Sementando camiños
Este REA (Recurso Educativo Aberto) correspóndese coas unidades 5 "Todos os seres vivos merecemos respecto" e unidade 6 "E eu, como podo axudar ao planeta?" da área de Educación en Valores Cívicos e Éticos da programación de Proens. É un recurso globalizado, que abrangue distintas áreas dun xeito transversal.
O fío condutor é a creación dun museo. Co desenvolvemento dos retos, configuraremos as obras que darán forma a este espazo, con tres salas definidas (unha para cada reto).
O último dos retos é a creación dunha escultura natural que reflicta os coñecementos adquiridos ao longo do proxecto, dándolle forma á sala 3 do museo. Nesta obra, a importancia do emprego de materiais de refugallo e a plantación de árbores autóctonas convértese nun xeito de reivindicar o coidado do planeta.
Esta proposta didáctica, ten como fin mellorar o desenvolvemento global do alumnado, estimulando a expresividade, a sensibilidade social e natural e as capacidades comunicativas. Preténdese favorecer a educación emocional como punto clave na xestión de aprendizaxes e o fomento dunha educación ambiental consciente.
Neste sentido, o REA está vencellado coa unidade 2 "Animación" da área de Educación Plástica e Visual. Porén, é preciso indicar que se traballan intrinsecamente aspectos da área de Lingua galega e Literatura, Ciencias Sociais e Ciencias Naturais. Esta última, concretamente a temática dos seres vivos, relacións dos ecosistemas e cambio climático, serán pezas fundamentais.
A través da consecución do reto, promóvense as seguintes metas de aprendizaxe:
- Promover e amosar comportamentos responsables cos seres vivos, a través do seu coidado.
- Definir con claridade as ameazas que afectan ao entorno natural.
- Interactuar co grupo de forma autónoma, adoptando condutas cívicas e éticas.
- Valorar a arte como expresión de sentimentos e enriquecemento cultural.
- Respectar as intervencións dos demais, valorándoas e recollendo ideas que enriquezan as achegas propias.
- Entender os dereitos humanos como base para o respecto do medio ambiente.
- Valorar o respecto cara á diversidade en todas as súas formas.
- Desenvolver un espírito crítico, ante calquera ameaza que afecte ao medio natural ou ecosistema.