Saltar la navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recomendacións a levar a cabo dentro da aula para a realización deste REA:

Recursos materiais necesarios

Ademais do equipamento informático, é recomendable contar con: 

  • Cinta métrica ou regras
  • Calculadora
  • Tesoiras

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

Coas actividades grupais preténdese que o alumnado traballe de forma cooperativa e colaborativa.

Cada integrante do grupo -constituido por 4 ou 5 alumnas e alumnos- terá unha responsabilidade asignada. Con isto aprenderán a coordinarse na realización de tarefas e aumentar a súa autonomía persoal.

Búscase que os grupos sexan diversos e heteroxéneos, na procura do traballo en equipo, para que o alumnado aprenda a tomar decisións e accións conxuntamente, promovendo a “democracia de grupo”.

Produtos finais

O produto final será un patrón a escala dunha prenda deseñada para o "Entroido". 

Para acadar o reto o alumnado deberá seguir estes pasos: 

  1. Tomar medidas reais e empregar a proporcionalidade para calcular o tamaño dun accesorio da prenda.
  2. Establecer a composición de cores do tecido usando porcentaxes e convertelas en fraccións e decimais.
  3. Escoller unha escala de redución para transformar as medidas reais nun patrón preciso no papel.

Enfoque multinivel do reto

Ao longo de toda a situación de aprendizaxe inclúese unha serie de tarefas e actividades variadas e adaptadas a diferentes niveis, para que o alumnado poida escoller.

O reto está deseñado cun enfoque multinivel para adaptarse ás diferentes capacidades do alumnado. 

A principal característica multinivel é a peza de roupa a deseñar por parte do alumnado. Dende máis simple a máis complexo, o alumnado ten a posibilidade de escoller o deseño dunha camiseta, dunha saia ou dun pantalón.

Ademais o profesorado pode establecer unha forma de traballo autónoma ou guiada, ofrecendo todos os datos precisos para acadar o reto, sendo posible avaliar a execución do mesmo.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)