As cidades modernas están continuamente repensándose nestas liñas:
Mellora das infraestruturas (rúas, pontes, edificios públicos, parques, portos, tendido eléctrico, redes de saneamento...)
Sostibilidade habitacional: rehabilitación e creación de novas vivendas conforme a criterios bioclimáticos.
Sostibilidade sociocomunitaria: mellora do tecido social e da oferta de emprego e comercio.
Sostibilidade ambiental: lograr que a vida urbana contamine menos.
De acordo cos catro eixos de acción, como pensas que podería mellorar a túa vila? Sínteste seguro/a nela cando paseas ou vas en bici? E cando volves de noite á casa?
Facede unha posta en común de 5' en parellas, e logo premede en "Espazo público".
Espazo público
Miles de Cidades é un proxecto audiovisual sen ánimo de lucro con intención artística, didáctica e reflexiva, que busca traer ó debate público diversos temas sobre aspectos da cidade e da vivenda.
Neste vídeo en concreto abórdase o Espazo Público, as súas orixes e impacto na construción da cidade. Despois da pandemia coñecemos a necesidade de ter espazo libre nas nosas cidades, espazos ventilados, espazos verdes, lugares de encontro, contacto coa natureza, pero tamén e principalmente con outras persoas.
Un adecuado equilibrio urbano implica unha distribución xusta destes espazos públicos por todo o territorio das nosas cidades. Existe equilibrio na vosa vila?
Galicia: das cidades medievais á actualidade
As cidades galegas contan cunha rica historia urbana que reflicte os cambios sociais, económicos e culturais ó longo dos séculos. Desde os centros históricos de orixe medieval ata os barrios funcionais e as novas propostas de urbanismo sostible, Galicia ofrece un percorrido excepcional pola evolución do espazo habitado. Cidades como Santiago de Compostela, Lugo, A Coruña, Vigo, Ferrol, Ourense e Pontevedra permiten observar esta transformación a través dos seus edificios, trazados urbanos e usos do solo.
A cidade medieval: defensiva, relixiosa e orgánica
As cidades galegas naceron ligadas a funcións relixiosas, administrativas ou militares. En Santiago de Compostela, o núcleo urbano organizouse arredor da catedral, centro espiritual da peregrinación xacobea. As rúas do Vilar, do Franco ou da Raíña forman unha rede irregular, con prazas pequenas e rúas adaptadas ó terreo, que aínda hoxe se percorren a pé. Tamén Lugo, co seu recinto amurallado romano, evolucionou cara a cidade medieval sen romper coa súa estrutura defensiva. A muralla pecha un centro urbano compacto, cunha rede viaria adaptada á topografía e ó paso da historia.
En Ourense, a cidade medieval desenvólvese ó redor da catedral e das burgas, con prazas coma a do Ferro ou a de San Martiño, e un tecido urbano onde a auga quente natural xogou un papel central tanto no urbanismo como na vida cotiá.
En A Coruña, a parte alta da cidade vella, na contorna da praza de María Pita e a igrexa de Santiago, conserva tamén ese espírito medieval: rúas estreitas, percorridos adaptados ó relevo e vivendas tradicionais con galerías.
Ana Moreiras. Santiago, Praza do Obradoiro(CC BY-SA)
Ana Moreiras. Igrexa e praza de San Martiño, Ourense(CC BY-SA)
A cidade industrial: ensanches e desigualdade urbana
Coa chegada do século XIX, Galicia —como outras rexións— experimentou un forte crecemento urbano vinculado á industrialización. É neste contexto cando aparecen os ensanches, barrios planificados con rúas rectas e edificios de varias plantas, pensados para acoller unha nova clase media urbana.
En Vigo, o crecemento industrial é vertixinoso. O antigo barrio do Areal dá paso ao ensanche artellado pola rúa Urzaiz. O teatro García Barbón e a Estación Marítima son símbolos dunha cidade que se transforma nun porto moderno. A chegada do ferrocarril e o desenvolvemento da industria conserveira e naval converteron Vigo nun motor económico de Galicia.
