Mostra M.A.R.C.O.
M.A.R.C.O. é un evento que transcorre cada ano no concello de Vedra. Trátase dunha mostra cuxo obxectivo principal é romper coa barreira que distancia a Arquitectura dos seus beneficiari@s, e trasladar a importancia desta no desenvolvemento social, recuperando a confianza na disciplina como axente configurador de cidades e pobos, contornas e paisaxes, espazos habitables; e, en definitiva, da calidade de vida das persoas.
A mostra encadra o conxunto das 9 artes sobre as que arquitectura exerce de nexo común: ARQUITECTURA, ESCULTURA, PINTURA, DANZA, MÚSICA, LITERATURA, CINE, FOTOGRAFÍA, ILUSTRACIÓN. A Arquitectura e as Artes xogan un papel de relevancia na transmisión dos valores culturais, históricos e sociais de cada comunidade. Integralas directamente na vida cotiá e que a xente sexa participe, é fundamental e necesario.
Neste encontro búscase a posta en valor do rural. Trata de exaltar as características propias da paisaxe, da arquitectura local e das dinámicas socio-culturais das aldeas, buscando a revalorización e a conservación do patrimonio construído e etnográfico, un desenvolvemento sostible e orgánico e, por suposto, a participación veciñal.
Tarefa: Escolle a que te inscribirías
A partir da proposta de programa da mostra no ano 2025, escolle os obradoiros ós que che interesaría ir, atendendo a que non sexan simultáneos. Crea un programa para ti de dous días.



