Doutrina que defende a igualdade de dereitos entre o home e a muller.
Exemplo:
O feminismo supuxo un gran avance social.
Literatura dramática
Definición:
Á literatura dramática son os propios textos teatrais. Fálase de literatura dramática porque son textos que se poden ler e gozar como calquera outro libro, aínda que non se representen nun escenario.
Exemplo:
Leu moita literatura dramática antes de escribir obras de teatro.
Teatro
Definición:
Arte de representar en público textos pensados e escritos para que uns actores e actrices interpreten personaxes diante dos espectadores, xeralmente nun escenario.
Exemplo:
Os sábados á tarde adoitamos ir ao teatro.
Comezamos a aventura!
Queres coñecer a Lía e a Ana e voar con elas?
Poderás mergullarte no mundo de Lía, unha rapaza que ten uns dez anos e que agocha un segredo. Cal será?
Tamén poderás saber quen é Ana, unha moza universitaria que traballa nunha hamburguesería e que Lía vai coñecer unha noite. Queres saber como se coñeceron?
Sorprenderaste co que ocorre cando se atopan por primeira vez estas personaxes e poderás observar como aos poucos irán collendo confianza entre elas ata que xurda entre elas unha amizade.
A medida que vaias lendo a obra poderás descubrir máis sobre as vidas de Lía e Ana.
Sabes que Lía ten unnha maleta con obxectos gardados? Queres descubrir que hai nela?
Lía, coa axuda de Ana, vai conseguir o seu soño: poder voar. As dúas conseguirán ter as súas ás. Queres saber como?
Só necesitas continuar lendo e poderás gozar do mundo máxico de Lía e Ana. Atrévete a soñar e voar con Ícaras!
Lectura facilitada
Queres coñecer a Lía e a Ana?
Queres voar con elas?
Lía ten uns dez anos e agocha un segredo. Queres saber cal é?
Ana é unha moza universitaria que traballa nunha hamburguesería.
Ana e Lía coñeceranse unha noite. Queres saber como se coñeceron?
Sorprenderaste co que ocorre cando se atopan por primeira vez.
Verás como van collendo confianza devagar.
E tamén devagar se van facendo amigas.
Para coñecelas mellor terás que ler o libro.
Pero ímosche adiantar algunhas cousas.
Lía ten unnha maleta con obxectos gardados.
Queres descubrir o que garda nela?
Lía conseguirá o seu soño con axuda de Ana.
Lía poderá voar. Lía e Ana poderán ter ás.
Continúa lendo o libro e gozarás con Lía e con Ana!
Atrévete a soñar e voar con Ícaras!
Audio
Cal é o noso reto?
Nesta aventura imos partir do libro Ícaras, de Carlos Labraña.
Neste reto propoñémosvos elaborar un conxunto de sketchs.
A idea é reinterpretar algunhas escenas da obra Ícaras.
Tamén podedes crear outras novas escenas inspiradas na peza.
O resultado terá formato de peza teatral ou de vídeo performático.
Nos sketchs poderedes expresar o voso propio concepto de liberdade e igualdade.
Xogaredes cos diferentes xéneros e tamén coas distintas variedades dialectais do galego.
Ímolo titular “Ícaras: voar sen medo a caer!”.
Quéreste meter no mundo de Lía e Ana no mundo do teatro?
Anímate a protagonizar esta aventura!
Lectura facilitada
Nesta aventura partiremos do libro de Carlos Labraña titulado Ícaras.
Primeiro tes que ler a obra de teatro.
Despois terás que facer un conxunto de sketchs co resto do grupo.
Poderedes facer unha versión dunha escena ou crear unha escena nova.
O resultado poderá ser unha obra de teatro ou un vídeo.
Para ti que é a liberdade e a igualdade? Podedes falar diso!
Podedes mesturar xéneros teatrais.
Tamén podedes mesturar distintas variedades dialectais do galego.
Titularémolo “Ícaras: voar sen medo a caer”.
Quéreste meter no mundo de Lía e Ana no mundo do teatro?
Anímate a protagonizar esta aventura!
Audio
Que terás que facer?
Ler ou escoitar o libro ou audiolibro de Ícaras e responder: “A que lle terías medo se puideses voar?”
Ler o fragmento asignado, identificar os elementos clave e facer un resumo curto.
Escoller como grupo se recrear unha escena da obra ou crear unha nova inspirada nela.
Escribir o guión: personaxes, diálogos, anotacións e mensaxe sobre liberdade e igualdade.
Incorporar personaxes que empreguen variedades dialectais do galego.
Ensaiar, repartir roles e preparar a posta en escena ou o vídeo-performático.
Presentar o resultado final e avaliar o proceso creativo e expresivo.
Lectura facilitada
Ler o libro de Ícaras (tamén o podes escoitar).
Responder a pregunta “A que lle terías medo se puideses voar?”
Ler o fragmento que che toque e pensar que é o máis importante.
Facer un resumo curto do fragmento.
Escribir o guión da vosa escena.
Tedes que escoller os personaxes e escribir os diálogos.
Na vosa escena ten que haber unha mensaxe que fale da liberdade e da igualdade.
Os personaxes terán que falar galego de distintos lugares.
Teredes que ensaiar a escena!
Presentar a obra de teatro ou o video que fagades.
Audio
Ao rematares...
Poderás:
Recoñecer as características do texto teatral e dos seus subxéneros, relacionándoos con outras artes (música, danza, audiovisual).
