Saltar navegación

2.2. O que nunca escoitas

 

Glosario

Zanfona

Imaxe dunha zanfona.

Definición:

Instrumento musical de corda fretada con teclado. Funciona ao xirar unha manivela cun disco de madeira impregnado en resina.

Exemplo:

Os cegos de Galicia tradicionalmente tocaban a zanfona e cantaban romances.

A escoita activa

Primeiro plano posterior dunha persoa co pelo recollido axustando uns auriculares negros na súa orella. Leva unha sudadeiro con estampado floral e o fondo aparece iluminado e desenfocado.

Habitualmente escoitas música realizando outras actividades como arranxar o cuarto ou facer deporte.

Nestes casos a música está nun segundo plano.

A escoita activa consiste en escoitar música prestando toda a túa atención.

É unha actividade moi interesante que che permite aprender e mellorar como intérprete e ouvinte.

Que é?

Escoita activa non é só oír un son, senón prestar atención de forma consciente, voluntaria e plena ao que percibes.

A diferenza de escoita pasiva (como cando oes o ruído do tráfico de fondo sen prestarlle atención), escoita activa require un esforzo mental para comprender, analizar e conectar co son ou a mensaxe.

3 piares

  • Atención total: eliminar distraccións externas e internas para centrarse exclusivamente no son ou na persoa que fala.
  • Comprensión: non só se recibe a información, senón que se procesa o seu significado e a súa intención.
  • Presenza: estar mentalmente aí, amosando interese.

A que soa o silencio?

Imaxe con fondo negro e a metade da cara dunha muller cos ollos pechados.

Nesta actividade terás que realizar unha escoita activa para identificar os sons que te rodean.

1. Pecha os ollos e busca unha postura cómoda.

2. Realiza unha escoita activa durante un minuto.

3. Trata de captar sons próximos, medios e afastados. 

4. Realiza unha listaxe cos sons que escoitaches. 

5. Reflexión cun mínimo de tres liñas sobre se a túa contorna é realmente silenciosa. 

Os ritmos da contorna

Na túa contorna estás rodeado de ruídos: un coche, unha persoa falando polo móbil, o canto dun paxaro...

Nalgúns casos estes ruídos non teñen ningún tipo de orde, pero noutros casos manteñen un patrón rítmico estable.

Algúns artistas aproveitaron estes patróns para crear proxectos musicais moi interesantes.

Na busca de patróns rítmicos

Duración:
15 min.
Agrupamento:
4 persoas.
Orella con ondas repetitivas ao lado.

Despois de ver o que fan Germán e Lar, toca analizar a contorna.

O ritmo non só está na música, xa que moitos obxectos repiten sons de forma constante.

Seredes capaces de atopalos? Traballade en grupo.

  1. Pensade en obxectos  da vida cotiá que fagan un son rítmico e repetitivo (corazón ou intermitente).
  2. Elaborade unha lista cun mínimo de 5 obxectos e describide o seu ritmo.
    • Nome do obxecto
    • Velocidade (ritmo rápido ou lento?)
    • Regularidade (sempre igual ou cambia?)
  3. Cal foi o ritmo que máis chamou a vosa atención?

Diario de aprendizaxe

Imaxe do diario de aprendizaxe no proxecto cREAgal. Amosa un lapis e un caderno co logotipo do proxecto na tapa

Xa refrescaches a memoria sobre os conceptos de ruído, ton e silencio. 

Ademais tamén traballaches a escoita activa. 

Lembra que estes coñecementos serán de grande axuda durante o proceso, tanto a nivel individual como colectivo.

É o momento de ir ao teu diario de aprendizaxe e reflexionar sobre o traballo realizado.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)