Saltar navegación

UD3- "MANS A OBRA"

DESCRICIÓN DA UNIDADE

INTRODUCIÓN

A terceira unidade do proxecto, plantéxase como ferramenta para potenciar a relación entre a expresividade corporal e a música.  A través de diferentes metodoloxías centrarémonos no emprego da linguaxe xestual e estableceremos diversos códigos simbólicos para transmitir información soamente coas nosas mans. Recálcase a importancia que ten a figura do/a director/a, e relaciónase cos coñecementos xa adquiridos en unidades anteriores (calidades do son, notas da escala, familias de instrumentos...) procurando unha aprendizaxe en espiral que reforce a curva da memoria.

OBXECTIVOS DIDÁCTICOS

  • Recoñecer o potencial do noso propio corpo como elemento comunicativo mediante a expresión corporal.
  • Iniciar ao alumnado na práctica da fononimia (Z. Kodaly) e asociar cada unha das notas que compoñen a escala musical a un determinado xesto.
  • Coñecer a figura do director de orquestra, e experimentar de maneira práctica os elementos básicos do seu traballo.
  • Introducir o concepto de polifonía empregando a fononimia, e descubir por aprendizaxe guiada a combinación de sons en consonancia e disonancia.
  • Realizar xogos relacionados coa temática da unidade para reforzar conceptos e como compoñente lúdico.
  • Desenrolar un sentimento de pertenza a un colectivo mediante a práctica grupal empregando a orquestra escolar Orff, a distribución de roles de traballo e o coñecemento das diferentes seccións instrumentais que presenta a agrupación.
  • Empregar a técnica do Soundpainting (W. Thompson) con adaptacións para complementar a linguaxe simbólica baseada nos xestos.

METODOLOXÍA

Aplicarase unha metodoloxía de autor específica por ámbitos, de forma que se recollen métodos didácticos pertencentes a correntes pedagóxicas distintas implementadas en función das necesidades específicas do proxecto. Estas aportacións metodolóxicas citadas son deseñadas e modificadas no eido de atribuirlle un compoñente lúdico de aprendizaxe, e adaptarse a cada realidade educativa. Nesta unidade podemos destacar as seguintes contribucións de autor:

  • Fononimia: Z. Kodaly (1882-1967). Metodoloxía adaptada ao código de xestos que se emprega na unidade para simbolizar as notas da escala musical.
  • Soundpainting: Walter Thompson (1952 -). Achegamento teórico-práctico sobre a figura do/a director/a, empregando a linguaxe corporal para dar indicacións relativas a produción do son. 
  • Orquestra escolar Orff: (1895-1982). Emprego da dotación instrumental de aula e división en seccións instrumentais concretas. 

ORIENTACIÓNS METODOLÓXICAS

figura docente está disposta neste proxecto como axente facilitador da aprendizaxe, de maneira que sexa o propio alumnado o protagonista do seu procedemento de ensino-aprendizaxe dende unha visión activa.  O docente exercerá de mediador, con especial relevancia nos puntos de inicio (explicación das tarefas) e nas situacións de debate ou actividades grupais, tentando sempre limitar as súas intervencións na medida do posíbel.

O tempo de realización das propostas didácticas establecido, así como a distribución do espazo e a formación de grupos de traballo é orientativa, sendo susceptíbel de ser modificada a criterio docente en función das necesidades da súa realidade educativa. 

Os métodos didácticos anteriormente citados poden ser tamén adaptados na práctica se así se considera, na procura de adecuar as actividades ao noso contexto próximo (dotación instrumental de aula, recursos materiais, coñecementos previos do alumnado...)

 

COMPETENCIAS CLAVE

  • Comunicación lingüística (CCL): estará presente en tódolos intercambios orais que se desenvolvan na aula nos seus diferentes rexistros (espazos para o debate, exposicións) no coñecemento e uso dunha linguaxe técnica adecuada a esta disciplina artística e no uso de linguaxe musical (convencional e non convencional). 
  • Aprende a aprender (CAA): mediante a  inmersión do alumnado nun método de aprendizaxe activo, que implica a interiorización de conceptos tratados na aula desde unha perspectiva máis ampla, que permite a súa implementación en diferentes contextos.
  • Competencias sociais e cívicas (CSC): derivada dun comportamento axeitado nas distintas situacións de ensino-aprendizaxe durante o desempeño das tarefas, o traballo cooperativo e a aceptación e distribución dos roles de traballo en equipo e na práctica musical.
  • Sentido de iniciativa e espírito emprendedor (CSIEE): amósase tanto na práctica musical individual como colectiva, a través dunha predisposición por parte do alumnado para realizar as actividades. A improvisación (neste caso baixo a técnica do Soundpainting) é un recurso especialmente salientable neste epígrafe.
  • Conciencia e expresións culturais (CCEC): presente na inclusión no repertorio traballado de obras de orixe popular.
  • Competencia dixital (CD): adquirida no emprego de aplicacións e plataformas específicas na rede para o desenvolvemento das actividades plantexadas nesta unidade.

AVALIACIÓN

O procedemento de avaliación desta unidade didáctica está baseado na aprendizaxe por descubrimento guiado, de maneira que é o discente o que realiza a súa autoavaliación interactiva e recibe en tempo real a retroacción correspondente a través da propia plataforma. Neste senso, empregaranse instrumentos de avaliación de índole variada para enriquecer e potenciar a capacidade de resolución de problemas e o pensamento lóxico. Os instrumentos a empregar detállanse a continuación:

  • Actividade de resposta única (soamente unha opción é correcta a escoller entre varias)

Así mesmo, algunhas das propostas didácticas que se presentan como tarefas, debido ao carácter práctico desta disciplina artística, son deseñandas para executarse na aula e polo tanto cómpre aplicar un sistema de avaliación que reforce a observación directa por parte docente.  Preséntanse tamén actividades complementarias de ampliación e reforzo, e contidos relacionados coa unidade nun formato despregable baixo o título "Sabias que?"

RECURSOS MATERIAIS

Para levar a cabo esta unidade didáctica non precisaremos ningún recurso especial; soamente a dotación instrumental de aula.

LICENZAS

Nesta epígrafe adxúntase o documento "Banco de recursos", no que se detallan todos os aspectos relativos á propiedade intelectual e atribución dos materiais empregados para deseñar esta unidade didáctica, xunto cos enderezos para poder consultar os repositorios web onde se atopan aloxados.

Banco de recursos UD3
Iván Suárez. Banco de recursos UD3 (CC BY)