Yabba dabba doo!
"Yabba dabba doo" sempre foi unha expresión do máis resultona, verdade? En realidade non ten un significado literal, pero no coñecido mundo dos trogloditas animados empregábase para expresar alegría ou sorpresa. Algo semellante acontece co "kazoo", un instrumento musical asociado á diversión que recibe o nome a partir do propio son que produce, como se dunha onomatopea se tratara. Queredes saber máis sobre este pequeno instrumento? Pois non perdades ollo!
Orixes
O afamado kazoo (tamén coñecido como mirlitón ou turuta) é un instrumento de música popular empregado habitualmente en festas que ten a capacidade de distorsionar o son empregando unha pequena membrana. Algo semellante ao actual autotune... pero máis tradicional! Resulta moi útil en celebracións coma o entroido que teñen un marcado carácter humorístico. As súas orixes remóntanse ao século XIX en EEUU, e na súa versión inicial (como podedes apreciar na imaxe que data de 1879) describíase como o instrumento máis simple endexamais fabricado.
Funcionamento
O funcionamento do instrumento é moi básico. Na súa versión inicial, fabricábase a partir dun tubo de madeira que amosaba unha tapa en forma de membrana por un extremo, e contaba cun pequeno burato no corpo por onde saía o aire. Ao falar o cantar achegando a boquilla, as ondas sonoras producían unha vibración nesta membrana orixinando unha distorsión no son... que tiña un certo carácter festivo. Co paso do tempo, o deseño patentouse e foron aparecendo os primeiros exemplares producidos en serie nas fábricas pero empregando metal, como os que podedes ver na seguinte imaxe.
Non é preciso cruzar o charco para atopar un claro exemplo de agrupacións musicais que empregan este instrumento. Lonxe de terras americanas... témolo na nosa propia casa!
No entroido do sur de España (especialmente en Cádiz), é moi habitual que grupos de amigos/as se xunten para cantar pequenas creacións poéticas de temática satírica ou humorística, que acompañan cun instrumento moi especial, o kazoo. Estas comparsas reciben o nome de "chirigotas", e realizan representacións moi visuais que amenizan a festividde pola rúa. Deseguido podedes visualizar unha de estas actuacións; prestade atención ao instrumento que empregan xusto no principio do vídeo. O recoñecedes?