DESCRICIÓN DA UNIDADE
INTRODUCIÓN
O presente Obxecto Dixital Educativo (en adiante ODE) representa unha secuencia didáctica completa dentro do proxecto Orquestra de cARTón, e a súa secuenciación correspóndese coa número catro dentro da estrutura do mesmo.
Tal e como se detalla na proposta de proxecto, é involucrar ó alumnado nun proxecto multidisciplinar que combina elementos de diversas disciplinas artísticas, como son principalmente a Música e a Danza e a Educación Plástica e Visual. Esta secuencia didáctica en concreto dedicarémola a coñecer os instrumentos da familia de vento metal máis representativos das agrupacións orquestrais. Indagaremos tamén nas súas peculiaridades ao tempo que repasamos unha das principais calidades do son: o timbre. Coñeceremos a improvisación como recurso en diferentes xéneros musicais (blues e jazz), e realizaremos unha aproximación a metodoloxías realcionadas coa expresión corporal non convencionais como son a fononimia (Z. Kodaly) e soundpainting (W. Thompson). Na sección de "MANS Á OBRA" deseñaremos e elaboraremos o noso propio kazoo empregando materiais de refugallo.
* As referencias sobre os distintos elementos curriculares que se amosan a continuación se elaboraron en base ó establecido para o nivel educativo de sexto curso de educación primaria no Decreto 155/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.
OBXECTIVOS DIDÁCTICOS
A través desta unidade, o alumnado traballará os seguintes obxectivos de área:
OBX1. Descubrir propostas artísticas musicais e dancísticas de diferentes xéneros, estilos, épocas e culturas, a través da recepción activa, para desenvolver a curiosidade, a sensibilidade, o pensamento crítico e o respecto pola diversidade.
OBX2. Recoñecer os elementos básicos específicos da linguaxe musical, a través da percepción e da análise de diferentes fragmentos e obras, para chegar á comprensión das diferentes manifestacións culturais e artísticas.
OBX4. Expresar e comunicar de maneira creativa ideas, sentimentos e emocións, experimentando coas posibilidades do son, do corpo e dos medios dixitais, para producir obras propias.
OBX5. Participar do deseño, elaboración e difusión de producións culturais e artísticas musicais e dancísticas, tanto individuais coma colaborativas, poñendo en valor o proceso e asumindo diferentes roles na consecución dun resultado final, para desenvolver a creatividade, a noción de autoría e o sentido de pertenza.
No referente a obxectivos didácticos podemos detallar os seguintes:
- Realizar xogos de discirminación auditiva
- Coñecer a familia de instrumentos de vento metal e a súa importancia na orquestra sinfónica
- Empregar linguaxe musical non convencional mediante a técnica dos sonocolores (S. Aschero)
- Improvisar pequenas melodías mediante o descubirmento guiado, en xéneros musicais como o jazz e o blues
- Recoñecer o potencial expresivo do noso propio corpo empregando técnicas non convencionais como a fononimia (Z. Kodaly) e soundpainting (W. Thompson)
- Ampliar o coñecemento organolóxico coa elaboración dun cotidiáfono (kazoo) empregando materiais de refugallo
- Recoñecer a importacia da labor que desempeña a persoa encargada de dirixir unha orquestra, e identificar os seus xestos principais
- Empregar a expresión corporal para realizar interaccións instrumentais (individuais e grupais) na práctica musical
CONTIDOS
En relación ó establecido no currículo de referencia (Decreto 155/2022, do 15 de setembro) os contidos traballados son os seguintes:
Bloque 1. Educación musical: percepción e análise.
▪ Estratexias de recepción activa. // ▪ O son e as súas calidades: identificación visual e auditiva, clasificación e representación de diversidade de sons e estruturas rítmicas e melódicas a través de grafías convencionais e non convencionais. // ▪ A voz e os instrumentos musicais. Familias e agrupacións. Clasificación e comprensión dos mecanismos de produción sonora en cada un. Identificación visual e auditiva. Instrumentos tradicionais na música galega. Instrumentos dixitais. Instrumentos non convencionais e exóticos. Instrumentos caseiros. // ▪ Propostas musicais de diferentes correntes estéticas, procedencias e épocas producidas por creadoras e creadores locais, rexionais, nacionais e internacionais. // ▪ Principais xéneros musicais.
