Saltar navegación

GUÍA DIDÁCTICA

DESCRICIÓN DA UNIDADE

INTRODUCIÓN

O presente Obxecto Dixital Educativo (en adiante ODE) representa unha secuencia didáctica completa dentro do proxecto presentado para a concesión da licenza, baixo o título "ObraDOiro MuSIcal", e a súa secuenciación correspóndese coa unidade número seis dentro da estrutura do mesmo.

Tal e como se detalla na proposta de proxecto, o seu obxectivo principal é lograr unha aproximación efectiva do alumnado cara a industria musical, a prol de discriminar as principais profesións que integran o sector, recoñecer e valorar a labor de cada unha das persoas que interveñen neste proceso de principio a fin. Na súa liña de acción principal o alumnado creará a súa propia produción musical, experimentando de maneira activa todas as etapas progresivas para logralo e relacionándoas coas achegas dos profesionais en cada ámbito.

Nesta secuencia didáctica en concreto realizaremos unha aproximación á figura do/a arranxista musical, persoa encargada de confeccionar as partituras en coordinación co resto do equipo creativo na produción dunha obra musical, de maneira que poidan ser rexistradas e atribuír así a súa autoría. Empregaremos as novas tecnoloxías (o software libre Musescore cargado por defecto na maqueta ABALAR) para elaborar unha partitura sinxela da nosa propia canción, discriminando a dotación instrumental escollida e o rol que desempeña cada intérprete dentro do conxunto. 

Na súa estruturación interna esta unidade conta cunha sección inicial que actúa a modo de introdución e/ou contextualización dos contidos da unidade coñecida como “INTRO”, e presenta tamén unha sección final de ampliación denominada “¿SABÍAS QUE?”.

* As referencias sobre os distintos elementos curriculares que se amosan a continuación se elaboraron en base ó establecido para o nivel educativo de quinto curso de educación primaria no Decreto 155/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

OBXECTIVOS DIDÁCTICOS

A través desta unidade, o alumnado traballará os seguintes obxectivos de área:

OBX1. Descubrir propostas artísticas musicais e dancísticas de diferentes xéneros, estilos, épocas e culturas, a través da recepción activa, para desenvolver a curiosidade, a sensibilidade, o pensamento crítico e o respecto pola diversidade.

OBX2. Recoñecer os elementos básicos específicos da linguaxe musical, a través da percepción e da análise de diferentes fragmentos e obras, para chegar á comprensión das diferentes manifestacións culturais e artísticas.

OBX4. Expresar e comunicar de maneira creativa ideas, sentimentos e emocións, experimentando coas posibilidades do son, do corpo e dos medios dixitais, para producir obras propias.

OBX5. Participar do deseño, elaboración e difusión de producións culturais e artísticas musicais e dancísticas, tanto individuais coma colaborativas, poñendo en valor o proceso e asumindo diferentes roles na consecución dun resultado final, para desenvolver a creatividade, a noción de autoría e o sentido de pertenza.

No referente a obxectivos didácticos podemos detallar os seguintes:

  • Coñecer a figura do arranxista musical para a elaboración das partituras no ámbito do proceso creativo dunha peza. 
  • Comprender a importancia das novas tecnoloxías (programas de edición de partituras) para facilitar este proceso.
  • Recoñecer e interactuar coas diferentes funcións básicas que presenta o software Musescore, a prol de potenciar a autonomía do alumnado para rexistrar composicións musicais de autoría propia.
  • Identificar a partes principais dunha partitura (clave de sol, compás, tempo, dinámica...) recoñecer o seu significado e adaptalas para a propia composición.
  • Empregar a linguaxe musical convencional para elaborar unha melodía sinxela. 
  • Escoller unha dotación instrumental para interpretar a composición, recoñecendo a función de cada instrumento dentro do conxunto e adaptando a técnica compositiva as súas peculiaridades sonoras. 

CONTIDOS

En relación ó establecido no currículo de referencia os contidos traballados son os seguintes:

Bloque 1. Educación musical: percepción e análise.