En A Coruña, o ensanche organízase arredor da Mariña e a praza de Lugo. As galerías acristaladas fanse símbolo da cidade, e edificios institucionais como a Real Academia Galega ou o Teatro Rosalía exemplifican o seu carácter burgués. Tamén se construíron mercados, fábricas, unha praza de touros e novos equipamentos sanitarios.
Ferrol é un caso singular: cidade creada en torno ó arsenal militar e os estaleiros. O seu barrio da Magdalena, deseñado en grella no século XVIII, convértese durante o XIX nun núcleo obreiro-industrial con vivendas colectivas. Alí conviven os cuarteis, os talleres e os barrios operarios, reflectindo unha urbanización fortemente condicionada polo Estado e polo traballo industrial.
En Ourense, o ferrocarril e as pontes metálicas sobre o Miño marcan o crecemento da cidade, que se estende pola ribeira e incorpora barrios como o do Couto. A actividade termal, tradicional, convive agora cun incipiente crecemento urbano e comercial.
Santiago, pola súa banda, experimenta un crecemento cara ó sur co barrio de San Pedro e posteriormente cara ó ensanche da rúa do Hórreo. Nesta etapa xorden tamén os primeiros cemiterios extramuros, como o de Boisaca, e instalacións ferroviarias como a estación de tren, que transforman o tecido urbano.
Ana Moreiras. Asteleiros de Astano, Ferrol(CC BY-SA)
A cidade contemporánea: mobilidade, racionalidade e integración co medio
A partir do século XX, e especialmente tras a Segunda Guerra Mundial, os modelos de cidade mudan. A arquitectura moderna, influída por Le Corbusier e os movementos racionalistas, introduce conceptos como vivendas en altura, bloques abertos, espazos verdes e multifuncionalidade.
En Santiago, a expansión dá lugar a barrios como Fontiñas, con edificios de vivenda colectiva e espazos escolares e sanitarios. A Cidade da Cultura, aínda que polémica, representa a vontade de crear iconas contemporáneas. Edificios públicos recentes como a Biblioteca Ánxel Casal ou o Centro de Saúde de Conxo amosan preocupación pola calidade do espazo arquitectónico.
Lugo medra con barrios como A Milagrosa ou Fingoi, que incorporan vivendas sociais e equipamentos culturais. O auditorio Gustavo Freire ou a Biblioteca Nodal son exemplos dunha arquitectura pública funcional e ben integrada.
Vigo transforma a súa fachada marítima co Auditorio Mar de Vigo, e aposta por novos hospitais como o Álvaro Cunqueiro e a expansión do campus universitario en Lagoas-Marcosende. A cidade loita por integrar a súa topografía na mobilidade urbana e por recuperar espazos verdes coma o monte do Castro.
A Coruña, pola súa banda, apostou pola transformación urbana da man do proxecto Cidade das TIC e pola recuperación de espazos costeiros como o Porto Deportivo ou o barrio de Novo Mesoiro, que tenta integrar espazo residencial e zonas verdes.
En Ourense, o campus universitario, a rehabilitación do barrio da Ponte e o balneario de Outariz ilustran unha cidade que tenta combinar patrimonio, benestar e renovación urbana.
Ferrol tamén tenta reinventarse co Campus Industrial, a recuperación do Arsenal para uso público e a rehabilitación do barrio de Canido, impulsado polo festival das Meninas como exemplo de revitalización social e cultural desde a base.
Ana Moreiras. Palexco, no Porto deportivo da Coruña(CC BY-SA)
Ana Moreiras. Vigo, panorámica sobre o porto (CC BY-SA)
Pontevedra: a cidade galega que mira ó futuro
Pontevedra converteuse nas últimas dúas décadas nun referente internacional de urbanismo centrado nas persoas. Desde finais dos anos 90, a cidade levou a cabo unha transformación profunda baseada na peonalización do centro histórico e do ensanche, a redución do tráfico motorizado e a creación de espazos públicos accesibles e seguros. Esta aposta por un modelo urbano sostible e inclusivo valeulle numerosos recoñecementos internacionais, como o premio ONU-Hábitat, o europeo Intermodes polo proxecto Metrominuto, ou o III Premio Internacional "A cidade é a xente" no Congreso ICOUL en Costa Rica.