Bloque 2. Educación musical: creación e interpretación.
▪ Práctica instrumental, vocal e corporal: experimentación, exploración creativa, interpretación, improvisación e composición con pautas guiadas a partir das súas posibilidades sonoras e expresivas. Respiración consciente e hixiene e corrección postural. // ▪ Construción de obxectos sonoros e instrumentos e exploración das súas posibilidades sonoras para o seu uso expresivo.
▪ Linguaxes musicais: aplicación dos seus conceptos fundamentais na interpretación e na improvisación guiada de propostas musicais vocais e instrumentais. O silencio como elemento fundamental da música: utilización adecuada na interpretación musical. // ▪ Aplicacións informáticas de gravación, edición de audio e edición de partituras: utilización guiada na audición, coñecemento, interpretación, gravación, reprodución, improvisación e creación de obras diversas. // ▪ Normas elementais de comportamento e actitude positiva na creación e interpretación de propostas musicais. O silencio como elemento e condición indispensable durante a creación e a práctica musical.
Bloque 3. Educación en artes escénicas e performativas: percepción e análise.
▪ Estratexias de recepción activa. // ▪ Manifestacións vinculadas á expresión corporal e ás artes escénicas e performativas de diferentes correntes estéticas, orixes e épocas producidas por creadoras e creadores locais, rexionais, nacionais e internacionais. // ▪ Recursos dixitais de uso común para as artes escénicas e performativas. // ▪ Normas de comportamento e actitude positiva na recepción de propostas vinculadas coa expresión corporal e dramática en diferentes espazos culturais e artísticos. O silencio como elemento e condición indispensable para manter a atención durante a recepción.
Bloque 4. Educación en artes escénicas e performativas: creación e interpretación.
▪ O corpo e as súas posibilidades motrices, dramáticas e creativas: interese na experimentación e exploraciónba través de execucións individuais e grupais vinculadas co movemento, coa danza, coa dramatización e coa representación teatral como medio de expresión e diversión. // ▪ Capacidades expresivas e creativas básicas da expresión corporal e dramática. Gozar como forma de interacción social, recurso expresivo e emotivo e deleite estético. // ▪ Normas elementais de comportamento e actitude positiva na creación e interpretación de propostas vinculadas coa expresión corporal e dramática.
METODOLOXÍA
A metodoloxía a empregar nesta unidade fomenta a adquisición de coñecemento no alumnado mediante o descubrimento guiado. O modelo de aprendizaxe plantexa unha visión constructivista da intervención pedagóxica para acadar un aprendizaxe significativo, e que o discente sexa quen de empregar estes conceptos adquiridos en situacións de aprendizaxe diversas. O método didáctico responde a unha metodoloxía específica por ámbitos, de maneira que se seleccionan contribucións de autor diversas en función das necesidades educativas que plantexa cada actividade.
A elaboración da parte práctica relacionada coa expresión corporal deste material didáctico fundaméntase en torno a dúas contribucións de autor:
Por unha banda, a coñecida como fononimia de Zoltan Kodaly, unha técnica pedagóxica baseada en atribuír a cada unha das notas musicais que conforman a escala un xesto diferente. Desta forma podemos interpretar as indicacións dunha partitura ou persoa sen necesidade de recurrir á lectura convencional directa de partituras.
- Batalla, H. M. P. (2021). El método Kodaly en el nivel inicial y primaria (Doctoral dissertation, Universidad Nacional de Educación Enrique Guzmán y Valle).
- Pereira, L. C., & Pereira, M. D. P. D. Metodoloxías musicais do século XX: Dalcroze e Kodaly Musical methodologies of the 20th century: Dalcroze and Kodaly.
Por outra parte, realízanse actividades fundamentadas no soundpainting, un recurso metodolóxico desenrolado por Walter Thompson e enfocado a simplificar as indicacións na práctica instrumental coa integración efectiva de xestos que potencian a improvisación e a creación en tempo real tanto a nivel individual como grupal.
