Orientacións e recomendacións de uso
Recomendacións para o aproveitamento deste recurso na aula:
Recursos materiais necesarios
Ordenadores con conexión á rede, calculadora e caderno do alumnado.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Coas actividades en grupo preténdese que o alumnado traballe de forma cooperativa e colaborativa. Con isto aprenderán a coordinarse na realización de tarefas e aumentar a súa autonomía persoal. Búscase que os grupos sexan diversos e heteroxéneos, na procura do traballo en equipo, para que o alumnado aprenda a tomar decisións e accións conxuntamente, promovendo a “democracia de grupo”. Para iso, recoméndase ao profesorado que utilice este REA na súa aula considerando as seguintes pautas:
- Organizar ao alumnado en función das súas diferentes capacidades, para crear equipos de 4 - 5 persoas.
- Asignar a cada integrante do grupo unha función na que amose as súas capacidades.
- Crear un clima de traballo positivo e participativo, poñendo en valor os progresos e aconsellando nas dificultades.
Produtos finais
O produto final consiste na elaboración dun informe estatístico a partir de datos recollidos nunha sondaxe.
Na fase 1 xa se propón que o alumnado elixa 5 produtos para estudar, entre os máis comúns adquiridos nos fogares.
O docente fará de guía para que estes produtos sexan os mesmos dentro do grupo.
Cada persoa ten que recoller os datos das compras destes produtos durante 7 días, segundo unha ficha que figura nesa fase 1.
No caso de que se decida que esta recolleita non se faga no propio fogar (a persoa docente valorará posibles casos de vulnerabilidade), poden buscarse outras familias que aporten os datos, por exemplo: facer un sorteo aleatorio entre todas as familias do centro e pasarlles ás seleccionadas a "libreta de recollida de compras".
Este proceso farase ao comezo, xa que leva 7 días e ten que estar rematado ao chegar á fase 4.
Nesta fase 4, hai unha ficha para envorcar os datos das familias de todo o grupo e facer unha análise conxunta.
Unha vez rematada chega o momento de entregar ao docente toda a documentación e de facer unha presentación ante a clase, na fase 5.
Enfoque multinivel do reto
O reto é doado, porque está moi guiado. Aínda así, pódese nivelar no momento de elixir os artigos dos que facer a recollida de datos.
Como se ve na ficha: "Libreta de recogida de compras", pídese un mínimo de 5 artigos durante 7 días.
Aquí pódese variar a cantidade de artigos e a cantidade de días, facendo así que os cálculos e o informe teña maior ou menor dificultade.