A figura do director ou directora é vital para que a orquestra poida interpretar unha peza musical sen problema. En inglés denomínase "conductor", e como o seu nome indica é o encargado de conducir a toda a formación musical (en ocasións poden chegar a ser máis de cen persoas) baixo as súas indicacións.
E como unha imaxe vale máis que mil palabras, a continuación podedes ollar un vídeo no que Ingo Metzmacher, un afamado director de orquestra, dirixe a Orquestra Filarmónica de Berlín interpretando o mambo da peza "West Side Story", do compositor Leonard Berstein. Prestade atención a como emprega a linguaxe xestual para comunicarlle aos músicos o que teñen que facer.
A persoa que dirixe adoita empregar unha ferramenta moi particular para reforzar a súas indicacións e que poidan ser visualizadas por todos os músicos. Trátase dunha especie de "variña máxica" que en ocasións é deseñada e fabricada especialmente para un, e non existe outra igual. Recibe o nome de batuta, e na seguinte imaxe podedes facervos unha idea de como é:
Nesta actividade ímonos a converter en auténticos/as directores/as de orquestra! E como é de supoñer, precisamos unha formación instrumental para tocar a música que se nos pide. Pois ben, empregaremos a dotación instrumental de aula da que dispoñamos no noso contexto próximo, que de maneira orientativa se detalla no seguinte despregable:
Dotación instrumental de aula (Orquestra escolar Orff)
Obxectos sonoros
1.- Pau de chuvia.
Altura determinada
2.- Frauta de émbolo.
3.- Frauta doce.
Altura indeterminada
4.- Pito
Percusión de altura indeterminada (IPAI)
5.- Triángulo
6.- Maracas
7.- Paus rítmicos
8.- Axóuxeres
9.- Pandeireta
10.- Pandeiro
11.- Pratos
12.- Caixa china
13.- Claves
14.- Crótalos
15.- Temple Block
16.- Bombo
Percusión de altura determinada (IPAD)
17.- Xilófonos
18.- Metalófonos
19.- Carillóns
INDICACIÓNS PARA DIRIXIR
Antes de comezar, deberemos facer unha distribución axeitada dos roles de traballo: unha persoa será a encargada de dirixir mentres que o resto serán os músicos que formarán a orquestra, cada un deles terá o seu propio instrumento e deberán seguir as indicacións da persoa que dirixe.
Tipos de indicacións xestuais
A persoa encargada de dirixir a orquestra empregará un código de xestos coñecido por tódolos músicos, e cada unha das indicación terá un significado distinto dependendo da súa intención. Agrupamos os xestos de dirección nas en diferentes categorías:
QUEN
Este xesto irá dirixido a un instrumentista en concreto, ou ben a unha sección ou grupo dentro da orquestra, e indicará quen é o escollido pola persoa que dirixe para comezar a tocar. Seguido a este xesto, deberán acompañalo as indicacións relativas a "como" facelo, das que atoparedes máis indicacións a continuación.
No caso de querer escoller a un grupo de persoas, empregaremos o xesto de sinalar (arriba) acompañado doutro xesto no que se detalla cos dedos o número de persoas as que nos referimos cando sinalamos. No caso de facer este xesto coas dúas mans e sinalar a todo o conxunto entenderase que as ordes que faga o director serán de cumprimento para toda a formación musical.
Se pola contra, despois de empregar este xesto sinalando a unha persoa que xa está participando e a intención da persoa que dirixe é que deixe de tocar, deberá acompañalo con outro xesto co puño pechado que representa a fin da súa intervención. No caso de empregar este xesto en ámbalas dúas mans toda a orquestra ao completo gardará silencio ata recibir novas indicacións. É o seguinte:
Nesta categoría de xestos a persoa que dirixe indicará ao instrumentista ou grupo escollido para tocar (despois de ser sinalado) COMO debe facelo. Neste senso, poderá indicarnos que toquemos unha nota da escala en concreto, unha melodía improvisada ou que fagamos modificacións na intensidade coa que esteamos a tocar (forte ou suave). Imos a comprobalo paseniño!
ALTURA
Como xa traballamos, a altura e unha calidade do son que nos permite diferenciar se un son é agudo ou grave.
Ô-Ô Pero ollo! Non todos os instrumentos poden variar a súa altura cando tocan, xa que dependendo da súa familia existen algúns que pola súa construción non poden facer notas, senón que soamente tocan ritmos. Por iso, non lle podemos pedir a unha pandeireta que toque a nota "RE", nin a unhas maracas que fagan unha escala musical! A persoa que dirixe deberá ter claro o que lle pide a cada instrumento para que o poida facer sen problemas.
Neste punto atoparemos as seguintes indicacións:
Xesto específico para cada nota da escala; coa man e seguindo o código das notas que temos aprendido indicaremos a nota escollida, e por suposto podémola cambiar no momento que desexemos para construír fermosas melodías! Aquí debaixo aparecen de novo todas as notas musicais do código!
Código xestual das notas da escala
Iván Suárez. Código xestual das notas da escala(CC BY)
Improvisación melódica: O director ou directora pode pedir a un/unha instrumentista que cree unha melodía en tempo real, sen ter nada planificado. Cando isto acontece recibe o nome de improvisación, e é de carácter totalmente libre! O xesto para comunicalo será movendo a man coma se subira e baixara polas ondas do mar.
A potencia sonora coa que os músicos deberán tocar será indicado polo/a director/a empregando o código de xestos que teñen que ver coa intensidade, que como xa aprendemos, é xunto coa altura unha calidade do son. A intensidade sérvenos para recoñecer se un son é forte ou débil, e neste caso serán as mans da persoa que dirixe as que regularán o volume co que deberemos tocar. Para logralo levaremos a práctica os seguintes xestos: