Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Algunhas recomendacións para o uso deste recurso na aula son:

Recursos materiais necesarios

Para a posta en marcha deste recurso educativo aberto, é imprescindible contar con equipamento dixital (tabletas) e conexión a internet. É necesario tamén o uso do caderno e material funxible (folios de cores, plastilina, pegamento...), especialmente para a parte final onde o alumnado elaborará os seus propios personaxes e escenarios para crear o stop motion.

O profesorado deberá anticiparse para dispor de documentos impresos, como: modelos de mapas para bloques dialectais, modelos para recollida de contidos, esquemas e diversas rúbricas de avaliación. Todos os materiais se poden atopar ou no REA do alumnado, nos apartados correspondentes, ou no apartado 3.2 Recursos e solución do REA desta guía.

Recoméndase que o alumnado teña auriculares para non causar molestias durante a visualización de vídeos e titoriais existentes ao longo do REA.

Uso do caderno

O material presentado neste REA ten un carácter marcadamente dixital e en gran medida está pensado para ser utilizado en aulas co proxecto Edixgal en funcionamento.

Moitas das actividades propostas están pensadas para ser resoltas de forma dixital, posto que así foron deseñadas. Igualmente existen dentro dos apartados outras que foron pensadas para ser resoltas en caderno (será evidente pola ausencia de oco para facelo).

Por moito que agora as TIC e as pantallas estean presentes en moitos eidos das nosas vidas, non debemos deixar de lado outros aspectos, como neste caso é a escrita. Todo o alumnado debe ser competente á hora de redactar, ter unha caligrafía clara, producir textos escritos coherentes e escribir cunha ortografía correcta, sen depender que unha máquina lle corrixa constantemente.

De aí que se destaque a importancia da escrita na educación e na necesidade de fomentala aínda que se estea a traballar nun recurso dixital.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

Na organización dos equipos para as actividades grupais, recoméndase formar grupos de 3 a 5 alumnos/as. A cada integrante do equipo asignaráselle un rol específico que axudará ao desenvolvemento das tarefas de maneira eficiente e colaborativa. Estes roles son:

  • Investigador: Encargado de buscar información relevante e imaxes necesarias para a realización da actividade. Poderá utilizar recursos como páxinas web e bases de datos para recompilar información.
  • Redactor: Responsable da redacción dos textos necesarios para a actividade. Utilizará tanto o caderno como ferramentas dixitais como o LibreOffice Writer para elaborar os contidos de forma clara e precisa.
  • Deseñador: Encargado de dar formato e presentación ao traballo. Utilizará ferramentas como o Stop Motion Studio para deseñar e dar unha aparencia atractiva ao material creado.
  • Coordinador: Responsable de organizar e supervisar o traballo do equipo. Rexistrará o progreso das tarefas, tomará nota das decisións do grupo e asegurarase de que todos os membros participen de forma activa e equitativa.

Recoméndase que os grupos sexan diversos e heteroxéneos, na procura do traballo en equipo, para que o alumnado aprenda a tomar decisións e accións conxuntamente, promovendo  a toma de decisións conxunta. Para iso, o profesorado que use este REA na súa aula, deberá ter presentes as seguintes pautas:

  • Organiza ao teu alumnado  en función das súas diferentes capacidades, para crear equipos de persoas con habilidades diferentes.
  • Asigna a cada alumno/a unha función no grupo na que amose as súas capacidades. Podes utilizar as propostas anteriores.
  • Crea un clima de traballo positivo e participativo resaltando os progresos que se realicen e acompañando nas dificultades.

Como dicimos, a diversidade nos grupos é fundamental para que o alumnado aprenda a coordinarse e traballar en equipo, desenvolvendo así habilidades de comunicación, cooperación e liderado. Este enfoque non só enriquecerá a experiencia de aprendizaxe, senón que tamén preparará ao alumnado para a colaboración en contextos laborais e sociais futuros.

Dada a heteroxeneidade do alumnado, existen actividades individuais (multinivel) que procuran adaptarse a diferentes estilos ou ritmos de aprendizaxe.

Produtos finais

Outro dos obxectivos finais deste REA é que o alumnado desenvolva a súa creatividade e habilidades de resolución de problemas, producindo o stop motion que ofrezan solución ás problemáticas formuladas en cada reto. É importante destacar que a natureza aberta e flexible deste proceso implica unha gran variabilidade nos produtos finais que poidan chegar a entregar.

A pesar de que sexa o mesmo reto para resolver, a diversidade de enfoques, ideas e solucións posibles fai que cada produto final sexa único. Isto non só enriquece a experiencia de aprendizaxe, senón que tamén ofrece unha oportunidade para a análise e comparativa entre os diferentes enfoques adoptados polo alumnado.

A posibilidade de comparar e analizar os produtos finais permiten non só avaliar a creatividade e efectividade das solucións propostas, senón tamén promove o debate e intercambio de ideas entre o alumnado. Ademais, esta variedade de resultados porá de manifesto a diversidade de pensamento e enfoques dentro do grupo, o cal é un valor engadido, digno de reflexión, no proceso educativo.

