Orientacións e recomendacións de uso
Algunhas recomendacións para o uso deste recurso na aula son:
Recursos materiais necesarios
Ao longo deste REA o alumnado vai precisar facer uso de ferramentas dixitais que se atopan no equipamento Abalar/eDixgal:
- Procesador de textos, como Libre Office.
- Programas de retoque e edición de vídeo e son, como Audacity.
- Programas de deseño gráfico, como GIMP.
- Plataformas en liña nas que compartir os traballos que se realizarán ao longo do REA, como Moodle ou Agueiro.
Ademais será fundamental o emprego de recursos en papel como o caderno do alumno, fichas descargables imprimibles.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Ao longo deste REA haberá propostas de traballo en parellas e grupal. Tamén haberá cabida para o traballo individual en determinados momentos.
No que respecta ao traballo grupal, recoméndanse sempre grupos de catro xa que é un número que encaixa moi ben pensando nos agrupamentos dos diferentes retos propostos. En calquera caso é decisión do profesorado empregar grupos de diferente número ao longo das diferentes fases.
Produtos finais
Os produtos finais que aparecen no REA son orientativos: podemos modificar os formatos das diferentes partes en función das realidades do noso contexto de traballo. Trátase de que o profesorado escolla e decida en función das súas necesidades e/ou preferencias tratando de respectar a filosofía da proposta, é dicir, adquirir e mobilizar os coñecemento e habilidades precisas tanto a nivel lingüístico como tecnolóxico que lle permitan elaborar os produtos propostos.
Os produtos finais deberían ser difundidos polos corredores ou na páxina web do centro.
Enfoque multinivel do reto
Propóñense actividades multinivel que o alumnado pode seleccionar en función das súas habilidades ou intereses. É competencia do profesorado orientar e recomendar unha ou outra proposta en función da información que ten sobre o seu alumnado.
Daranse tres opcións para o reto final:
- Opción A: Reto físico. Utilizarase un medio físico, como cartolinas ou papel, para crear o medio de comunicación. Recolleranse nesa cartolina os guións empregados na redacción da noticia, na locución do programa de radio e no debate de televisión.
- Opción B: Reto físico e dixital. Utilizarase un medio físico, como cartolinas ou papel, para crear o medio de comunicación. Recollerase nesa cartolina unha noticia redactada de maneira física, un código QR para escoitar unha entrevista radiofónica e a descrición dun debate televisivo que logo se escenificará na clase.
- Opción C: Reto dixital. Utilizarase un medio dixital, como unha páxina de Agueiro ou Moodle, para crear o medio de comunicación. Recollerase un arquivo de texto cunha noticia escrita, un arquivo de son cunha entrevista radiofónica e un arquivo de vídeo cun debate televisivo.