- Belda, Ò. V., & Navasquillo, R. M. (2017). Aplicaciones didácticas del lenguaje Soundpainting en diferentes ámbitos educativos: una herramienta para la creación en tiempo real. Revista electrónica complutense de Investigación en Educación Musical, 14, 329-349. ISO 690
- Balaguer, R. G. (2025). Soundpainting: el arte de la composición en tiempo real: una herramienta multidisciplinar para el desarrollo de la creatividad musical que combina componentes del estado de fluidez, mindfulness y playfulness. In Conectando la música y la psicología: avances en neurociencia, salud mental y bienestar comunitario (pp. 59-64). Dykinson.
ORIENTACIÓNS METODOLÓXICAS
A figura docente está disposta neste proxecto como axente facilitador da aprendizaxe, de maneira que sexa o propio alumnado o protagonista do seu procedemento de ensino-aprendizaxe dende unha visión activa. O docente exercerá de mediador, con especial relevancia nos puntos de inicio (explicación das tarefas) e nas situacións de debate ou actividades grupais, tentando sempre limitar as súas intervencións na medida do posíbel.
- Temporalización: a unidade está deseñada para completarse nun total de catro sesións, distribuídas da seguinte maneira:
- Sesión 1- Explicación xeral e traballo individual na plataforma, primeira parte (sección INTRO).
- Sesión 2- Parte práctica da unidade coa elaboración do cotidiáfono (sección MANS Á OBRA).
- Sesión 3- Actividades relacionadas coa improvisación musical e os xéneros de blues e jazz (última epígrafe da MANS Á OBRA).
- Sesión 4- Coñecemento das técnias de fononimia e soundpainting para potenciar a creación baseada na expresión corporal (SABÍAS QUE?).
- Distribución de espazos: a primeira sesión, de carácter individual, pode realizarse na aula (se cada discente conta cun equipo informático) ou ben na aula de informática. A segunda sesión (MANS Á OBRA) cómpre ubicala nun espazo máis colaborativo e con disposición dos materiais a empregar como pode ser a aula ou recuncho de artes plásticas. As últimas dúas sesións podemos situalas na aula de música, xa que son de carácter práctico baseadas na interpretación instrumental, e alterna a práctica individual coa formación conxunta e a danza.
- Grupos de traballo: toda a unidade pode completarse a nivel individual, se ben é certo que as actividades prácticas como a elaboración do instrumento con material de refugallo e a práctica instrumental cómpre plnatexalas dende unha perspectiva grupa que promova a cooperación entre iguais para a resolución de problemas.
**Lembrar que tanto o tempo de realización das propostas didácticas establecido, así como a distribución do espazo e a formación de grupos de traballo é orientativa, sendo susceptíbel de ser modificada a criterio docente en función das necesidades da súa realidade educativa. De igual forma, os métodos didácticos anteriormente citados poden ser tamén adaptados na práctica se así se considera, na procura de adecuar as actividades ao noso contexto próximo (dotación instrumental de aula, recursos materiais, distribución des espazos...)
COMPETENCIAS CLAVE
- Competencia en comunicación lingüística (CCL).
Presente en tódolos intercambios orais que se realicen nos seus diferentes rexistros (práctica instrumental, exposicións, canto...), así coma no coñecemento e uso dunha linguaxe técnica adecuada ao ámbito artístico e implicitamente no uso da linguaxe convencional e non convencional para a composición e interpretación musical. - Competencia matemática e competencia en ciencia, tecnoloxía e enxeñaría (STEM).
A parte práctica do proxecto, a construción dun botellófono empregando materiais de refugallo, representa á perfección a filosofía STEM. Procedementos como o deseño, cálculo e funcionamento do aparello, ensamblaxe das distintas pezas e a elección de materiais, son algunhas das accións onde queda patente esta competencia. O coñecemento e funcionamento do son (ondas sonoras e a súa medición en Hz) tamén é pertinente neste apartado. No ámbito musical atópase estreitamente relacionada coa organización e estruturación da música, a xerarquía das figuras e os seus valores xunto coa súa propia agrupación na linguaxe musical nos diferentes compases. Ademais, o compoñente científico da música está presente tanto nas calidades do son como na organoloxía, no senso de como repercuten no son as formase materiais dos instrumentos empregados. - Competencia dixital (CD).