O modelo pontevedrés destaca pola súa sinxeleza e eficacia: prioriza o peón, fomenta a mobilidade activa e mellora a calidade de vida da veciñanza. A cidade é agora un espazo onde a maioría dos desprazamentos se realizan a pé, reducindo a contaminación e os accidentes de tráfico. Ademais, Pontevedra é un exemplo de recuperación do espazo público para a cidadanía, con prazas vivas, rúas accesibles e unha vida urbana máis humana e saudable.
Esta transformación converte a Pontevedra nunha cidade do futuro en Galicia, demostrando que é posible construír contornos urbanos máis habitables, sostibles e centrados nas persoas.
Ana Moreiras. Museo provincial de Pontevedra, coa maior colección de Castelao en Galicia(CC BY-SA)
Ana Moreiras. Rehabilitación histórica na Praza de Ferrería(CC BY-SA)
Ana Moreiras. Peatonalización centro Pontevedra(CC BY-SA)
As cidades de Galicia foron cambiando moito co paso do tempo. Cada época deixou a súa pegada nos edificios, nas rúas e na forma de vivir.
As vilas medievais
Hai moitos séculos, as cidades eran pequenas vilas con rúas estreitas e murallas para defenderse. O centro tiña unha igrexa, unha praza ou un castelo. Os edificios estaban moi xuntos.
En Santiago, a catedral era o centro e as rúas tiñan forma irregular.
En Lugo, a muralla romana protexía o centro histórico.
En Ourense, as augas termais foron moi importantes para a vida da xente.
As cidades da Revolución Industrial
No século XIX, moita xente foi vivir ás cidades para traballar. As cidades medraron con rúas rectas e edificios máis altos. Chamamos a iso os ensanches.
En Vigo, o porto, a estación e a industria conserveira fixeron que a cidade crecese moito.
En A Coruña, fixéronse avenidas como a Mariña e moitas casas con galerías.
En Ferrol, o barrio da Magdalena organizouse como un cadrado perfecto. Había estaleiros, cuarteis e barrios obreiros.
En Ourense, o tren e as pontes axudaron a que a cidade se expandise pola ribeira do río Miño.
As cidades modernas
No século XX, os arquitectos comezaron a pensar cidades máis cómodas, con espazo, luz, zonas verdes e edificios funcionais.
En Santiago, aparecen barrios como Fontiñas ou As Cancelas. Tamén se constrúe a Cidade da Cultura.
En Lugo, barrios como A Milagrosa teñen vivendas colectivas e edificios como o auditorio ou a biblioteca.
En Vigo, constrúese o hospital Álvaro Cunqueiro e medra o campus universitario.
En Ourense, destacan o campus e os balnearios coma o de Outariz.
En Ferrol, recupéranse espazos como o Arsenal e o barrio de Canido, famoso polo festival das Meninas.
Pontevedra: unha cidade modelo
Pontevedra é hoxe un exemplo de cidade pensada para as persoas. Desde os anos 90, peonalizouse o centro, reducindo os coches e facendo máis seguros os espazos públicos.
Recibiu premios internacionais polo seu urbanismo.
Hoxe en día, a maioría da xente móvese a pé.
Hai menos ruído, menos contaminación e máis zonas para xogar ou pasear.
Pontevedra demostra que é posible ter cidades agradables, sostibles e cómodas para vivir.
Su navegador no es compatible con esta herramienta.
Cara a onde queremos ir?
Espazos públicos integradores e sostibles
Os espazos públicos son indicadores da calidade de vida en relación á seguridade e confort que nos proporcionan así como os servizos sociais, económicos e culturais.
