Saltar navegación

5. Feireando

Nervios!

nena pensando en que lle toca e cun papel na man


Sabela levaba toda a mañá sentindo un exército de bolboretas loitando dentro do estómago. No pupitre os dedos bailaban no bordo das cartolinas que preparou con tanto esmero. Hoxe tócalle a ela. Expoñer en público é un acto de valentía especialmente cando sabes que hai compañeiros que se burlan de ti ou do teu traballo como lle pasou onte á compañeira de Sabela. Por iso o papel dos que escoitan é tan importante como o da persoa que fala. Detrás de cada exposición hai horas de investigación, lectura... de traballo. Ti sábelo ben!

O respecto é fundamental. Todos pasamos por eses momentos de nerviosismo antes da exposición. Tratemos os demais como nos gustaría ser tratados. O éxito dunha exposición oral non depende só de quen fala, senón tamén de quen sabe escoitar con respecto.

É o momento de poñer en práctica todo isto. Comezan as vosas exposicións! Prepara o teu material para cando sexa a túa quenda.

Lectura facilitada

Sabela está moi nerviosa.

Sente bolboretas no estómago.

Ten as cartolinas preparadas. Hoxe ten que falar diante da clase.

Falar en público é difícil. Hai compañeiros que se burlan, como pasou onte.

Por iso é importante escoitar con atención.

E respectar os demais.

Cada exposición leva moito traballo.

Todos nos poñemos nerviosos antes de falar. Debemos tratarnos ben.

Unha boa exposición é falar e escoitar.

Agora comezan as exposicións.

Prepara o material para cando sexa a túa quenda.

Pódeche axudar

Lembra estes consellos para facer unha boa exposición oral:

  • Non leas. Podes botar un ollo ás notas pero non ler continuamente.
  • Mantén unha boa postura. Debes estar relaxado pero coa postura correcta.
  • Vocaliza, varía o ton de voz e fala con fluidez.
  • O contacto visual é importante, non o esquezas. Se non es capaz, mira o fondo da aula.
  • Se quedas en branco, non desesperes, respira profundamente, pide desculpas e retoma a exposición.
  • Se é un compañeiro ou compañeira quen queda en branco, bótalle unha man.

Lectura facilitada

Lembra estes consellos:

Non leas todo o tempo.

Mantén unha boa postura.

Fala claro.

Cambia o ton de voz.

Mira o público. Se non podes, mira ao fondo da aula.

Se esqueces algo, non pasa nada. Respira fondo e continúa.

Se alguén esquece algo, axúdao.

Traballo feito?

Agora que? Traballo feito? Non, oh! O reto está feito, pero sempre hai algo máis. Haberá que analizar o traballo que realizaches e o que realizaron os membros do teu grupo. É importante avaliar o traballo feito.  Pero antes pensa en todo o que repasaches e aprendiches para facer este reto.

Mapa conceptual a praza das linguas

Repasei...

  • A exposición oral: como se organiza unha exposición, consellos...
  • Os rexistros lingüísticos.
  • O uso dos dicionarios e dos manuais de lingua.
  • A poesía: 

- Recitar: consellos para facer unha boa lectura e recitado dun poema.

- Poesía contemporánea: que significa o termo contemporáneo, coñecín autoras e autores...

Coñecín... 

  • Sobre a lingua de signos:

         - como se signa;

         - vocabulario básico e expresións do día a día.

Aprendín máis sobre...

  • As linguas catalá, éuscara e portuguesa: vocabulario básico, curiosidades, uso...
  • O plurilingüismo. Descubrín que, ao noso arredor, hai máis linguas das que un pensa.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)