoñecemento que algunhas persoas teñen sobre o funcionamento da democracia están deixando en segundo plano valores como a liberdade de expresión, a pluralidade política ou o dereito internacional. Tamén nos explicaron, que a arte é un medio para expresar ideas políticas, para facer denuncia social ou para facer propaganda do poder
O coñecemento das ideas Ilustradas e das ideas liberais están relacionadas co nacemento e coa consolidación dos primeiros sistemas liberais e democráticos europeos a partir dos séculos XVIII e, sobre todo, do XIX. Así mesmo, a arte deses séculos amosa os principais acontecementos políticos e os cambios sociais.
Propúxose un reto: imaxina que formas parte dun equipo creativo dunha empresa que deseña exposicións e materiais didácticos para museos e centros educativos. A túa nova encarga é especialmente importante: crear un museo itinerante que percorrerá centros de secundaria para axudar a entender como as ideas da Ilustración puxeron en cuestión o Antigo Réxime e transformaron a maneira de pensar das persoas. 

Imaxe dunha muller exercendo o dereito ao voto

Lectura facilitada

Na aula preguntaron:

  • Que significa democracia.
  • Que tres poderes a sustentan.
  • Diferenza entre ditadura e democracia.
  • Cal é o sistema político do noso país.

Unha parte do alumnado non soubo responder.
Outra parte deu respostas incompletas.

Vimos obras de arte relacionadas coas sociedades dos séculos XVIII (dezaoito) e XIX (dezanove).
Non soubemos o que expresaban.

Hai novas sobre acontecementos que fan cuestionar a democracia.
Tamén se produciu un avance das ideas autoritarias no mundo.

Moitas persoas descoñecen o funcionamento da democracia.

Todo isto deixa en segundo plano:

  • A liberdade de expresión.
  • A pluralidade política.

Explicáronnos que a arte pode servir para:

  • Expresar ideas políticas.
  • Facer denuncia social.
  • Facer propaganda do poder.

As ideas ilustradas favoreceron a consolidación dos sistemas liberais e democráticos.
Isto produciuse a partir dos séculos XVIII (dezaoito) e XIX (dezanove).

A arte destes séculos reflicte a política e a sociedade da época.

O reto final é convertervos en docentes.

Teredes que explicar:

  • As bases das democracias europeas do século XIX (dezanove).
  • Como eran as sociedades da época.

Para iso, empregaredes como referencia:

  • Os estilos artísticos.
  • As persoas artistas dese período.

Que aprenderás nesta unidade?

Cando superes o reto, poderás:

  • Entender as características económicas, políticas e sociais do Antigo Réxime.

  • Coñecer as principais ideas do movemento da Ilustración e as súas consecuencias.

  • Comprender o que foi o despotismo ilustrado.

  • Valorar o papel das mulleres na procura das ideas liberais.

  • Identificar as principais características dos movementos artísticos do século XIX. 

  • Valorar o papel de Goya como un artista innovador e protagonista da súa época. 

Lectura facilitada

Cando superes o reto, poderás:

  • Entender as características do Antigo Réxime:
    • Económicas
    • Políticas
    • Sociais 
  • Coñecer as principais ideas do movemento da Ilustración e as súas consecuencias.
  • Comprender o que foi o despotismo ilustrado.
  • Valorar o papel das mulleres na procura das ideas liberais.
  • Identificar as principais características dos movementos artísticos do século XIX (dezanove).
  • Valorar o papel de Goya como un artista innovador e protagonista da súa época. 

Feito con eXeLearning (Nova xanela)