A Xunta de Galicia creou unha Guía de boas prácticas na intervención de espazos públicos para proporcionar criterios que aseguren que avanazamos cara a espazos integrados, eficientes, inclusivos e responsables, tendo en conta as contornas urbanas, rurais e naturais, e respectando a diversidade paisaxística de Galicia que vai máis ala destas contornas.
Imos ver este vídeo onde se explica como funciona a guíae logo continuaremos lendo. En liñas xerais, na guía analízanse máis de 100 espazos públicos das 12 grandes áreas paisaxísticas de Galicia, identificándose 13 tipoloxías. Estes trece grupos cobren dende a escala miúda (micro-espazos, accesibilidade vertical) ata a grande escala paisaxística (bordos litorais ou carballeiras), permitindo clasificar practicamente calquera intervención sobre o dominio público galego. Os conceptos chave que debes comprender son:
Paisaxe cultural: recoñece o espazo público como produto da interacción histórica entre sociedade e territorio.
Cohesión social: prioriza deseños que fomenten encontro, xogo interxeracional e igualdade de uso.
Adaptación bioclimática: aprovéitase a orientación solar, a ventilación natural ou a sombra vexetal para reducir consumo enerxético.
Economía circular: selección de materiais durables, reciclables e de proximidade.
Servizos ecosistémicos: pavimentos permeables, xardíns de choiva e arborado que melloran a confort térmica e xestionan a escorrentía.
Unha cidade que non sexa propiedade do turismo
A xentrificación é un proceso urbano polo cal certos barrios populares ou históricos experimentan unha transformación progresiva debida á chegada de novos habitantes con maior poder adquisitivo. Esta chegada adoita ir acompañada da rehabilitación de edificios, apertura de negocios enfocados ó turismo ou ó consumo de luxo, e un encarecemento xeral dos prezos: dos alugueiros, da vivenda, dos produtos e servizos locais.
A primeira vista, pode parecer unha mellora: as rúas están máis limpas, hai novos establecementos, restáuranse edificios en ruínas. Pero o que ocorre detrás é máis complexo e problemático: as persoas que vivían alí tradicionalmente, moitas veces de rendas baixas ou ligadas á identidade histórica do barrio, vense obrigadas a marchar. A xentrificación non é só un cambio físico, senón tamén social e cultural: expulsa ás veciñanzas orixinais e despersonaliza os espazos, converténdoos en decorados turísticos.
Turismo en Galicia
Segundo datos de xuño de 2024, Galicia rexistrou máis de 12,4 millóns de pernoitas turísticas ata outubro, un incremento do 1,4 % respecto ó ano 2023. De acordo coa Oficina do Peregrino, en Santiago de Compostela concedéronse 499 239 Compostelas, o que representa un incremento do 11,9 % respecto do ano anterior.
Ana Moreiras con Chat GPT. Turismo en Galicia no 2024(CC BY-SA)
Compostela é un exemplo claro de xentrificación. A cidade histórica, co seu carácter monumental e o Camiño de Santiago converteuse nun espazo crecente de atracción para investimentos turísticos. Debido a isto, alugueiros de longa duración foron substituídos por vivendas turísticas; moitas persoas maiores, estudantes e familias con baixos ingresos tiveron que abandonar o centro pola subida dos prezos. Este fenómeno afectou tamén ós comercios tradicionais, que foron substituídos por tendas de souvenirs, cafeterías de estética internacional e pisos turísticos xestionados por grandes plataformas.
O resultado é unha cidade que, en lugar de acoller á súa veciñanza, prioriza o uso turístico do espazo público e da vivenda, provocando a perda de identidade e dificultando que Compostela siga sendo un lugar habitable para a súa poboación local. A situación esixe políticas públicas valentes que limiten a especulación, protexan a vivenda social e garantan o dereito a vivir na cidade.
A seguridade nas cidades é un dos piares fundamentais para garantir unha boa calidade de vida. Sentirse seguro no espazo público permite ás persoas desenvolverse con liberdade, participar na vida comunitaria, traballar, estudar, gozar do lecer e crear lazos sociais. Mais a seguridade urbana non debe entenderse só como a ausencia de delitos, senón tamén como un conxunto de condicións físicas, sociais e culturais que fan que a cidade sexa acolledora e habitable para todas as persoas.
