Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
Os recursos materiais necesarios para que o alumnado desenvolva con éxito a proposta didáctica son:
- O caderno de aprendizaxe, en formato físico ou dixital.
- Un dispositivo electrónico onde poder utilizar aplicacións de ofimática para buscar información, visualizar imaxes e realizar as actividades propostas no REA.
- Para o reto final, dependendo da opción escollida: material de papelería (pegamento, cartolina, rotuladores, pinturas, etc.), un ordenador que permita a edición de son e vídeo.
Non se require material específico ou especializado para a realización de ningunha das actividades e todos os medios deberían estar dispoñibles en calquera tipo de centro educativo.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Para as actividades relacionadas co reto final, o alumnado dividirase en grupos, cada un encargado dunha actividade específica.
Recoméndase un reparto equilibrado, tanto en número como nas capacidades do propio alumnado, para evitar descompensacións á hora de realizar as actividades e da carga de traballo dentro do propio grupo.
Será o profesor ou profesora o encargado de distribuír o alumnado nos grupos.
Para a posta en común dos resultados das actividades, recoméndase facelo a través do grupo-clase, se ben é posible facelo a través de grupos máis pequenos.
Produtos finais
O produto final deste REA consiste na elaboración de:
- Unha presentación onde se amosen as principais características dos pobos xermánicos que se instalaron no territorio do Imperio Romano de Occidente.
- Gravación dun podcast “bárbaro” onde se recollan as características dos pobos xermánicos, pero dende a primeira persoa! O alumnado debe meterse na pel dun membro deses pobos que chegaron ao territorio romano e contar como foi a experiencia dende Xermania ata a Gallaecia.
- Gravación dunha animación coa técnica de stop motion sobre os diferentes aspectos dos pobos bárbaros.
Enfoque multinivel do reto
As actividades do REA están deseñadas para ofrecer diferentes formas de aproximarse aos contidos, favorecendo a participación de todo o alumnado. Así mesmo, o reto final propón varias modalidades alternativas entre as que o alumnado pode escoller, en función dos seus intereses, preferencias e maneira de expresar o aprendido.