Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recursos materiais necesarios

Recursos materiais:

  • Caderno
  • Material de refugallo: plásticos, teas, envases, gomas, redes, tapóns, cortiza, caixas...
  • Material funxible: papel de cores, papeis reciclados e tanza.
  • Elementos naturais: carballo, terra, follas, sementes, paus, pedras, cunchas...
  • Ferramentas: regras, tesoiras, lapis, cola, cinta adhesiva, rotuladores etc.

Software:

Será imprescindible que o alumnado conte cun dispositivo electrónico (ordenador ou tableta) con acceso á rede para a busca de información, a visualización de vídeos e o desenvolvemento das actividades.

  • Documentos de texto: Libre Office Writer.
  • Gravación de audio: Audacity.
  • Creación de códigos QR: programa QtQr da maqueta Abalar.
  • Outras ferramentas tecnolóxicas.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

Proponse a creación de 5 grupos heteroxéneos e permanentes ao longo do REA para a realización do reto final. Á hora de facer os grupos por parte do profesorado, recoméndase ter en conta as bases da aprendizaxe cooperativa. De xeito que cada grupo estea formado por alumnado capaz de axudar os demais, alumnado con dificultades de aprendizaxe e resto de alumnado.

Tamén haberá momentos para outro tipo de agrupamentos.

Produtos finais

O produto final do REA é a escultura natural elaborada previamente.

Esta obra artística terá como temática a representación dunha das cinco propostas:

  • Cambio climático
  • Deforestación
  • Desertización
  • Contaminación
  • Perda de diversidade

Cada escultura contará cunha tarxeta explicativa que xustifique os contidos desenvoltos na obra, incluíndo os seguintes puntos:

  • Título da obra.
  • Contido específico traballado (establecido nos agrupamentos).
  • Listaxe de materiais de refugallo empregados e lugar da extracción.
  • Código QR que albergue o resumo do que representa.

A obra incluirá un carballo (resultado da plantación da landra) como elemento natural e metáfora da transformación artística: a natureza prevalecendo. 

O código QR dará tamén acceso á ficha técnica da obra, estruturada nos seguintes apartados:

  • Título da escultura.
  • Temática e foto da escultura.
  • Nome das persoas autoras.
  • Lugar de procedencia dos materiais.
  • Proceso de creación da escultura (pasos).
  • Resumo explicativo da creación.

Estas esculturas formarán parte da terceira sala do museo (aula ou corredor habilitado). O alumnado visitará as obras dos demais equipos.

Enfoque multinivel do reto

O reto está deseñado para favorecer a participación de todo o alumnado, respectando as súas capacidades, intereses, estilos de aprendizaxe e nivel de autonomía. Co obxectivo de garantir unha adecuada atención á diversidade, o reto ofrece tres opcións de consecución en función do grao de autonomía, reflexión e transferencia de aprendizaxes que faga o alumnado.

Dentro de cada unha das opcións están nivelados os distintos apartados que ten que ter a presentación da escultura:

  • Título elixido.
  • Explicación da temática traballada.
  • Materiais de refugallo empregados.
  • Relación da escultura coa temática.
  • Discurso elaborado para a exposición.

A nivelación do reto pódese ver no documento "Avaliación do reto" do apartado 3.2 Recursos e solucións do REA.

Todas as opcións teñen o mesmo valor e recoñécense como axeitadas, facilitando que o reto resulte alcanzable e motivador para todo o alumnado.

Así mesmo, promóvese o emprego dun diario de aprendizaxe individual, en papel ou dixital, co obxectivo de impulsar a reflexión sobre o propio proceso de aprendizaxe.

Atención á diversidade

Este REA está deseñado para favorecer a participación activa de todo o alumnado. Desta maneira, todas as actividades, propostas, recursos e materiais que se presentan son abertas e flexibles, de tal xeito que poidan ser adaptadas e flexibilizadas ás necesidades, características e motivación do alumnado.

A atención á diversidade pode apreciarse nas actividades individuais multiniveis que están graduadas en distintos niveis de dificultade. E tamén nas actividades grupais, ao propoñer diferentes niveis de consecución do reto.

Os agrupamentos heteroxéneos propostos permiten combinar talentos, apoiar necesidades individuais e garantir que todas as persoas poidan participar e aprender de forma significativa no reto da unidade.

Tamén a presentación da información do REA atende á diversidade de estilos de aprendizaxes ao incorporar os seguintes recursos:

  • Glosario: ao inicio de cada páxina para explicar os termos máis complexos. As definicións acompáñanse de exemplos e pictogramas significativos.
  • Lectura facilitada: dispoñible para cada actividade. Explícase o contido con linguaxe sinxela, clara e accesible.

Recomendacións lectoras

Ao tempo que levamos a cabo este REA sería interesante dispoñer na aula de libros relacionados coa temática da ecoloxía, o refugallo e da arte. Algunhas recomendacións son:

  • Camerini, V. (2019). A historia de Greta: Non es demasiado pequeno para facer cousas grandes! A biografía non oficial de Greta Thunberg. Editorial Galaxia.
  • Casals, A. y Ferri, P. (2020). Cuentos por el clima: Gente pequeña, haciendo cosas pequeñas, puede salvar el mundo. B de Blok.
  • Gusti. (2013). Basurarte: Crear arte con desechos. Océano Travesía.
  • Mañeru, M. (2019). Salvar el planeta Tierra. Libsa.
  • Moure, A. (2012). O carballo con botas (C. Ouro, Ilus.). Sotelo Blanco Edicións.

Revista:

  • Savanna Books. (2019-presente). "Pantera" savannabooks.org

Filme:

  • Cruz, Á. de la y Gómez, M. (Directores). (2001). "O bosque animado" [Película]. Dygra Films.


 

Feito con eXeLearning (Nova xanela)