O coñecemento dos aparellos e ferramentas actuais de afinación e edición de audio (MUSESCORE, Google Music Lab) tamén representa un achegamento importante no plano das novas tecnoloxías. - Competencia persoal, social e de aprender a aprender (CPSAA).
Derivada dun comportamento axeitado nas distintas situacións de ensino-aprendizaxe durante o desempeño das tarefas. Unha actitude prosocial e participación activa, así como o coñecemento das regras de convivencia, o respecto aos seus compañeiros, a tolerancia ás diferentes opinións e o establecemento de quendas de intervención e roles específicos dentro dunha agrupación instrumental. - Competencia emprendedora (CE).
En liña co eixe do proxecto, a posibilidade por parte do alumnado de adquirir o desempeño competencial suficiente para completar o proceso elaboración de distintos instrumentos (cotidiáfonos) de maneira autónoma, representa un recurso moi relevante para xestionar as súas inquedanzas e iniciativas nun futuro próximo. O coñecemento dunha organoloxía variada e o seu funcionamento, supón unha posibilidade de emprendemento tanto a nivel individual como colectivo, xa sexa como integrante dunha agrupación musical ou ben dende a perspectiva lúdica da produción sonora. No referente ó proceso creativo, tanto a interpretación guiada como a improvisación son claros indicadores da iniciativa persoal. - Competencia en conciencia e expresión culturais (CCEC).
Mediante a selección dun repertorio amplo e variado, podemos facer un enfoque sociocultural a través dos diferentes períodos que conforman a historia da música e tratar as distintas manifestacións artísticas en función da súa situación xeográfica e xéneros representativos. A interpretación da peza "Carnavalito" (orixinal do folclore andino) representa un claro exemplo de didácticas que podemos trasladar á aula.
ACTIVIDADES PROPOSTAS
Na presente unidade, deseñáronse propostas didácticas de índole diversa (actividades interactivas, xogos ou tarefas) que xiran en torno aos seguintes eixos temáticos:
- Os instrumentos da familia de vento metal máis representativos da orquestra sinfónica
- O timbre como calidade do son (xogos de discriminación auditiva)
- Improvisación melódica en xéneros musicais diversos (jazz e blues)
- Técnicas de expresión corporal e improvisación alternativas: fononimia (Z. Kodaly) e soundpainting (W. Thompson)
- Elaboración dun kazoo empregando materiais de refugallo
AVALIACIÓN
A avaliación do alumnado realizarase tendo en conta a dúas vertentes:
Entorno dixital: o proxecto contempla a posibilidade de autoavaliación discente en tempo real das actividades propostas na plataforma (eXceLearning), de maneira que coa realización sucesiva das tarefas e a súa corrección inmediata se obtén un feedback ou retroalimentación constante sobre o resultado das mesmas. Esta ferramenta de autor permite a posibilidade de exportar os resultados académicos (SCORM) obtidos polo alumnado para poder elaborar listaxes ou lograr un cotexo de datos por parte docente. Os instrumentos de avaliación a empregar no ámbito dixital dentro desta unidade detállanse a continuación:
- Actividade de encher os espazos (completar os ocos nunha oración coa palabra axeitada)
- Lista desordenada (enumerar os elementos nunha listaxe)
- Actividade de identificación gráfica (seleccionar unha opción correcta dentro dunha imaxe a escoller entre varias)
- Actividade de resposta múltiple (varias opcións son correctas a escoller entre varias)
- Xogos interactivos baseados na identificación de elementos agochados con pistas
- Tarefas baseadas na discriminación auditiva mediante emparellamentos sonoros
Desenvolvemento na aula: a concreción das actividades na aula seguirá procedementos e instrumentos de avaliación ordinarios por parte do profesorado. A observación
sistemática como procedemento principal, baseado en rexistros de datos dos estudantes nos que se recolle periodicamente o seu progreso e observacións atopadas no
desenvolvemento das tarefas. As actividades de índole práctica (práctica instrumental, actividades de música e movemento, canto, elaboración de instrumentos, etc) poden ser
avaliadas en función da súa adecuación aos criterios de avaliación establecidos coma mínimos esixibles en cada caso.