▪ Profesións vinculadas á creación e interpretación musical. Coñecemento e valoración. // ▪ O son e as súas calidades: identificación visual e auditiva, clasificación e representación de diversidade de sons e estruturas rítmicas e melódicas a través de grafías convencionais e non convencionais. // ▪ A voz e os instrumentos musicais. Familias e agrupacións máis representativas. Clasificación e comprensión da natureza da produción sonora en cada tipo. Identificación visual e auditiva. Instrumentos dixitais. Aproximación a instrumentos non convencionais e exóticos. // ▪ O tempo, o carácter e a dinámica: identificación e descrición. // ▪ O pulso, o acento e o compás: identificación e diferenciación entre compás binario, ternario e cuaternario. Introdución ao concepto de subdivisión. // ▪ Vocabulario específico de música. // ▪ Recursos dixitais de uso común para música.

Bloque 2. Educación musical: creación e interpretación.

▪ Linguaxes musicais: aplicación dos seus conceptos fundamentais na interpretación e na improvisación guiada de propostas musicais vocais e instrumentais. O silencio como elemento fundamental da música: utilización adecuada na interpretación musical. // ▪ Aplicacións informáticas de gravación, edición de audio e edición de partituras: utilización guiada na audición, coñecemento, interpretación, gravación, reprodución, improvisación e creación de obras diversas. // ▪ Fases do proceso creativo: planificación, interpretación, experimentación e avaliación.

Bloque 3. Educación en artes escénicas e performativas: percepción e análise.

▪ Estratexias de recepción activa. // ▪ Vocabulario específico das artes escénicas e performativas. // ▪ Recursos dixitais de uso común para as artes escénicas e performativas. // ▪ Normas de comportamento e actitude positiva na recepción de propostas vinculadas coa expresión corporal e dramática en diferentes espazos culturais e artísticos. O silencio como elemento e condición indispensable para manter a atención durante a recepción.

Bloque 4. Educación en artes escénicas e performativas: creación e interpretación.

▪ Aproximación ao uso responsable de bancos de imaxes e sons: respecto ás licenzas de uso e distribución e contidos xerados por outros. Plaxio e dereitos de autor. // ▪ Fases do proceso creativo: planificación, interpretación, experimentación e avaliación. // ▪ Avaliación, interese e valoración, tanto do proceso coma do produto final, en producións escénicas e performativas. // ▪ Normas elementais de comportamento e actitude positiva na creación e interpretación de propostas vinculadas coa expresión corporal e dramática.

METODOLOXÍA

metodoloxía a empregar nesta unidade fomenta a adquisición de coñecemento mediante o descubrimento guiado. O modelo de aprendizaxe plantexa unha visión constructivista da intervención pedagóxica para acadar un aprendizaxe significativo no alumnado. O método didáctico responde a unha metodoloxía específica por ámbitos, de maneira que se seleccionan contribucións de autor diversas en función das necesidades educativas que plantexa cada actividade. 

ORIENTACIÓNS METODOLÓXICAS

figura docente está disposta neste proxecto como axente facilitador da aprendizaxe, de maneira que sexa o propio alumnado o protagonista do seu procedemento de ensino-aprendizaxe dende unha visión activa.  O docente exercerá de mediador, con especial relevancia nos puntos de inicio (explicación das tarefas) e nas situacións de debate ou actividades grupais, tentando sempre limitar as súas intervencións na medida do posíbel.

O tempo de realización das propostas didácticas establecido, así como a distribución do espazo e a formación de grupos de traballo é orientativa, sendo susceptíbel de ser modificada a criterio docente en función das necesidades da súa realidade educativa. 

Os métodos didácticos anteriormente citados poden ser tamén adaptados na práctica se así se considera, na procura de adecuar as actividades ao noso contexto próximo (dotación instrumental de aula, recursos materiais, distribución des espazos...)

COMPETENCIAS CLAVE

Competencia en comunicación lingüística (CCL): estará presente en tódolos intercambios orais que se desenvolvan na aula nos seus diferentes rexistros (espazos para o debate, exposicións) no coñecemento e uso dunha linguaxe técnica precisa adecuada a esta disciplina artística e no uso de linguaxe musical en relación a creación de letras ou a improvisación rítimica.

Competencia persoal, social e de aprender a aprender (CPSAA): mediante a  inmersión do alumnado nun método de aprendizaxe activo, que implica a interiorización de conceptos tratados na aula desde unha perspectiva máis ampla, que permite a súa implementación en diferentes contextos da súa vida cotiá. De igual xeito derivada dun comportamento axeitado nas distintas situacións de ensino-aprendizaxe durante o desempeño das tarefas. Unha actitude prosocial e participación activa, así como o coñecemento das regras de convivencia, o respecto aos seus iguais, a tolerancia ás diferentes opinións e a distribución do traballo.

Competencia plurilingüe (CP): Amósase na audición activa de obras musicais en lingua estranxeira, xunto coa aproximación a vocabulario específico propio do ámbito da produción musical que tamén emprega terminoloxía en inglés.

Competencia cidadá (CC): presente no tratamento de información relacionada coas profesións que integran o panorama musical actual, a labor que desempeñan e o seu recoñecemento. Tamén o coñecemento de diferentes culturas e tradicións, épocas e xéneros musicais contribúen na adquisición desta competencia.

Competencia dixital (CD): adquirida no emprego de aplicacións e plataformas específicas na rede para o desenvolvemento das actividades; neste caso o programa de edición musical Musescore para confeccionar unha partitura sinxela da súa propia composición ao tempo que visualizan e interactúan co propio ODE.

Competencia emprendedora (CE): en liña co eixe do proxecto, a posibilidade por parte do alumnado de adquirir o desempeño competencial suficiente para completar o proceso de produción musical de maneira autónoma, representa un recurso moi relevante para xestionar as súas inquedanzas e iniciativas nun futuro próximo. O coñecemento da industria musical e as profesións relacionadas, supón unha posibilidade de emprendemento tanto a nivel individual como colectivo, xa sexa como integrante dunha agrupación musical ou ben dende a perspectiva lúdica da produción sonora.

Competencia en conciencia e expresión culturais (CCEC): mediante a selección dun repertorio amplo e variado, podemos facer un enfoque sociocultural a través dos diferentes períodos que conforman a historia da música e tratar as distintas manifestacións artísticas en función da súa situación xeográfica, xéneros  e artistas máis representativos.

AVALIACIÓN

procedemento de avaliación desta unidade didáctica está baseado na aprendizaxe por descubrimento guiado, de maneira que é o discente o que realiza a súa autoavaliación interactiva e recibe en tempo real a retroacción correspondente a través da propia plataforma. Neste senso, empregaranse instrumentos de avaliación de índole variada para enriquecer e potenciar a capacidade de resolución de problemas e o pensamento lóxico. Os instrumentos a empregar detállanse a continuación:

  • Vídeos interactivos con cuestións progresivas
  • Actividade de encher os espazos (completar os ocos nunha oración coa palabra axeitada)
  • Lista desordenada (enumerar os elementos nunha listaxe)
  • Actividade de resposta única (soamente unha opción é correcta a escoller entre varias)

RECURSOS MATERIAIS

Para levar a cabo as diferentes propostas didácticas desta unidade precisaremos soamente dun dispositivo con conexión a internet para facer as actividades complementarias que requiran de conexión á rede, o programa de edición de partituras Musescore (dispoñíbel para a súa descarga gratuíta no seguinte enderezo), e uns altofalantes ou auriculares segundo escollamos para reproducir os arquivos de audio.

A continuación amósase a listaxe de referencias multimedia empregadas para a elaboración deste ODE.

Iván Suárez. Referencias multimedia ODE6 (CC BY-NC-SA)



Feito con eXeLearning (Nova ventá)