Factores como a iluminación adecuada, o deseño de espazos abertos, a presenza de zonas verdes ben coidadas, o mantemento do mobiliario urbano, o transporte público accesible e a planificación participativa da cidade contribúen a reducir o medo e previr situacións de risco. Tamén é esencial o traballo comunitario, a implicación cidadá e a educación en convivencia, respecto e igualdade.
Cidades seguras para as mulleres
Non todas as persoas viven a cidade do mesmo xeito. As mulleres enfróntanse a situacións específicas de inseguridade que van máis alá das estatísticas de delincuencia: miradas invasivas, comentarios non desexados, medo a camiñar soas pola noite ou a utilizar determinados espazos. Este tipo de violencias cotiás limitan a liberdade de movemento e afectan ó benestar emocional das mulleres.
Por iso, unha cidade verdadeiramente segura é aquela que incorpora a perspectiva de xénero no seu deseño e na súa xestión. Isto implica escoitar as experiencias das mulleres, mellorar a visibilidade e accesibilidade dos espazos, garantir transportes seguros e promover campañas de sensibilización. Significa tamén recoñecer que a violencia simbólica ou ambiental é tan limitante como a física.
Reflexión
Abre Google Maps e calcula o traxecto que hai desde a túa vivenda ata o instituto. Supoñamos que tiveses que facelo en bicicleta: que tramos son seguros e cales non? E camiñando?
Supón agora que volves de noite á casa, tarde. Sentiríaste segura/o?
Ana Moreiras. Calcular ruta en Google Maps(CC BY-SA)
Eco-barrios
Os eco-barrios e comunidades enerxéticas son iniciativas onde a veciñanza se organiza para reducir as emisións de CO₂ e facer os barrios máis sostibles. Características comúns:
Autoorganización veciñal: xorde no propio barrio e, ás veces, conta co apoio do concello.
Propiedade compartida e beneficio mutuo: aforran na factura eléctrica e reducen ata un 30–100 % das emisións.
Educación e participación: obradoiros sobre eficiencia, horta urbana, mobilidade sostible ou compostaxe.
Escalabilidade: comezan con poucos edificios públicos e amplíanse a vivendas privadas ou distritos completos.
Exemplos de veciñanza que se organiza para baixar as emisións
Nome do modelo
Que fan
Exemplos con ligazón
Transition Towns
Grupos que fomentan consumo local, horta urbana, reparación, renovables e resiliencia.
Ana Moreiras. Cidades sensibles e intelixentes. (CC BY-SA)
A evolución das ferramentas tecnolóxicas de tipo Big Data deron lugar a un concepto novo de cidade onde, utopicamente, a recollida de información en tempo real (temperatura, polución, lixo nas rúas, prazas de parking, bicis eléctricas en algueiro, etc.) permitiría á xente vivir mellor, sen por isto contaminar máis.
Este tipo de tecnoloxías, indudablemente, fan máis sinxela a nosa vida... pero tamén nos controla máis.
Algúns aspectos chave destas cidades son a dixitalización dos servizos públicos para facilitar o acceso á cidadanía e promover a transparencia; a xestión dos residuos e o uso eficiente dos recursos enerxéticos; a mellora do transporte público.
Moitas persoas cren que o concepto de Smart City quedou obsoleto e falan agora de "Sharing city" ou "Cidades dos coidados", buscando un lado máis humano no deseño urbano: en efecto, a tecnoloxía non debe estar por riba de aspectos como os coidados, a accesibilidade, a política ou o deseño.
É esencial ver na tecnoloxía unha ferramenta de mellorar a calidade de vida, pero non un fin último. E cómpre, tamén, recordar que a xestión dos datos que aportamos a cidanía implica, paralelamente, control desa información.
