Obxectivos
- Deseñar e prototipar a rehabilitación dun espazo con criterios de sustentabilidade e innovación tecnolóxica empregando ferramentas CAD 2D e 3D.
- Achegarnos á domótica a través do uso de sensores conectados a placas Arduino.
Preme sobre as lupiñas de cada casa para saber que faremos en cada sesión.

Nesta sesión introdutoria achegarémonos á arquitectura moderna, coñecendo diferentes estilos, e valorando as aportacións que trouxo o formigón armado. Conectaremos a unidade cos ODS da Axenda 2030.
Da man do arquitecto Jorge Duarte, coñeceremos de cerca o proxecto de rehabilitación da fundación Ser, unha obra Passivehaus en Navia de Suarna.
Comezaremos o método de proxectos para o deseño dun prototipo: analizaremos a contorna en busca dun espazo que rehabilitar e definiremos necesidades e obxectivos.
Empregando softwares online gratuítos, xeraremos o plano arquitectónico do noso espazo.
Revisaremos a ferramenta TinkerCAD de cara a deseñar un prototipo 3D e aprenderemos a laminalo para unha Creality K1, a impresora 3D dos polos creativos.
Aprenderemos máis sobre a domótica na actualidade e veremos propostas de circuítos a montar con Arduino.
Hora de avaliarnos! Repasaremos o que aprendimos, faremos un cuestionario final e reflexionaremos sobre o proceso de aprendizaxe ó longo da unidade. Que podemos mellorar?
Nesta unidade comezamos a deseñar e crear o noso proxecto, e para iso teremos que aprender a usar ferramentas de CAD (Deseño Asistido por Computadora) e CAM (Fabricación Asistida por Computadora).
O proceso de deseño, na construción, garda especial relación co ODS 9: Industria, innovación e infraestrutura:
A arquitectura bioclimática e a bioconstrución impulsan a innovación dentro do sector da construción. Ó investigar e implementar novas técnicas e materiais, estas prácticas fomentan o desenvolvemento dunha infraestrutura máis intelixente e eficiente, reducindo o impacto ambiental e promovendo a adopción de novas tecnoloxías. Exemplo disto son os proxectos de impresión de vivendas 3D, como a que vos deixamos no exemplo, ou a mellora de tecnoloxías de eficiencia enerxética como paneis solares ou sistemas de recollida de auga pluvial, que melloran a sustentabilidade das infraestruturas.
O estilo arquitectónico é unha das decisións máis importantes á hora de facer o deseño, e afecta tanto ó aspecto exterior como ó interior, obedecendo ás necesidades das persoas habitantes (función), á estética (forma) e á paisaxe onde se constrúe (clima e materiais).
A arquitectura reflicte os cambios sociais, culturais e tecnolóxicos de cada época. Neste percorrido imos descubrir os estilos máis influentes desde o século XX ata hoxe.
A Bauhaus era unha escola que quería ensinar arte, facendo simbiose de pintura, escultura, téxtil, enxeñería e arquitectura. Consideraban que ser experto/a en varias artesanías faríate mellor en todas elas, polo cal na súa escola había formación en diversas artesanías. Principalmente producía artigos comerciais para o fogar e moito deseño gráfico. En arquitectura, a persoa referente foi Walter Gropius. Este estilo expandiuse por todo o mundo despois de que o partido nazi pechase a escola e a súa facultade e os e as estudantes fuxisen por todo o mundo. Tel Aviv ou Chicago son paraísos para moita arquitectura derivada da Bauhaus.
O estilo moderno internacional é unha rama do modernismo que se centrou en tentar atopar un verdadeiro prototipo de edificio obxectivamente útil e belo e que puidese crearse en calquera parte do mundo (de aí o nome). Estaba moi enfocado na planificación espacial e aproveitou os novos avances en materiais e tecnoloxía para unha aparencia radicalmente nova. Mies Van Der Rohe, proveniente da escola Bauhaus, é probablemente o principal impulsor. O groso da súa obra está en Chicago (tivo que fuxir dos nazis). O mercado comercial namorouse del, especialmente debido á flexibilidade e o custo, e a ser tan novo. Unha chea de grandes empresas como SOM xurdiron dos ensinos de Mies e comezaron a producir un gran número de edificios nese estilo para calquera corporación que lles dese a oportunidade, polo que o estilo finalmente pasou de ser unha perspectiva nova e emocionante a algo un tanto corporativo.
O estilo arquitectónico é unha das decisións máis importantes á hora de facer o deseño, e afecta tanto ó aspecto exterior como ó interior. A función que van ter os espazos vai condicionar a forma.
