Saltar navegación

6. O Paseo de Jane: Execución, difusión e avaliación

Por que fixemos todo esto? A Escola Bauhaus

Ó longo de todas as secuencias anteriores estivemos intentando mesturar tecnoloxía, lingua, sociedade e ética, unha filosofía afín á da célebre Escola Bauhaus.

Que foi a Bauhaus?

A Staatliches Bauhaus (1919-1933) foi unha escola alemá fundada por Walter Gropius en Weimar e logo trasladada a Dessau e Berlín. Converteuse no berce do deseño e da arquitectura moderna ó fusionar belas artes, artesanía tradicional e tecnoloxía industrial baixo a consigna «Arte e técnica: unha nova unidade».

Escola multidisciplinar

A Bauhaus rompeu co ensino académico convencional. Profesionais da pintura, escultura, deseño, arquitectura e da artesanía traballaban en equipo nos talleres, considerados auténticos laboratorios de investigación. Cada alumno e alumna cursaba primeiro o Vorkurs (curso preliminar) para explorar cor, forma e materiais, e logo elixía un obradoiro (madeira, metal, téxtil, tipografía…). O obxectivo: crear obxectos útiles, estéticos e aptos para a produción en serie.

Sistema pedagóxico e obxectivos transversais

  • Aprender facendo: o/a mestre artístico e o mestre artesán guiaban proxectos prácticos, non só teoría.
  • Interdisciplinariedade: borráronse as barreiras entre artes plásticas, enxeñería, tipografía e escena.
  • Funcionalidade social: deseñar para mellorar a vida cotiá, democratizando o acceso ó bo deseño.
  • Innovación material: uso de aceiro tubular, vidro, formigón, tipografía sans serif e fotografía experimental.
  • Visión global: arquitectos e arquitectas, deseñadores e artistas debían entender toda a cadea produtiva, da idea ao mercado.

Filosofía e logros

A Bauhaus sentou as bases do International Style: formas xeométricas simples, ausencia de ornamento superfluo, honestidade estrutural e adecuación ó uso. Entre os seus fitos destacan:

  • O Edificio Bauhaus de Dessau (1925-26), manifesto de vidro e formigón asinado por Gropius (ver edificio).
  • Mobiliario icónico: cadeira Wassily de Marcel Breuer, cadeira Barcelona de Mies van der Rohe e Lilly Reich (pavillón 1929).
  • Tipografía moderna: fontes como Futura (Paul Renner) popularizaron a sans serif funcional.
  • Expansión mundial: tras o peche pola presión nazi (1933), moitos profesores emigraron e levaron as ideas da Bauhaus a EEUU (IIT Chicago, Black Mountain College), Israel (Tel Aviv «Cidade Branca») ou Latinoamérica.

Nomes representativos

Bauhaus a BauGal

A Bauhaus consolidouse como un proxecto educativo transversal que uniu arte, ciencia e industria para humanizar a sociedade a través do deseño. O seu legado segue presente en edificios, obxectos e metodoloxías de ensino contemporáneas. E a ela debemos este Proxecto BauGal.

1º Paso: Preparar a intervención oral

Paseo de Jane por Noia
Ana Moreiras. Paseo de Jane por Noia (CC BY-SA)

Antes de saír á rúa, hai que prepararse ben. O primeiro paso na execución do Paseo de Jane será preparar a exposición oral que cada grupo fará nun dos puntos escollidos do percorrido. Alí, contaredes ao resto da clase —e a quen nos acompañe— por que ese lugar é especial, que historia ou problemática agocha, e que propostas se vos ocorren para coidalo ou melloralo.  A vosa voz será a protagonista: falaredes desde o coñecemento, pero tamén desde a emoción e o compromiso co lugar onde vivimos.

Bótalle un ollo ás seguintes indicacións para preparar unha exposición oral: 

Consellos para unha exposición oral
Alexandra Pacheco en Canva. Consellos para unha exposición oral (CC BY-SA)



Lembrade que cando falamos en público non só importa o que dicimos, senón tamén como o dicimos. A comunicación non verbal —os xestos, a postura, o contacto visual, o ton de voz— ten un papel fundamental á hora de transmitir seguridade, emoción e interese polo que contamos. Durante o Paseo de Jane, o voso corpo tamén fala: unha mirada directa, un sorriso ou un movemento das mans poden reforzar a vosa mensaxe e conectar mellor co público. Practicade con atención estes aspectos, porque comunicar ben é moito máis que falar.

                                     

Bota man das descricións

Aínda que neste caso farás un texto oral lembra os consellos para describir lugares vistos no ODE "A cidade é nosa".

Consellos para describir
Alexandra Pacheco en Canva. Consellos para describir (CC BY-SA)

2º Paso: Avaliación do Paseo de Jane

Despois de camiñar e compartir ideas no Paseo de Jane, chega un momento igual de importante: parar, pensar e avaliar. Este paso final serve para reflexionar sobre como saíu a actividade, que aprendestes do voso contorno e das intervencións dos compañeiros e compañeiras, e que cousas poderiades mellorar de cara ao futuro.

Avaliacíon do Paseo de Jane de Alexandra Pacheco

3º Paso: Difusión das conclusións

O día do paseo, podemos ir publicando fotos, frases curtas ou detalles nas redes sociais para contar o que está pasando. Así, ademais de documentalo, mantemos informadas ás persoas que non puideron asistir.

Bótalle un ollo aos seguintes consellos para publicar contido nas redes sociais de xeito adecuado: 



Consellos para publicar en redes sociais de Alexandra Pacheco

Tamén se pode avisar á prensa local (xornais, radios ou webs), especialmente cando xa temos claro todo o que se vai facer. É importante dar unha información clara e con datos concretos para evitar confusións.

Cada persoa pode colaborar como prefira: escribindo, facendo mapas, falando coa xente, publicando nas redes, imprimindo carteis… Todo suma.

Manifesto para o pleno municipal

Unha idea interesante sería elaborar un manifesto colectivo a partir do Paseo de Jane, recollendo as principais reflexións, demandas e propostas que xurdiron durante a actividade. Ese manifesto podería servir como resumo do que observamos e sentimos ao percorrer o noso barrio ou a nosa vila con ollos críticos e curiosos.

O obxectivo sería presentar ese manifesto no Pleno municipal, para facer chegar ás institucións a nosa visión sobre o espazo público, o patrimonio, a memoria, os coidados, a accesibilidade ou calquera outro tema que xurdir durante o paseo. Sería unha maneira de dar continuidade ao que fixemos, de converter a observación e a palabra en acción cidadá, e de lembrar que tamén a veciñanza ten moito que dicir sobre como debe ser o lugar onde vive.

Como redactar un manifesto
Alexandra Pacheco en Canva. Como redactar un manifesto (CC BY-SA)

Feito con eXeLearning (Nova xanela)