Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
Ademais dos equipos informáticos, é recomendable ter:
- Lapis de cores.
- Caderno do alumnado.
- Regra.
- Calculadora.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Coas actividades en grupo preténdese que o alumnado traballe de forma cooperativa e colaborativa. Con isto aprenderán a coordinarse na realización de tarefas e aumentar a súa autonomía persoal. Búscase que os grupos sexan diversos e heteroxéneos, na procura do traballo en equipo, para que o alumnado aprenda a tomar decisións e accións conxuntamente, promovendo a “democracia de grupo”. Para iso, recoméndase ao profesorado que utilice este REA na súa aula considerando as seguintes pautas:
- Organizar ao alumnado en función das súas diferentes capacidades, para crear equipos de 3-4 integrantes.
Asignar a cada integrante do grupo unha función na que amose as súas capacidades.
Crear un clima de traballo positivo e participativo, poñendo en valor os progresos e aconsellando nas dificultades.
Produtos finais
O produto final do REA consiste na elaboración dun mantel individual no que haxa un deseño dun xardín distribuído empregando fraccións.
Os modelos de mantel entregaranse na Festa de Primavera.
Para inspirarse, o alumnado terá que documentarse no festival máis famoso de xardíns de Galicia: o Festival Internacional de Xardíns de Allariz.
O deseño debe ter unhas pautas mínimas:
- Para o modelo rectangular: folio DIN A3 (29,7 cm x 42 cm) ou DIN A4 (29,7 cm x 21 cm).
- Para o modelo circular: diámetro 29,7 cm ou 21 cm.
Debe conter, como mínimo, dúas zonas do mesmo tamaño (1/2 cada unha), pero poden ser máis. Dentro de cada unha delas, haberá como mínimo outra subdivisión, pero neste caso ten que ser diferente.
Por exemplo, na zona 1 poden ser 4 divisións, na zona 2 poden ser tres divisións...
É necesario identificar as fraccións que representa cada unha delas respecto ao total do mantel. En cada zona poñeranse as flores ou plantas que se queiran.
Enfoque multinivel do reto
Ao longo de toda a situación de aprendizaxe inclúese unha serie de tarefas e actividades variadas e adaptadas a diferentes niveis, para que o alumnado poida escoller.
O produto do reto final pode entregarse cunha distribución sinxela (metades da metade), ou máis complexas, e en distintos formatos, o que garante posibilidade de abordalo con diferentes niveis de dificultade.