A miúdo existen limiatacións estilísticas impostas polos concellos onde se obra, polo que debe coñecerse a normativa.
Asimesmo, é desexable integrar a vivenda na súa contorna e minimizar tamén o impacto visual da obra.
A aparición do formigón armado reformulou o tipo de edificacións que existiran ata ese momento: xa non sería preciso ter muros de carga de pesados bloques, como ata entón. Con estruturas de piares e vigas poderían sosterse os edificios. En base a isto, no 1926 o arquitecto Le Corbusier concretou os que para el debían ser os puntos fundamentais da nova arquitectura.
O principio que subxaxe a estes cinco puntos é que a estética debe obedecer á función do espazo, esquecendo preconceptos. Isto provocou formas resultantes totalmente novidosas no seu momento, e axiña se estendeu a toda a arquitectura. A primeira obra na que Le Corbusier plasmou esas ideas foi o Vila Savoye, no 1928.
Le Corbusier propuxo basear a estrutura en piares no lugar de en muros de carga. Os piares levántanse directamente do
chan, elevando a planta baixa. Con isto líbranse as habitacións da humidade da terra e este terreo pode quedar
para xardín debaixo da casa ou ben para espazos libres e usos colectivos.
Ó non estar condicionados por muros de carga, a división dos espazos podía ser diferente da que houbo ata ese momento: os tabiques podían colocarse segundo as necesidades de cada planta, sen ter por que haber a mesma distribución en todas elas
Ó perder a fachada a súa cualidade de soporte, as fiestras poden distribuirse a vontade sen ter en conta o reparto interior.
As ventás poden extenderse de parede a parede, o que permite unha iluminación dos espazos oito veces superior que empregando xanelas verticais.
Para que as cidades recuperen a superficie empregada na construción, utilizarase o tellado plano en beneficio da vivenda: tellado-terraza, tellado-xardín.
O formigón armado é un material de construción moi utilizado que combina dúas cousas: o formigón, que é resistente á compresión (ás forzas que o apretan), e o aceiro, que é resistente á tracción (ás forzas que o estiran). Ao xuntar estes dous materiais, conseguimos un conxunto moi forte, que aguanta moito peso e tensións diferentes. O formigón faise mesturando cemento, area, grava e auga. Cando endurece, queda como pedra. Pero por si só, o formigón pode romper se recibe forzas que o estiran. Por iso se lle engaden varillas ou mallas de aceiro no seu interior antes de que seque: así nace o formigón armado. Este material é moi común na construción de edificios, pontes, estradas ou estruturas grandes, porque é barato, resistente, duradeiro e fácil de moldear. Ademais, o aceiro e o formigón funcionan ben xuntos porque se expanden e contraen de forma parecida coas temperaturas. Un bo exemplo de como funciona o formigón armado é unha viga dun edificio: o formigón soporta o peso que vén de arriba e o aceiro evita que a viga se rompa por abaixo aó dobrarse. Co paso do tempo, o formigón armado pode deteriorarse, sobre todo se a humidade fai que o aceiro do seu interior se oxide. Por iso é importante deseñalo e mantelo ben. O formigón armado revolucionou a arquitectura moderna, permitindo construír máis alto, máis ancho e con máis seguridade.
No pasado, os edificios facíanse con muros moi grosos para poder aguantar o peso. Pero co descubrimento do formigón armado, isto cambiou. Agora podíase construír con piares e vigas, que fan que os edificios sexan máis lixeiros e flexibles.
O arquitecto Le Corbusier aproveitou esta novidade. No ano 1926, propuxo unhas novas normas para construír edificios modernos.
Segundo el, a forma dos edificios debe adaptarse ao uso que se lles vai dar. Non é necesario seguir formas antigas só por costume. Así naceron edificios con formas novas. O primeiro foi a Vila Savoye, no ano 1928.
Le Corbusier propoñía usar piares no canto de muros grosos. Estes piares van desde o chan e elevan a casa. Así evítase a humidade e o espazo de abaixo pode usarse como xardín ou zona común.
Como os muros xa non teñen que suxeitar o edificio, os tabiques poden colocarse libremente. Cada planta pode ter unha distribución diferente, segundo as necesidades.
A fachada xa non soporta peso. Por iso, as ventás poden colocarse onde se queira, sen depender da estrutura interior.
As ventás poden ir dunha parede a outra. Isto permite que entre moita luz natural. A luz natural mellora o benestar e reduce o gasto de electricidade.
O tellado plano pode usarse como terraza ou xardín. Así aprovéitase o espazo da cuberta, que antes non se utilizaba.