Xardíns e parques (parques urbanos, áreas recreativas suburbás, xardíns botánicos)
Carballeiras e campos da feira (tradicionais lugares de reunión e festa)
Espazos públicos en contornos patrimoniais (acrópoles históricas, pazos, mosteiros, castros)
Orlas e fronte litorais urbanas / rías (dársenas, beirarrúas portuarias, miradoiros sobre a ría)
Bordos urbanos e transicións campo-cidade (ensanches periféricos, áreas periurbanas)
Espazos industriais e portuarios con uso público (parques empresariais, zonas de servizo abertas)
Elementos de mobilidade vertical (ascensores, escaleiras mecánicas, funiculares, pasarelas)
Outros espazos singulares destinados a infraestruturas públicas menores (glorietas axardinadas, plataformas estacionais, micro-espazos residuais recuperados).
Lectura facilitada
As cidades do futuro
Ana Moreiras. Cidades sensibles e intelixentes(CC BY-SA)
Que son as Smart Cities?
As cidades intelixentes usan tecnoloxía moderna para mellorar a vida da xente e coidar o medio ambiente.
Estas cidades recollen datos en tempo real para saber como se usan os recursos, como se moven as persoas ou onde hai problemas.
Exemplos:
Saber cantas prazas libres hai nun aparcadoiro.
Evitar atascos e cambiar a ruta dos buses.
Medir a calidade do aire con sensores.
Estas tecnoloxías fan a vida máis doada, pero tamén poden controlar o que facemos.
Os gobernos locais dixitalizan servizos como:
Facer trámites por internet (sé electrónica).
Consultar o catastro ou pagar impostos.
Participar en decisións da cidade (como fai VTaiwan).
Outro obxectivo é xestionar ben os residuos e aforrar enerxía, usando fontes renovables e sistemas eficientes.
Senseable cities: outro modelo de cidade
Hoxe moita xente pensa que non chega con ter tecnoloxía: tamén hai que pensar nas persoas.
Por iso fálase de cidades sensibles, que se preocupan polos coidados, o deseño, a proximidade e a accesibilidade.
O arquitecto Vicente Guallart defende facer barrios autosuficientes onde se poida vivir ben sen desprazarse moito. Un exemplo son as vivendas post-COVID de Barcelona.
Un proxecto importante sobre estas cidades é o Senseable City Lab do MIT. Este laboratorio estuda como a tecnoloxía cambia a forma de vivir nas cidades.
Un dos seus proxectos chámase Treepedia. Usa imaxes de Google Street View para medir cantas árbores hai nas rúas dunha cidade. Calquera pode usar este programa, porque está dispoñible de balde na web GitHub.
Comproba se entendiches os conceptos!
1. Cal dos seguintes é un exemplo de servizo ecosistémico nun espazo público?
Lectura facilitada
1. Espazos públicos e Guía de boas prácticas
Un bo espazo público mellora a nosa vida porque é cómodo, seguro e ofrece servizos. A Xunta de Galicia fixo unha Guía para axudar a deseñalos. Quere que sexan:
Integrados na paisaxe.
Eficientes e accesibles.
Responsables co medio ambiente.
Na Guía analízanse máis de 100 exemplos de toda Galicia e clasifícanse 13 tipos de espazos.
Conceptos clave:
Paisaxe cultural: o lugar conta a historia da súa xente.
Cohesión social: o deseño debe favorecer o encontro e o xogo.
Adaptación bioclimática: aproveitar sol, vento ou sombra natural para aforrar enerxía.
Economía circular: usar materiais locais, duradeiros e reciclables.
Servizos ecosistémicos: árbores, xardíns de choiva ou pavimentos permeables que axudan á sombra e á drenaxe.
2. Xentrificación e turismo
A xentrificación ocorre cando chegan persoas con máis cartos a un barrio popular. Suben os prezos e a veciñanza de sempre debe marchar. En Santiago de Compostela moitos pisos de alugueiro convertéronse en vivendas turísticas. A cidade perde residentes e comercios de proximidade.
3. Urbanismo con perspectiva de xénero
As cidades foron deseñadas pensando sobre todo nos coches e no traballo. As mulleres fan máis traxectos a pé, usan máis o transporte público e precisan espazos ben iluminados e seguros.
