Sementando camiños
"Sementando camiños" busca facer consciente ao alumnado das problemáticas ambientais actuais e do seu papel no mundo como seres responsables do que nel acontece. Fomentando valores fundamentais para convivir co resto de seres vivos e contribuír ao desenvolvemento dun planeta mellor.
O REA parte da historia do Carballo Ventureiro. A través deste fío condutor achégase ao alumnado aos bosques autóctonos galegos, identificando condutas incívicas a partir dos dereitos humanos, recoñecendo as ameazas ao medio ambiente e promovendo unha conciencia ambiental que lles permita reflexionar e argumentar sobre o impacto do ser humano no medio natural para poder buscar alternativas.
O reto consiste na creación grupal dunha escultura con materiais de refugallo achegando ao alumnado á arte da reciclaxe. Preténdese que sexan quen de expresar artisticamente unha das ameazas ambientais ás que se enfronta o planeta hoxe en día (cambio climático, deforestación, desertización, contaminación e perda de diversidade). Para iso, transformarán lixo dándolle unha nova vida, como sinónimo de resistencia fronte ao consumismo inconsciente. É importante citar que a escultura debe incluír un pequeno carballo (plantación previa de landras).
As esculturas naturais dos diferentes grupos formarán parte da terceira e última sala do museo da área de Educación en Valores Cívicos e Éticos, dando así continuidade á proposta para a área.
A primeira das salas, correspondente ao REA 1 "Pinceladas de emocións" albergaba composicións artísticas sobre as emocións.
A segunda sala elaborada no REA 2 "Mil latexos de papel", estaba formada por instalacións artísticas a través dunha maleta como sinónimo das realidades sociais asociadas á migración.
Os diferentes bloques do REA están deseñados partindo das características do DUA, de forma que a información e as tarefas preséntanse con diferentes niveis e múltiples formatos tentando chegar ao maior número de realidades individuais do noso alumnado. As actividades propostas son tanto individuais como grupais e estruturan os contidos en cinco bloques principais entrelazados, relacionados coas amezas ambientais sobre as que versarán as esculturas do reto.
Para sacar o máximo proveito a este REA recoméndase propiciar:
- Diálogo: Crear círculos de debate para aprender a argumentar e expresar a opinión propia de xeito crítico, incorporando as achegas de compañeiras e compañeiros.
- Análise crítica: animar o alumnado a observar situacións da vida cotiá para identificar condutas incívicas e buscar alternativas sostibles para frear o cambio climático.
- Acción práctica: levar o aprendido máis alá da aula, aplicándoo na vida diaria xerando un compromiso de respecto cara á contorna.