Saltar la navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recomendacións para o aproveitamento deste recurso na aula:

Recursos materiais necesarios

Os materiais necesarios para levar a cabo este REA, son:

  • Material funxible: lapis, ceras de cores, cadernos ou folios, cartolinas...
  • Diferentes instrumentos de medida: regras, básculas...
  • Equipos informáticos.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

Para a realización das actividades grupais, propoñemos que se fagan grupos de 3-4 alumnos e alumnas, nos que cada integrante adquira un rol determinado. Deste xeito, poderemos levar a cabo distintas técnicas de traballo cooperativo, co fin de que se fomente a empatía, o respecto pola opinión dos demais compañeiros e compañeiras, a toma de decisións e a resolución pacífica de conflitos.

Produtos finais

O produto final consiste na elaboración dun roteiro por unha provincia galega. Este reto non só axudará a coñecer mellor Galicia, senón que tamén permitirá desenvolver habilidades como a investigación, o traballo en equipo e a expresión oral.

Para acadar o reto, o alumnado deberá seguir os seguintes pasos: 

1. Elixir a provincia para visitar. Cada grupo traballará sobre unha provincia galega: A Coruña, Lugo, Ourense ou Pontevedra. O obxectivo será investigar lugares para visitar da provincia e elixir algo importante ou destacado (un monumento, unha lenda...) que deba ser parte do itinerario da excursión. Na fase 2.1. hai unha ficha de axuda para recoller os datos.

2. Crear o roteiro. Unha vez teñan claro os lugares a visitar dentro da provincia, deben deseñar un roteiro ordenado. Nel estarán reflictidas as paradas e o motivo da visita (ver un mosteiro, un miradoiro...), o tempo de estancia, e as distancias. Para iso teñen un formato de presentación na fase 4.

3. Expoñer o roteiro. Na fase 5, farán unha exposición do roteiro. Mostrarán o percorrido deseñado, explicarán as paradas elixidas e xustificarán as decisións (distancias, tempos de viaxe, lugares de interese...).

Enfoque multinivel do reto

Ao longo de toda a situación de aprendizaxe inclúese unha serie de tarefas e actividades variadas e adaptadas a diferentes niveis, para que o alumnado poida escoller.

O enfoque multinivel no desenvolvemento do reto céntrase na posibilidade de elixir por parte do alumnado a cantidade de lugares a visitar no roteiro e tamén a variedade de información proporcionada para cada un deles. Preténdese que sexan entre 3 e 6 lugares, con diferentes niveis de concreción para cada un deles. Así, poden indicarse só distancias e tempos, ou tamén engadir outras magnitudes como: altura do lugar, temperaturas...

Feito con eXeLearning (Nova xanela)