En resumo, o produto final do reto non só representa a culminación do traballo do grupo, senón tamén unha oportunidade para a exploración, análise e aprendizaxe a través da comparativa de diferentes enfoques e solucións. Este enfoque fomenta a creatividade, o pensamento crítico e a colaboración entre o alumnado, preparándoos para afrontar con éxito os desafíos futuros.

Enfoque multinivel do reto

Este reto está pensado para adaptarse aos distintos niveis do alumnado, permitindo que cadaquén participe segundo as súas capacidades. A animación de stop motion elaborada como reto final preséntase cun enfoque multinivel na medida en que a persoa docente debe guiar o proceso de cada alumno e alumna de xeito individual ou en grupo. Deste xeito, a animación final pode ser de tres xeitos, segundo o nivel do alumnado e as indicacións da persoa docente:

  • Opción A: Unha escena. Consistiría en crear en cartolina unha imaxe onde se representa a historia coas súas personaxes. Logo, faise unha gravación da imaxe mentres se conta a historia. Poden ir movéndose os personaxes.
  • Opción B: Un caderno. Terían que crear diferentes escenas en cartolina e encadernalas. Posteriormente, irían contando a historia a medida que se pasan as páxinas.
  • Opción C: Stop Motion. O alumnado crearía escenarios e personaxes e empregaría a aplicación para crear o stop motion.

O docente debe atender a aspectos como os que seguen para establecer a opción máis adecuada en cada caso:

  • Grao de autonomía.
  • Competencias lingüísticas. 
  • Habilidades manuais e motricidade fina.
  • Implicación persoal e motivación. 
  • Circunstancias educativas. 

Ademais, toda a situación de aprendizaxe debe atender ás características de cada un dos alumnos e alumnas. Cada aspecto da mesma pode complicar a solución do reto.

Cada reto está vencellado a un ODS. Achégase o acceso á páxina dos ODS para poder orientar ao alumnado. Este aspecto non sería obrigatorio pero si enriquecería o reto.

Sobre a avaliación do reto

O alumnado conta con rúbricas para avaliar aspectos concretos do reto das persoas da aula. Ademais contan tamén cunha rúbrica de autoavaliación que incide en criterios de avaliación ou mínimos de consecución clave da unidade didáctica. Esta rúbrica é unha adaptación da rúbrica que ten o profesorado para avaliar o traballo final realizado polo alumnado. A rúbrica do profesorado está moito máis detalladas para fomentar unha avaliación máis minuciosa. Todos os documentos están dispoñibles no apartado 3.2 Recursos e solucións do REA desta guía didáctica.

Desenvolvemento da competencia dixital

Dentro do proceso de aprendizaxe, é fundamental potenciar as habilidades dixitais do alumnado. Para isto, incluíronse videotitoriais que abordan conceptos básicos de ofimática, os cales son imprescindibles para a resolución eficaz do REA. Estes videotitoriais servirán como guía tendo en conta especialmente que están a utilizar equipos tecnolóxicos por primeira vez.

Os videotitoriais abranguen diversos temas, como a organización de arquivos e documentos en plataformas dixitais, manexo de ferramentas ofimáticas comúns (por exemplo, procesadores de texto e programas de presentación e para maquetar), recomendacións sobre a descarga de imaxes e a atribución das mesmas.

Este uso de recursos audiovisuais asegura que os estudantes coñezan as ferramentas e adquiran o coñecemento necesario para afrontar os retos dixitais presentados ao longo do REA. O obxectivo final é formar e preparar persoas coas habilidades para afrontar os retos e demandas do mundo dixital actual e futuro.

Uso do dicionario

Ao longo do recurso, existe un glosario de palabras que pode resultar de grande utilidade para o alumnado. Ademais, en diversas seccións do REA, incentívase ao alumnado a buscar palabras no dicionario en liña da Real Academia Galega (RAG). Esta práctica non só axuda a ampliar o vocabulario, senón tamén a comprender mellor o significado e uso das palabras en contexto.

É importante destacar que, a pesar da dispoñibilidade dos recursos dixitais, tamén se recomenda que o profesorado incentive ao uso do dicionario físico. Esta recomendación permitirá ao alumnado explorar as similitudes e diferenzas entre os dous sistemas de busca.

En resumo, o uso do dicionario, tanto en formato dixital como físico, é unha práctica fundamental para o desenvolvemento das habilidades lingüísticas do alumnado. A súa utilización non só facilita a comprensión e uso correcto das palabras, senón tamén promove unha maior autonomía e enriquecemento do vocabulario dun xeito consciente.

Implicación das familias

Neste REA preténdese que as familias se impliquen no proceso de aprendizaxe dos seus fillos e fillas. Serán de grande axuda a hora de aportar novo vocabulario ou expresións da súa infancia ou do seu lugar de procedencia. Tamén se dá importancia as mesmas co visionado dos diferentes vídeos creados polo alumnado.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)