Saltar navegación

1. Descrición xeral

Arte-Metría

Este é un Recurso Educativo Aberto (REA) deseñado co fin de achegar a xeometría ao alumnado de 6º curso de educación primaria. Ademais, tamén pretende promover unha conciencia cultural sobre a arte e a importancia das matemáticas no seu desenvolvemento.

Ao longo da situación de aprendizaxe, o alumnado deberá analizar diferentes obras pictóricas tomando como referencia as figuras xeométricas, o sistema de coordenadas cartesianas e os movementos no espazo. Traballando en equipo, terán que abordar o reto de crear un bote para os lapis, con caras laterais pintadas con figuras xeométricas planas, familiarizándose cos movementos no plano.

Durante o proceso traballaranse conceptos de recoñecemento de figuras xeométricas, descrición da posición no plano mediante coordenadas, a simetría, os xiros e translacións, os perímetros e ás áreas e os corpos xeométricos. Ademais, reflexionarán sobre a importancia da arte como ben de expresión cultural e o papel fundamental das matemáticas en diferentes obras.

As metas de aprendizaxe propostas son as seguintes:

  • Explorar individualmente e en equipo as distintas figuras xeométricas de dúas e tres dimensións.
  • Coñecer distintas estratexias e técnicas para construír figuras e corpos xeométricos.
  • Adquirir vocabulario adecuado relacionado coa arte e a xeometría.
  • Identificar a xeometría na contorna.
  • Conectar a arte e as matemáticas.
  • Traballar en equipo de forma organizada, comunicando resultados con claridade mediante gráficos e argumentos matemáticos.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)