ATENCIÓN Á DIVERSIDADE
Os diferentes métodos pedagóxicos empregados no desenvolvemento deste proxecto están deseñados a partir da inclusión dos alumnos e alumnas que os precisan no sentimento colectivo. Dende a perspectiva docente á hora de trasladar as diferentes propostas didácticas á aula, pódense ter en conta os seguintes procedementos de atención á diversidade:
Asignación de roles específicos: atribuíndo a cada integrante un papel concreto dentro dunha formación coa finalidade de potenciar un aspecto específico do desenvolvemento competencial de cada individuo no desempeño das tarefas colectivas. Un exemplo claro de promoción da coeducación e a convivencia témolo na práctica musical conxunta e as propostas grupais recollidas na unidade, mediante a asignación de roles específicos dentro do conxunto ou ben empregando a titoría entre iguais.
Creación de agrupacións flexibles: distribución estratéxica do alumnado na realización de tarefas colectivas, recorrendo ao grupo de mentores, titorías entre pares, etc. Resulta especialmente recomendábel na aplicación práctica do proxecto como é a práctica instrumental para incentivar unha distribución de roles dinámica.
Deseño de actividades: modificación das propostas didácticas iniciais dirixidas a traballar nunha área desta disciplina segundo as necesidades do grupo. Na súa vertente práctica para a elaboración dos instrumentos pódense adaptar os tempos, os materiais ou os procedementos en función dunha necesidade en particular e adaptándose as súas inquedanzas e/ou necesidades específicas.
A estrutura da secuencia didáctica contempla unha sección inicial explicativa baixo o nome de INTRO, ademáis conta cunha “Folla de ruta” (en formato de vídeo interactivo) e un “Manual para o alumnado”, de xeito que poden consultar a temática e requisitos materiais da unidade previamente.
RETROALIMENTACIÓN
Os medios empregados para achegar unha retroalimentación constante na plataforma ó alumnado detállanse a continuación.
A maior parte das propostas didácticas deseñadas nas ODE (tanto as actividades interactivas como os xogos) dispoñen dunha retroalimentación inmediata configurada por defecto, de maneira que o alumnado recibe en tempo real os resultados acadados, xa sexa en formato de puntuación, número de acertos, porcentaxe, etc. De igual maneira, existe un feedback final automático onde se amosan as solucións correctas de cada actividade ao finalizar a mesma para poder comprobar as solucións. Estas puntuacións obtidas ao longo de cada unidade poden ser trasladadas a outras plataformas compatíbeis (como é o caso do EVA-Edixgal) cando se executa o recurso exportado en formato SCORM.
Por outra banda, en determinados exercicios engádese unha lapela baixo o título de "DATO CURIOSO"; un espazo relacionado coa actividade completada previamente onde o alumnado pode ampliar os seus coñecementos sobre o tema en cuestión, afondando nas solucións da tarefa e consolidando o aprendido.
Como método para fomentar unha aprendizaxe en espiral, de xeito recurrente empréganse recursos para o deseño das actividades baseados no desafío, unha opción que presenta o eXeLearning onde o alumnado precisa empregar conceptos xa adquiridos (retroalimentación) para desbloquear as propostas novas e poder avanzar.
RECURSOS MATERIAIS
Para levar a cabo esta unidade didáctica precisaremos os seguintes elementos:
- Actividades na plataforma
- Auriculares ou cascos (preferiblemente envolventes ou "over-ear", que cubren por completo a orella)- Opcional
- Equipo informático con conexión á rede
- Elaboración do instrumento con materiais de refugallo (kazoo)
- Tubo de cartón resistente (papel de aluminio ou film)
- Pinturas de cores ou témperas
- Cartulina de cor (opcional)
- Pegamento de barra e tixeiras
- Celofán (transparente e marrón)
REFERENCIAS MULTIMEDIA
A continuación amósase unha táboa coa relación dos distintos materiais empregados na elaboración desta unidade didáctica.