Cambiamos o conto
- Duración:
- 00:15
- Agrupamento:
- Ilimitado
De seguro que todo o mundo coñece a historia do conto de Brancaneves, onde a súa madrastra, unha malvada bruxa que vivía nun castelo sempre lle preguntaba a un espello que tiña poderes máxicos: "Espelliño, espelliño máxico... quen é a máis fermosa do reino? E o pobre espello non tiña outra opción que responder: "Vós , maxestade"
Desta volta imos cambiar un pouco a historia, e nós seremos os/as protagonistas do noso propio conto; un conto en tempo real que non ten comezo nin final. A verdade é que non precisamos nin papel nin bolígrafo, e aínda que non o creades nin tan sequera un espello! Para realizalo empregaremos a expresión corporal, e farémolo do seguinte xeito:
INSTRUCIÓNS
PRIMEIRO PASO
Preparamos o "xogo do espello"
A dinámica do xogo é preferentemente por parellas, de forma que precisamos un espazo amplo no que poidamos movernos sen dificultade. No caso de non ser pares, podemos establecer un grupo de traballo de tres persoas sen problema.
SEGUNDO PASO
Coñecemos as normas
Unha vez teñamos escollido o noso compañeiro ou compañeira e localizado o noso espazo de traballo, imos a coñecer as regras do xogo!
- O xogo desenvolverase por quendas, de maneira que un membro da parella será o encargado de crear os movementos primeiro mentres a outra persoa o ten que imitar, e despois cambiaremos os roles para alternar as nosas intervencións.
- A dinámica do xogo consiste en imitar o mellor posíbel a expresión corporal da nosa parella, reproducindo os xestos, a expresión facial ou calquera tipo de movemento.
- O acompañamento musical estará sempre presente, e para comezar o xogo deberedes reproducir o arquivo de audio que se amosa ao final desta explicación.
- Deberemos adaptar os nosos movementos á música, de maneira que intentaremos expresar en todo momento os sentimentos que nos transmite a través da expresión corporal, xa sexa mediante xestos, baile ou interpretación libre.
- Cada certo tempo e sen aviso previo a música deixará de soar intencionadamente, o que significa que é momento de "conxelarnos" e facer o tan afamado mannequin challenge. Unha campá un tanto peculiar dará o aviso exacto do comezo. Xusto despois e mentres dure o silencio, deberemos manter exactamente a mesma postura na que quedamos detidos. Cando se retome a música faremos un cambio de roles, de forma que será a outra persoa do equipo a encargada de dirixir nesta quenda (ata que volva o silencio).
** Se o desexades, podedes facer un alto no camiño e aproveitar o silencio para cambiar de parella e facer o xogo máis dinámico e colaborativo!
TERCEIRO PASO
Ollamos algúns exemplos
A continuación amósanse dous vídeos nos que podemos coñecer como se realiza o xogo do espello, e en que consiste a dinámica do mannequin challenge. Non perdades ollo!
Velaquí tedes o audio para acompañar a vosa historia, e recordade ser o máis creativos posíbel empregando a expresión corporal!
A por todas!