DESCRICIÓN DA UNIDADE
INTRODUCIÓN
A presente unidade didáctica, a número seis do proxecto "Mesma música; distinto son", está deseñada coa finalidade de potenciar no alumnado a expresión corporal en tódolos ámbitos, empregando para logralo recursos didácticos que alternan a dramatización, a imitación, a representación corporal e danza. Preténdese por ende reforzar o autocoñecemento do noso propio corpo a través da linguaxe corporal en actividades colaborativas que apostan polo movemento e a participación activa cun claro compoñente lúdico.
OBXECTIVOS DIDÁCTICOS
- Recoñecer a importancia do noso corpo como instrumento para expresarnos a través de multitude de canles de comunicación.
- Establecer unha relación entre os estímulos sonoros (acompañamento musical) e a linguaxe corporal axeitada a cada situación.
- Reforzar o sentimento de pertenza a un colectivo e a empatía mediante actividades de traballo colaborativo.
- Coñecer bailes e cancións lúdicas como base para potenciar un desenvolvemento motriz efectivo no alumnado no tempo de lecer.
- Ampliar coñecementos relacionados con contidos como a produción sonora (frecuencia de vibración, altura) e instrumentos de medida (hertzios, diapasón e afinador dixital).
- Traballar conceptos relacionados coa altura como calidade do son empregando ferramentas dixitais modernas "marionetas dixitais".
- Repasar as figuras propias da linguaxe musical convencional (semicorchea, corchea e negra) relacionándoas coa prosodia rítmica de determinadas cancións.
- Comprender a posición das notas musicais na escala en función da súa frecuencia de vibración sonora.
METODOLOXÍA
Aplicarase unha metodoloxía de autor específica por ámbitos, de forma que se recollen métodos didácticos pertencentes a correntes pedagóxicas distintas implementadas en función das necesidades específicas do proxecto. Estas aportacións metodolóxicas citadas son deseñadas e modificadas no eido de atribuirlle un compoñente lúdico de aprendizaxe, e adaptarse a cada realidade educativa. Nesta unidade (detallada en cada caso a súa localización ao final) podemos destacar as seguintes contribucións de autor:
- Cancións mimábeis - Jos Wuytak (1935 - ). // "Café con leite, café" (Mesturando Vogais) e " Danza da familia Sapo" (Brincando nun nenúfar).
- Expresión corporal- Varios autores (C. Orff (1895-1982); Violeta Hemsy de Gainza (1929 -); Jaques Dalcroze (1865- 1950). // "Movemos os fíos" (Marionetas) e o "Xogo do espello" (Cambiamos o conto).
ORIENTACIÓNS METODOLÓXICAS
A figura docente está disposta neste proxecto como axente facilitador da aprendizaxe, de maneira que sexa o propio alumnado o protagonista do seu procedemento de ensino-aprendizaxe dende unha visión activa. O docente exercerá de mediador, con especial relevancia nos puntos de inicio (explicación das tarefas) e nas situacións de debate ou actividades grupais, tentando sempre limitar as súas intervencións na medida do posíbel.
O tempo de realización das propostas didácticas establecido, así como a distribución do espazo e a formación de grupos de traballo é orientativa, sendo susceptíbel de ser modificada a criterio docente en función das necesidades da súa realidade educativa.
Os métodos didácticos anteriormente citados poden ser tamén adaptados na práctica se así se considera, na procura de adecuar as actividades ao noso contexto próximo (dotación instrumental de aula, recursos materiais, coñecementos previos do alumnado...)
COMPETENCIAS CLAVE
- Comunicación lingüística (CCL): estará presente en tódolos intercambios orais que se desenvolvan na aula nos seus diferentes rexistros (espazos para o debate, exposicións). De forma concreta en tódalas actividades que potencian o uso da linguaxe en relación coa música; a interpretación de cancións con variacións na súa letra ou o coñecemento dun vocabulario técnico axeitado para referirse a conceptos relacionados co contido desta unidade.
- Aprende a aprender (CAA): mediante a inmersión do alumnado nun método de aprendizaxe activo, que implica a interiorización de conceptos tratados na aula desde unha perspectiva máis ampla, que permite a súa implementación en diferentes contextos. Desta maneira, as danzas e cancións que compoñen a parte práctica da unidade poden ser realizadas polo alumnado en contextos diversos como propostas lúdicas do tempo de lecer, favorecendo a aprendizaxe significativa.
- Competencias sociais e cívicas (CSC): derivada dun comportamento axeitado nas distintas situacións de ensino-aprendizaxe durante o desempeño das tarefas, o traballo cooperativo e a aceptación e distribución dos roles de traballo en equipo durante a práctica musical conxunta, e as actividades que implican movemento e danza. Cómpre salientar neste epígrafe a empatía cos demais e o reforzo do autoconcepto potenciados a través de actividades como o "xogo do espello" ou as "marionetas".
- Sentido de iniciativa e espírito emprendedor (CSIEE): amósase tanto na práctica musical individual como colectiva, a través dunha predisposición por parte do alumnado para realizar as actividades. A improvisación (vocal ou corporal) é un recurso especialmente salientábel neste epígrafe, tratado nas propostas didácticas con carácter práctico relacionadas coa expresión corporal.
- Conciencia e expresións culturais (CCEC): presente na inclusión no repertorio traballado de danzas e obras de orixe diverso, necesarias para acompañar as actividades. Tamén reforzada mediante a ampliación do coñecemento relativo a contidos da unidade (historia das marionetas, composición das ondas sonoras, aparellos de afinación...)
- Competencia dixital (CD): adquirida no emprego de aplicacións e plataformas específicas na rede para o desenvolvemento das actividades plantexadas nesta unidade, como é o caso das "marionetas dixitais" que emprega a ferramenta do oscillator aloxada no repositorio do Laboratorio Musical de Google.
AVALIACIÓN
O procedemento de avaliación desta unidade didáctica está baseado na aprendizaxe por descubrimento guiado, de maneira que é o discente o que realiza a súa autoavaliación interactiva e recibe en tempo real a retroacción correspondente a través da propia plataforma. Neste senso, empregaranse instrumentos de avaliación de índole variada para enriquecer e potenciar a capacidade de resolución de problemas e o pensamento lóxico. Os instrumentos a empregar nesta unidade detállanse a continuación:
- Actividade de resposta única (soamente unha opción é correcta a escoller entre varias)
- Actividade de encher os espazos (completar os ocos nunha oración coa palabra axeitada)
- Lista desordenada (enumerar os elementos nunha listaxe)
Así mesmo, algunhas das propostas didácticas que se presentan como tarefas, debido ao carácter práctico desta disciplina artística, son deseñandas para executarse na aula e polo tanto cómpre aplicar un sistema de avaliación que reforce a observación directa por parte docente. Preséntanse tamén actividades complementarias de ampliación e reforzo, e contidos relacionados coa unidade nun formato despregable baixo o título "Sabías que?"
RECURSOS MATERIAIS
Para levar a cabo esta unidade didáctica precisaremos os seguintes materais:
- Ordenador ou dispositivo dixital interactivo que permita a edición e reprodución de audio e vídeo.
- Espazo de traballo amplo con liberdade de movemento.
LICENZAS
Nesta epígrafe adxúntase o documento "Banco de recursos", no que se detallan todos os aspectos relativos á propiedade intelectual e atribución dos materiais empregados para deseñar esta unidade didáctica, xunto cos enderezos para poder consultar os repositorios web onde se atopan aloxados.