Interpretar o sentido simbólico de Ícaras e as súas temáticas principais: liberdade, medo, igualdade e identidade.
Representar e reinterpretar escenas de forma creativa e colaborativa, integrando expresión oral, corporal, plástica e dixital.
Aplicar as propiedades textuais (coherencia, cohesión e adecuación) revisando os textos mediante autoavaliación e coavaliación.
Empregar un galego correcto e expresivo, recoñecendo os trazos do propio bloque dialectal e valorando a diversidade lingüística.
Identificar as partes do texto teatral (anotacións, diálogos, personaxes, espazo e tempo).
Mellorar a competencia comunicativa, usando ferramentas dixitais, dicionarios e recursos de estilo.
Crear escenas dramáticas con enfoque inclusivo e coeducativo, comprendendo o teatro como espazo de liberdade e pensamento crítico.
Lectura facilitada
Sabes todo o que vas aprender?
Cando acabes saberás
Recoñecer as características do texto teatral.
Identificar os seus subxéneros teatrais.
Interpretar o sentido simbólico de Ícaras.
Identificar os temas principais do libro: a liberdade, o medo, a igualdade e a identidade.
Representar escenas de teatro.
Identificar as partes do texto teatral (anotacións, diálogos, personaxes, espazo e tempo).
Redactar textos e revisalos.
Empregar un galego correcto.
Recoñecer os distintos bloques dialectais do galego.
Valorar a diversidade lingüística.
Audio
Carlos Labraña
A nosa aventura desenvolverase arredor da peza Ícaras, de Carlos Labraña, unha obra teatral galega que revisita o mito clásico de Ícaro dende unha perspectiva actual e feminista.
A través dela poderedes explorar temas como a liberdade, a desigualdade de xénero e o poder da palabra e a capacidade transformadora do teatro.
As súas obras de teatro tratan temas coma a xustiza social, a igualdade, o feminismo, os coidados e o ecoloxismo.
Trata todos estes temas con moito sentido do humor, e crea personaxes coas que nos podemos identificar, porque falan, pensan e actúan como poderiamos facer nós se nos atopásemos nas mesmas circunstancias.
Esas circunstancias moitas veces non son fáciles, porque a vida tampouco é fácil en moitas ocasións e hai persoas que teñen moitas dificultades para poder ter unha casa, uns estudos ou mesmo unha familia. Hai persoas ás que lles custa moito chegar a ter unha vida digna.
Lectura facilitada
Carlos Labraña é un autor de teatro.
Escribe obras para público infantil e xuvenil.
É moi coñecido en Galicia.
Tamén é moi coñecido noutros lugares porque ten obras traducidas.
Nas súas obras fálase de igualdade, de feminismo e de ecoloxismo.
Carlos Labraña fala de todo isto con moito sentido do humor.
Podémonos identificar coas súas personaxes.
Identificámonos con elas porque se parecen a nós.
E nós tamén poderiamos facer o mesmo que fan.
Son personaxes que ás veces teñen vidas difíciles.
Ícaras, a obra que poderedes ler (ou mesmo escoitar) neste reto, e que vos servirá como inspiración para crear as vosas propias escenas, é un bo exemplo do que acabamos de dicir.
Carlos Labraña soubo crear un texto que nos fala de dificultades e de tristura, pero tamén de amizade, de beleza e de superación.
Un libro que nos fará sorrir mesmo nos momentos máis tristes, ou que nos fará pensar que moitas veces os sorrisos poden agochar unha pena detrás. Coma na vida mesma!
Moitas veces, cando nos parece que non hai nada que facer, aparece unha persoa de onde menos o agardamos que nos axudará a voar.
Queres coñecer a Lía e a Ana e voar con elas?
Lectura facilitada
Ícaras é a obra que leredes neste reto.
Tamén a poderedes escoitar nun audiolibro.
A partir desa obra inspirarédesvos para escribir teatro.
Poderedes escribir as vosas propias escenas.
Carlos Labraña fálanos de dificultades para que sorriamos.
Neste REA imos traballar a partir da obra Ícaras de Carlos Labraña. É unha obra que podedes encontrar en formato papel, coma a meirande parte dos libros, pero que tamén podedes ler en formato dixital.
Se o voso centro está adherido ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia, todo o alumnado tedes a posibilidade de acceder e empregar a plataforma dixital E-LBE, e nela encontraredes Ícaras tanto en formato dixital coma en audiolibro.
Seguro que agora estás pensando... "Que ben, vou poñer o audiolibro e así non teño que ler!" A que o pensaches? Pois non te enganes: escoitar con atención un audiolibro e seguir todo o que se conta non é fácil, aínda que poida ser moi útil, especialmente para persoas con dificultades visuais.
Pódelo probar e pódelo usar para complementares a lectura en papel: mentres les o libro tes o audiolibro de fondo e chegarache a información pola vista e polo ouvido. Pero coidado! Asó xa non terás escusa para non ler nin poderás dicir que perdiches o libro ou o esqueciches na casa da avoa ou do teu curmán!
Ademais de atopar Ícaras xunto con outros libros de Carlos Labraña, en E-LBE.2 tamén hai moitos outros libros de teatro, narrativa e poesía en galego, así como moitísimas obras de consulta. É unha ferramenta que pode ser moi útil para o Tempo de lectura e para descubrir novas lecturas coma se estiveses nunha libraría, pero sen saíres da clase ou da casa.
E, ademais de E-LBE.2, tamén dispoñemos da plataforma Galiciale da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, na que se poden atopar múltiples recursos de lectura dixital.