Saltar navegación

Lectura e análise de cartas

ACTIVIDADE: Lectura individual das cartas recibidas

Sentados en corro, repártense as cartas recibidas e lense individualmente. As cartas veñen acompañadas dunha foto de grupo do alumnado remitente para que poidan identificar ao seu interlocutor.

Ofrécese a opción ao alumnado que o desexe a compartir parte do contido das cartas co resto do grupo.

Grupo emisor



ACTIVIDADE: Lectura colectiva de cartas seleccionadas

carta recibida

Lectura colectiva das que resulten máis interesantes, previa selección da persoa docente, para servir de bos modelos.

Analízanse as diferenzas e as semellanzas das cartas seleccionadas e vanse rexistrando no encerado.

ACTIVIDADE: Análise de cartas

Para esta actividade solicitaremos que o alumnado traia das súas casas diferentes tipos de cartas. De entre todas as recollidas, entre as que se atopan as recibidas do grupo de alumnado interlocutor, a persoa docente seleccionará algunha para a súa análise. Achégase un modelo que pode guiar na análise, en relación á seguinte documentación.

Que é unha carta?

Tipos de carta atendendo á súa forma

  • Formais: Unha carta pasa a ser formal cando se escribe a unha persoa descoñecida, a unha autoridade, ou a un medio de comunicación, por exemplo. Ou cando o tema que se trata require formalidade. Por exemplo, aínda que unha persoa sexa amiga de outra, si teñen algún tipo de relación profesional, cando estas comunicacións sexan importantes, como por exemplo unha renuncia ao seu traballo, esta debe comunicalo por medio dunha carta formal.
    As cartas formais están consideradas textos informativos, porque a entrega da información é o que as xustifica, aínda que tamén se poidan expresar opinións ou sentimentos.
  • Informais: Utilízanse para manter comunicación coa xente coñecida coa que se ten confianza, como familiares ou amigos. Para iso utilizamos a linguaxe informal ou coloquial. Nela transmítense acontecementos, sentimentos e pensamentos. A estrutura deste tipo de carta non é tan ríxida como no caso das cartas formais

Tipos de cartas atendendo á mensaxe que queremos dar

Poderiamos escribir moitas liñas sobre os máis diversos tipos de cartas: cartas ao director, cartas de pedido, cartas de benvida... aquí veremos algúns exemplos das máis utilizadas, servindo de base para a maior parte de cartas similares en obxectivo e/ou contido:

  • Cartas de agradecemento: Son aquelas nas que expresamos a nosas máis sinceras grazas por un favor realizado, por unha axuda prestada, por unha hospitalidade recibida, etc...
  • Cartas de desculpa: Aquelas cartas que escribimos para desculpar certa incorrección, actitude ou erro cometido no transcurso dun encontro.
  • Cartas de solicitude: En determinadas ocasións precisamos información, datos sobre un produto ou servizo, un emprego, etc... En todas elas haberá que expresar de forma moi clara o obxectivo da mesma, de forma breve e clara. Normalmente coa fórmula EXPOÑO - SOLICITO.
  • Cartas de felicitación: Se desenvolvemos unha mínima vida social, hai múltiples ocasións nas que poder felicitar. Dende o nacemento dun novo bebé, ata un ascenso no traballo, a obtención dun título académico, etc...
  • Cartas de protesta / reclamación: Hai ocasións nas que un servizo ou produto non cumpriron as expectativas que esperabamos del, ou non responde ás características que se indicaban na publicidade ou á finalidade para a que foi adquirido.
  • Cartas comerciais: Esta correspondencia aínda perdura en gran medida, sempre escritas a máquina ou impresora, aínda que a aparición de novos medios como o correo electrónico está minguando de xeito considerable o tráfico de cartas de papel sendo substituídas polos medios electrónicos.

Formato da carta

  • Encabezamento: Na marxe superior esquerda escríbese tanto o lugar como a data na que se redacta a carta. Tamén se pode incluír o nome ou a dirección do receptor.
  • Saúdos: Hai varias formas de expresar o saúdo; polo xeral faise utilizando "Querido/Querida", aínda que dependendo do grado de confianza que se teña co destinatario, pódese empregar dende un simple ola ata outros saúdos máis formais do tipo "Estimado/Estimada", etc.
  • Corpo: A estrutura da carta reflíctese neste apartado, pode adoptar diferentes formas (dialogal, expositiva, narrativa...) dependendo da intencionalidade da persoa escritora. Normalmente comézase con un parágrafo introdutorio sobre o obxecto da carta. Exemplo: - Por fin atopei un pouco de tempo para poder contarlle todo o que me pasou nestas últimas semanas. Dende que te fostes estiven moi ocupado no traballo. Ademais decidín que vou mudar a unha casa máis grande, por iso levo todos estes días sen parar de buscar anuncios de pisos polas zonas que máis me gustan da cidade.
  • Despedida e sinatura: existen diferentes xeitos para despedirse por escrito, segundo a relación que teñamos coa persoa á que lle escribimos a carta. Os máis comúns acostuman a ser: con agarimo, un abrazo, atentamente, un saúdo... Exemplo: Un forte abrazo do teu amigo, Carlos.
  • Posdata:  En ocasións pódese engadir unha posdata ao final da carta na que se recorda ou se inclúe algunha información puntual que se nos esquecera escribir na parte do corpo da carta. Indícase coa abreviatura "P.D.". Exemplo: - P.D.: Dime cando son as mellores datas para que vaia visitarche, así ímolo organizando xa.

Modelo para a análise das diferentes cartas

libreofficeglEntregar este modelo ao alumnado para a análise das diferentes cartas, tendo en conta que é posible á súa adaptación previa por parte do docente co software LibreOffice Writer