Diriximos o cotarro
- Duración:
- 30
- Agrupamento:
- Ilimitado
Aínda que semelle unha tolería, o certo é que na música temos a posibilidade de comunicarnos empregando a linguaxe xestual, pero sobre todo a través das nosas mans. Utilizando un código de signos coñecido (tanto polo emisor coma polo receptor), unha persoa pode transmitir información musical moi valiosa; por exemplo o nome das notas que quere interpretar, a súa duración ou intensidade, ou incluso dirixirse a un músico en concreto para que interprete unha melodía de maneira enérxica e vigorosa, ou doce e sutil. A persoa encargada de dirixir unha orquestra sinfónica debe coñecer este código en profundidade, coa finalidade de sacarlle o máximo rendemento aos músicos que conforman a agrupación. Como unha imaxe vale máis que mil palabras, no seguinte vídeo prestade especial atención á forma de empregar a linguaxe xestual que ten o director, xa que despois seredes vós memos os encargados de dirixir a vosa propia banda!
Como é de supoñer, todo director/a de orquestra precisa unha formación instrumental para interpretar as pezas! Pois ben, empregaremos a dotación instrumental de aula da que dispoñamos no noso contexto próximo, que de maneira orientativa se detalla no seguinte despregable:
DOTACIÓN INSTRUMENTAL
Obxectos sonoros
1.- Pau de chuvia.
Altura determinada
2.- Frauta de émbolo.
3.- Frauta doce.
Altura indeterminada
4.- Pito
Percusión de altura indeterminada (IPAI)
5.- Triángulo
6.- Maracas
7.- Paus rítmicos
8.- Axóuxeres
9.- Pandeireta
10.- Pandeiro
11.- Pratos
12.- Caixa china
13.- Claves
14.- Crótalos
15.- Temple Block
16.- Bombo
Percusión de altura determinada (IPAD)
17.- Xilófonos
18.- Metalófonos
19.- Carillóns
Outros
20.- Kazoo
INDICACIÓNS PARA DIRIXIR
Antes de comezar, deberemos facer unha distribución axeitada dos roles de traballo: unha persoa será a encargada de dirixir mentres que o resto serán os músicos que formarán a orquestra, cada un deles terá o seu propio instrumento e deberán seguir as indicacións da persoa que dirixe. Estableceremos quendas, de tal xeito que todos/as poidamos experimentar a sensación de estar ao fronte dunha agrupación musical e ter a responsabilidade de dirixir o cotarro! Se queredes realizar a actividade en grupos reducidos (parellas ou agrupamentos pequenos), tamén tedes a posibilidade de empregar soamente o kazoo que acabades de construír para facelo; pero o funcionamento do xogo non varía.
PAUTAS XERAIS
Para comezar o xogo, a persoa que dirixe debe situarse en fronte dos músicos, de maneira que todos poidan observala sen dificultade. Cada integrante do grupo tocará un instrumento, e o director ou directora debe coñecer con antelación as posibilidades sonoras de cada un antes de darlle indicacións musicais (por exemplo non podemos pedirlle notas a unha pandeireta nin acordes a unha frauta). Despois dividiremos o código de xestos en dúas partes, unha relacionada con cada man. Coa man esquerda a persoa que dirixe indicará as notas da escala musical, e coa dereita escollerá quen será o instrumentista encargado de facelo.
MAN DEREITA
Como acabamos de ver, indica a QUEN van dirixidas as indicacións do director. Antes de mandar... deberedes escoller a alguén primeiro para realizar as indicacións. As accións que podemos realizar con esta man son as seguintes:
|
Este xesto irá dirixido a un instrumentista en concreto, ou ben a unha sección ou grupo dentro da orquestra, e indicará quen é o escollido pola persoa que dirixe para comezar a tocar. Seguido a este xesto, deberán acompañalo as indicacións relativas a "como" facelo, das que atoparedes máis indicacións a continuación. |
|
No caso de querer escoller a un grupo de persoas, empregaremos o xesto de sinalar (arriba) acompañado doutro xesto no que se detalla cos dedos o número de persoas as que nos referimos cando sinalamos. No caso de facer este xesto coas dúas mans e sinalar a todo o conxunto entenderase que as ordes que faga o director serán de cumprimento para toda a formación musical. |
|
Se pola contra, despois de empregar este xesto sinalando a unha persoa que xa está participando e a intención da persoa que dirixe é que deixe de tocar, deberá acompañalo con outro xesto co puño pechado que representa a fin da súa intervención. No caso de empregar este xesto en ámbalas dúas mans toda a orquestra ao completo gardará silencio ata recibir novas indicacións. É o seguinte: |
MAN ESQUERDA
Desta volta e empregando a man esquerda a persoa que dirixe indicará ao instrumentista ou grupo escollido para tocar (despois de ser sinalado) COMO debe facelo. Poderá indicarnos que toquemos unha nota da escala en concreto, unha melodía improvisada ou que fagamos modificacións na intensidade coa que esteamos a tocar (forte ou suave). Imos comprobalo paseniño!
|
|
O código máis empregado nesta actividade seguramente sexa o xesto que indica a ALTURA de cada nota, é dicir, a calidade do son que permítenos diferenciar sons graves de sons agudos. Neste caso, como o código de linguaxe xestual que empregaremos asocia un símbolo distinto a cada unha das notas da escala, as persoas que tocan os instrumentos adiviñar a nota que expresa o director en concreto (coñecendo previamente o código, claro). Se precisades lembrar a listaxe de xestos antes de comezar premede AQUÍ para darlle un repasiño! |
|
A potencia sonora coa que os músicos deberán tocar será indicado polo/a director/a empregando o código de xestos que teñen que ver coa INTENSIDADE, que como xa aprendemos, é xunto coa altura unha calidade do son. A intensidade sérvenos para recoñecer se un son é forte ou débil, e neste caso serán as mans da persoa que dirixe as que regularán o volume co que deberemos tocar. Non perdades ollo! |
|
O director ou directora pode pedir a un/unha instrumentista que cree unha melodía en tempo real, sen ter nada planificado. Como acabamos de ver isto coñécese como improvisación, e é de carácter totalmente libre! O xesto para comunicalo será movendo a man coma se subira e baixara polas ondas do mar. |
Algo que acontece de maneira moi frecuente é que a persoa que dirixe empregue unha ferramenta moi particular para reforzar a súas indicacións e que poidan ser interpretadas correctamente por todos os músicos. Trátase dunha especie de "variña máxica" que en ocasións é deseñada e fabricada especialmente para un, e non existe outra igual (lembra un pouquiño á película de Harry Potter). Recibe o nome de batuta, e na seguinte imaxe podedes facervos unha idea de como é: