Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Algunhas recomendacións para o uso deste recurso na aula son:

Recursos materiais necesarios

Para a posta en marcha deste recurso educativo aberto, é imprescindible contar co equipamento Edixgal e conexión a Internet. É necesario tamén o uso do caderno e material funxible, sobre todo dependendo do tipo de presentación se que escolla.

O profesorado deberá anticiparse para dispor de documentos impresos,  que necesitarán en determinadas fases como rúbricas de avaliación. Todos os materiais se poden atopar no REA do alumnado nos apartados correspondentes, ou no apartado 3.2 Recursos e solución do REA desta guía.

Recoméndase que o alumnado teña auriculares para non causar molestias durante a visualización de vídeos e titoriais existentes ao longo do REA.

Uso do caderno

O material presentado neste REA ten un carácter marcadamente dixital e en gran medida está pensado para ser utilizado en aulas co proxecto Edixgal en funcionamento.

Moitas das actividades propostas están pensadas para ser resoltas de forma dixital, posto que así foron deseñadas. Igualmente existen dentro dos apartados outras que foron pensadas para ser resoltas en caderno (será evidente pola ausencia de oco para facelo).

Por moito que agora as TIC e as pantallas estean presentes en moitos eidos das nosas vidas, non debemos deixar de lado outros aspectos, como neste caso é a escrita. Todo o alumnado debe ser competente á hora de redactar, ter unha caligrafía clara, producir textos escritos coherentes e escribir cunha ortografía correcta, sen depender que unha máquina lle corrixa constantemente.

De aí que se destaque a importancia da escrita na educación e na necesidade de fomentala aínda que se estea a traballar nun recurso dixital.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

Na organización dos equipos para a resolución do reto, recoméndase formar grupos de 4 ou 5 alumnos/as.

Recoméndase que os grupos sexan diversos e heteroxéneos, na procura do traballo en equipo, para que o alumnado aprenda a tomar decisións e accións conxuntamente, promovendo  a toma de decisións conxunta. Para iso, o profesorado que use este REA na súa aula, deberá ter presentes as seguintes pautas:

  • Organiza ao teu alumnado  en función das súas diferentes capacidades, para crear equipos de persoas con habilidades diferentes.
  • Podes asignar a cada alumno/a unha función no grupo na que amose as súas capacidades. 
  • Crea un clima de traballo positivo e participativo resaltando os progresos que se realicen e acompañando nas dificultades.

Como dicimos, a diversidade nos grupos é fundamental para que o alumnado aprenda a coordinarse e traballar en equipo, desenvolvendo así habilidades de comunicación, cooperación e liderado. Este enfoque non só enriquecerá a experiencia de aprendizaxe, senón que tamén preparará ao alumnado para a colaboración en contextos laborais e sociais futuros.

Dada a heteroxeneidade do alumnado, existen actividades individuais (multinivel) que procuran adaptarse a diferentes estilos ou ritmos de aprendizaxe.

Produtos finais

Outro dos obxectivos finais deste REA é que o alumnado desenvolva a súa creatividade e habilidades dando solución á problemática que se lle presenta. É importante destacar que a natureza aberta e flexible deste proceso implica unha gran variabilidade nos produtos finais que poidan chegar a entregar.

O produto final do reto non só representa a culminación do traballo do grupo, senón tamén unha oportunidade para a exploración, análise e aprendizaxe. Este reto fomenta a creatividade, o pensamento crítico e a colaboración entre o alumnado, preparándoos para afrontar con éxito os desafíos futuros.

Enfoque multinivel do reto

O REA está pensado cun enfoque multinivel coa finalidade de adaptarse aos diferentes niveis de aprendizaxe da aula. O obxectivo é crear un ambiente inclusivo, de forma que todos os nenos e nenas participen tanto na realización das diferentes actividades como na elaboración do reto final.

As diferentes actividades multiniveladas propostas están pensadas para que o alumnado seleccione aquelas que mellor se adaptan as súas habilidades ou intereses. Será competencia do profesorado orientar e recomendar unha ou outra proposta en función da información que ten sobre o seu alumnado.

As diferentes opcións a elaborar son:

Opción 1: o xornal de aula en formato físico onde se inclúan cousas de interese da clase, da escola e da vida diaria, mesmo dando pé á creatividade a través da elaboración de contos e outras narracións.

Opción 2: o noso xornal de aula en formato dixital onde se inclúan elementos similares ó formato físico, pero facendo uso das ferramentas dixitais que están ó alcance do alumnado.

Opción 3: a nosa revista dixital onde, ademáis de textos e imaxes, se poderán engadir sons, vídeos e enlaces que farán o reto moito máis interactivo e divertido.

Sobre a avaliación do reto

O alumnado conta con rúbricas para avaliar aspectos concretos do reto das persoas da aula. Ademais contan tamén cunha rúbrica de autoavaliación que incide en criterios de avaliación ou mínimos de consecución clave da unidade didáctica. Esta rúbrica é unha adaptación da rúbrica que ten o profesorado para avaliar o traballo final realizado polo alumnado. A rúbrica do profesorado está moito máis detalladas para fomentar unha avaliación máis minuciosa. Todos estes documentos están dispoñibles no apartado 3.2 Recursos e solucións do REA desta guía didáctica.

Desenvolvemento da competencia dixital

Dentro do proceso de aprendizaxe, é fundamental potenciar as habilidades dixitais do alumnado. O uso de diferentes recursos audiovisuais asegura que os estudantes coñezan as ferramentas e adquiran o coñecemento necesario para afrontar os retos dixitais presentados ao longo do REA. O obxectivo final é formar e preparar persoas coas habilidades para afrontar os retos e demandas do mundo dixital actual e futuro.

Uso do dicionario

Ao longo do REA, existe un glosario de palabras que pode resultar de grande utilidade para o alumnado. Ademais, en diversas seccións do REA, incentívase ao alumnado a buscar palabras no dicionario en liña da Real Academia Galega (RAG). Esta práctica non só axuda a ampliar o vocabulario, senón tamén a comprender mellor o significado e uso das palabras en contexto.

É importante destacar que, a pesar da dispoñibilidade dos recursos dixitais, tamén se recomenda que o profesorado incentive ao uso do dicionario físico. Esta recomendación permitirá ao alumnado explorar as similitudes e diferenzas entre os dous sistemas de busca.

En resumo, o uso do dicionario, tanto en formato dixital como físico, é unha práctica fundamental para o desenvolvemento das habilidades lingüísticas do alumnado. A súa utilización non só facilita a comprensión e uso correcto das palabras, senón tamén promove unha maior autonomía e enriquecemento do vocabulario dun xeito consciente.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)