Saltar navegación

3. Guía de uso

Arte-Metría

Durante a aplicación do REA "Arte-Metría", o alumnado de 6º de EP poderá acercarse de novo á xeometría, e aplicar as bases para crear un bote para lapis. 

A través desta situación de aprendizaxe, o alumnado terá a oportunidade de identificar, analizar e deseñar un produto centrado na xeometría plana e os corpos xeométricos, facendo uso de ferramentas dixitais e en formato papel. É importante lembrar que este REA está pensado para traballar a xeometría en 6º de EP, nel enlázanse contidos que xa estudaron en cursos anteriores e que servirán para a fase de deseño das caras laterais.

O REA segue unha estrutura definida que é importante ter en conta:

  • Fase 1: Descrición do reto.
  • Fase 2: Exploración. Traballo cos coñecementos previos sobre ángulos, a identificación de figuras planas e o software GeoGebra.
  • Fase 3: Conexión. Introdución de novos contidos, sistema de coordenadas, escalas, corpos xeométricos, xiros, translacións e simetría e áreas e perímetros de figuras planas, que sentarán as bases para crear o produto final. 
  • Fase 4: Reto final. Desenvolvemento do produto final, de forma guiada e pautada.
  • Fase 5: Conclusión. Exposición e coavaliación dos produtos finais.

Seguindo o razoamento matemático o alumnado partira dos seus coñecementos e habilidades para comprender o reto que se propón, deseñar un plan, executar o plan e comprobar e avaliar a solución. Este enfoque fomenta a aprendizaxe práctica, permitindo aplicar os coñecementos teóricos tratados no recurso nun contexto real.

O reto non só desenvolverá competencias dixitais, senón que tamén fortalecerá habilidades como o traballo en equipo, a resolución de problemas e a xestión do tempo. A través desta experiencia, búscase preparar ao alumnado para enfrontar desafíos reais, promovendo unha formación integral e práctica.

Os diferentes bloques do REA están pensados tendo en conta o DUA, presentando distintas versións da información, de xeito que diversificase o acceso á información ofrecendo unha variedade de formatos e niveis, tentando chegar ao maior número de realidades individuais do alumnado.

Preténdese que o alumnado lembre e comprenda a importancia da xeometría no entorno e máis concretamente na arte, e que sexa capaz de aplicar os conceptos da xeometría plana e xeometría en tres dimensións en situacións da vida cotiá.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)