Ampliar beirarrúas e eliminar barreiras.
Mellorar iluminación e servizos próximos.
Facer participar a toda a cidadanía nas decisións.
4. Seguridade urbana
Sentirse seguro inclúe boa iluminación, zonas verdes coidadas, transporte accesible e participación veciñal. As mulleres sofren medos e agresións que non sempre aparecen nas estatísticas, polo que é clave incorporar a súa experiencia no deseño da cidade.
5. Exercicio de reflexión
Calcula a túa ruta ata o instituto en bicicleta ou a pé. Que tramos son seguros? Cales non?
Imaxina a mesma ruta pola noite. Sentiríaste seguro ou segura?
6. Tipos de espazos públicos na Guía
Camiños e sendas peonís interiores
Paseos e sendas costeiras
Paseos e sendas fluviais
Prazas urbanas
Xardíns e parques
Carballeiras e campos da feira
Espazos en contornos patrimoniais
Orlas e fronte litorais urbanas
Bordos urbanos e zonas de transición
Espazos industriais ou portuarios con uso público
Elementos de mobilidade vertical (ascensores, escaleiras mecánicas)
Hai unha persoa que queremos presentarche: Jane Jacobs (1906-2006), xornalista e urbanista autodidacta, foi unha das persoas máis influentes na forma como vemos as cidades. Logrou deter megaproxectos que destrozarían o centro de Nova York e escribiu un dos libros máis influentes do urbanismo contemporáneo, Morte e vida das grandes cidades. Defendía as mazás pequenas e as rúas transitadas e a mestura de edificios residenciais e comerciais. Cos seus escritos e os seus actos, opúxose á planificación urbana moderna, na que o automóbil primaba sempre sobre a veciñanza. Dela é a frase: A cidade é de todos e todas.
Na data de nacemento de Jane, o 4 de maio, ten lugar cada ano o chamado "Jane's walk", unha iniciativa autoorganizada que se desenvolve en milleiros de cidades do mundo á vez co obxectivo de coñecer mellor as nosas vilas.
Lectura facilitada
Arquitectura e Urbanismo son disciplinas relacionadas entre si.
Abordan a planificación, deseño e desenvolvemento do medio construído, desde a vivenda ata a cidade.
A Arquitectura deseña, planifica e constrúe as vivendas. Corresponde a un proxecto arquitectónico distribuír as estancias, analizar os materiais, proporcionar confort higrotérmico e lumínico.
O Urbanismo é responsable de planificar as infraestruturas dunha cidade:
Organización de espazos públicos e privados
Sostibilidade ambiental
Vías urbanas e transporte público
Redes de luz, saneamento, lixo...
Ana Moreiras. Urbanismo sostible (imaxe xerada con IA Adobe)(CC BY-SA)
Audio
Arquitectura e Urbanismo son disciplinas relacionadas entre si que abordan a planificación, deseño e desenvolvemento do medio construído, desde a vivenda ata a cidade. A arquitectura e urbanismo dun espazo determinan a nosa forma de relacionarnos, traballar e vivir.
A Arquitectura deseña, planifica e constrúe as vivendas. Corresponde a un proxecto arquitectónico distribuír as estancias, analizar os materiais, proporcionar confort higrotérmico e lumínico.
O Urbanismo, pola súa banda, é responsable de planificar as infraestruturas dunha cidade: organización de espazos públicos e privados, sostibilidade ambiental e calidade de vida das e dos cidadáns, xestión do solo, vías urbanas, transporte público, redes de luz e saneamento, xestión do lixo...
Ana Moreiras. Urbanismo sostible (imaxe xerada con IA Adobe Firefly)(CC BY-SA)
Jane Jacobs, a importancia de ter veciños
A partir do artigo de prensa "Jane Jacobs, a importancia de ter veciños", de Marta Peirano publicado na versión dixital de ElDiario.es o 02 de xuño de 2023 vas realizar as seguintes actividades de comprensión textual: