Saltar navegación

Un pouco de Historia...

Imos ata o Clasicismo!

Recoñeces algunhas das melodías que entoamos?

A melodía 1 é o tema principal da obra Pequena Serenata Nocturna do compositor Wolfgang Amadeus Mozart. E a melodía 4 é un dos temas máis recoñecidos da Sinfonía nº 40 do mesmo compositor. Coñeciades algunha delas? 

Retrato do compositor

W. A. Mozart naceu en Salzburgo no século XVIII (1756), e é considerado un dos músicos e compositores máis importante de todos os tempos. Foi un neno prodixio e a unha idade temperá xa compoñía grandes obras. Compuso todos os xéneros, dende óperas ata sinfonías ou concertos. 

A Serenata nº 13 para cordas (coñecida como Pequena Serenata Nocturna, Eine kleine Nachtmusik) é unha peza de 4 movementos (orixinalmente tivo 5 pero un perdeuse) para formación de cámara de cordas (dous violíns, viola, violonchelo e contrabaixo). Non se sabe por que ou para que a compuso Mozart, pero é unha das súas pezas máis emblemáticas e recoñecidas.

O fragmento que cantamos está extraído do primeiro movemento, un Allegro, en forma sonata. 

A Sinfonía nº 40 é a sinfonía máis coñecida deste compositor. Igual que acontece con outras obras, non se sabe se chegou a estrearse mentres vivía Mozart, pero existen varias versións, o que pode indicarnos que despois de escoitala, fixo algunhas melloras. 

O fragmento que entoamos é o tema principal do 1º movemento, Allegro molto.