O formigón armado é unha mestura de dous materiais:
O formigón faise con cemento, area, grava e auga. Dentro del ponse aceiro (en forma de varillas). Este conxunto é moi forte e úsase moito en edificios, pontes ou estradas.
Co tempo pode deteriorarse se entra auga. Por iso, hai que coidalo e mantelo ben. Grazas ao formigón armado, hoxe pódese construír máis alto e con máis seguridade.
Localiza na túa vila un espazo público que fose rehabilitado ou construído baixo o criterio dos cinco puntos de Le Corbusier.
| EXCELENTE | NOTABLE | SUFICIENTE | INSUFICIENTE | MAL | |
|---|---|---|---|---|---|
| Atención á profe | Escoito, sigo as indicacións e mesmo me separo d@s compañeir@s cando molestan. (1.5) | Escoito e sigo as indicacións. (1.25) | Máis ou menos sigo as indicacións en xeral, pero a veces non o consigo. (1) | Non me apetece ou non podo estar tranquil@ na aula e comportarme. (0.75) | Non podo estar na aula, é un sufrimento, e fago por que me boten (0) |
| Mantemento do taller | Emprego as ferramentas das caixas da miña mesa e devólvoas logo ó seu sitio, comprobando que todo está ordeado igual que ó comezo; deixo o meu posto limpo e recollido e varro cando me toca; desboto os residuos no contedor correspondente. (1.5) | Emprego as ferramentas das caixas da miña mesa e devólvoas logo ó seu sitio, pero non sempre verifico que as caixas están como no comezo; deixo o meu posto limpo e recollido e varro cando me toca; non sempre desboto os residuos no contedor correspondente. (1.25) | Emprego as ferramentas das caixas da miña mesa ou doutras. Non sempre deixo limpo e recollido nin varro sempre que me toca; non sempre desboto os residuos no contedor correspondente. (1) | Traballo só ás veces, e coas ferramentas que cadre. (0.75) | Non traballo. (0) |
| Traballo coas ferramentas | Emprego SEMPRE as ferramentas adecuadas para cada material (escofina para madeira, lima para metal, serrucho para madeira e plástico, serra de metal para metal, etc.) e cumpro as normas de seguridade no manexo delas, pois interésome por SABER USALAS BEN. Non desperdicio termofusible, lixa nin madeira. Na mesa, cando corto co cutter ou pego con termofusible uso a táboa de protección. (4.5) | Emprego EN XERAL as ferramentas adecuadas para cada material (escofina para madeira, lima para metal, serrucho para madeira e plástico, serra de metal para metal, etc.) e cumpro as normas de seguridade no manexo delas ATA ONDE SEI, pero recoñezo que podería facelo mellor. APENAS DESPERDICIO termofusible, lixa nin madeira. Normalmente uso a táboa de protección cando corto ou pego na mesa. (3) | Emprego as ferramentas como sei, pero nunca prestei moita atención a cal se usa en cada caso nin ás normas de seguridade. Non presto atención a optimizar o gasto de termofusible, lixa nin madeira. Non uso a táboa de protección para cutter e pistola case nunca. (2) | Non coñezo como se usan as ferramentas e fago un pouco como me parece (cando traballo). (1) | Non traballo. (0) |
| Traballo cos equipamentos informáticos | Intento usar sempre o mesmo equipo, gardo o cargador e rato na caixa correspondente e uso as aplicacións que preciso para cada tarefa. Non entro en pestanas que non correspondan. Teño unha carpeta no escritorio e se descargo arquivos, gárdoos na miña carpeta. Fago por manter limpo o escritorio. (2.5) | Intento usar sempre o mesmo equipo, gardo o cargador e rato na caixa correspondente e uso as aplicacións que preciso para cada tarefa, pero a veces entro en pestanas que non corresponden. Teño unha carpeta no escritorio, pero se descargo arquivos, non sempre os gardo nela. Non me preocupo moito de como está o escritorio. (1.75) | Uso o equipo que cadre, non coido moito de gardar cargador e rato na súa caixa, e uso as aplicacións que me parece. Non teño unha carpeta no escritorio, así que cando descargo arquivos, gárdoos onde lle cadra. Fago por manter limpo o escritorio. (1.50) | Descoñezo cal é o meu equipo e que ten unha caixa para cargador e rato. Uso as aplicacións que quero e non teño conta de ningún arquivo que descargo, deixándoo en calquera carpeta. (1.25) | Nin me enterei de que foi o tema nin me importa (0) |
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Atribución Compartir igual 4.0