Perigo químico
Exposición oral! Sabela xa ten experiencia falando na radio, pero aí ninguén a ve. Hoxe, a profesora de Física e Química mandoulle un traballo sobre un elemento da táboa periódica e ten medo de que a exposición se converta nun perigo químico. Pásache tamén que tes nervios antes dunha exposición oral?
Pero que é unha exposición oral? Impón menos se dicimos que é unha explicación que facemos diante doutras persoas para contar información sobre un tema.
Para lograr unha boa exposición oral é importante preparar ben o contido. Debes buscar información sobre o tema en fontes fiables, seleccionar as ideas máis importantes e organizar a información nun esquema. Para que as ideas que presentas sexan claras:
- Debes seguir unha orde lóxica.
- Empregar conectores para unir as ideas (en primeiro lugar, ademais, por outra banda, finalmente...).
- Non repetir sempre as mesmas palabras.
- Explicar os termos difíciles, se é necesario.
Isto axuda a que o público entenda mellor o que estamos explicando.
Estrutura
Unha boa exposición adoita ter tres partes: introdución, desenvolvemento e conclusión.
Primeiro presentamos o tema e explicamos do que imos falar. Despois explicamos as ideas principais de maneira ordenada e por último resumimos as ideas máis importantes e pechamos o tema.
Falando segundo a situación
O contexto da comunicación e as persoas receptoras da mensaxe marcan o rexistro da lingua. É dicir, segundo a situación empregamos unha maneira de falar determinada. Nunha exposición oral na aula debemos empregar un rexistro formal.
O rexistro formal:
Non é o mesmo falar coas amizades no recreo que facer unha exposición diante da clase. Na aula debemos demostrar respecto e seriedade. Por iso debemos cumprir con estes puntos:
- linguaxe correcta e coidada;
- ideas ben organizadas;
- claridade e respecto ao público.
Lectura facilitada
Sabela xa falou algunha vez na radio. Pero na radio ninguén a ve.
Agora ten que facer unha exposición oral na clase de Física e Química.
A profesora mandoulle un traballo sobre un elemento da táboa periódica. Sabela está nerviosa. Ten medo de facelo mal.
Unha exposición oral é explicar un tema diante doutras persoas.
Nunha exposición oral contamos información para que os demais a entendan.
Para facer unha boa exposición oral hai que prepararse ben.
- Primeiro, hai que buscar información en fontes fiables.
- Despois, hai que escoller as ideas máis importantes.
- Tamén é útil facer un esquema antes de falar.
- As ideas deben seguir unha orde clara.
- É importante usar conectores. Por exemplo: en primeiro lugar, ademais, por outra banda, finalmente.
- Tamén hai que evitar repetir sempre as mesmas palabras.
- Se aparece unha palabra difícil, hai que explicala.
Todo isto axuda a que o público entenda mellor a explicación
Audio
Apoio visual
