Metodoloxía
Este REA está baseado no deseño universial de aprendizaxe (DUA), emprega unha metodoloxía activa orientada a que o alumnado acade as competencias clave. O obxectivo é facilitar o labor docente cun enfoque híbrido e universal que permite a súa adaptación á realidade das aulas.
Este REA está dentro do marco pedagóxico do proxecto cREAgal, do cal forma parte este recurso.
Desde o punto de vista metodolóxico, este REA presenta un carácter eminentemente práctico e cun enfoque competencial, sendo fundamentalmente activo e participativo e favorecendo a combinación do traballo individual e cooperativo na aula.
O eixe vertebrador é a resolución de problemas relacionados coa vida cotiá e a contorna do alumnado co fin de motivalo e facelo sentir parte activa do proceso de ensino-aprendizaxe, é dicir, buscar un enfoque que sexa:
- Personalizado: búscase a relación cos coñecementos previos do alumnado e propóñense actividades multinivel.
- Significativo: o alumnado constrúe os seus propios coñecementos, é dicir, aprende ao tempo que aprende a aprender, interioriza as diferentes experiencias e estratexias que lle fan afondar e desenvolver os seus coñecementos.
- Funcional: búscase a utilidade do aprendido en situacións reais e con conexión coa súa contorna.
O alumnado terá a oportunidade de levar a cabo determinadas tarefas mentres explora, descobre, experimenta, aplica e reflexiona sobre o que fai, o que favorecerá a súa implicación no proceso de aprendizaxe e fará que este sexa máis significativo e duradeiro.
Promoverase a participación do alumnado, resaltando o traballo colectivo para afrontar os desafíos e os retos tecnolóxicos que propón a nosa sociedade, contribuíndo á desaparición de estereotipos que dificultan a adquisición de competencias en condicións de igualdade.
As actividades son os medios nos que toman forma os principios metodolóxicos nos que se basea esta proposta didáctica e concretan os métodos didácticos. Temos varios tipos de actividades e tarefas, en función do momento no que se levan a cabo e da intención educativa que teñan.
Actividades iniciais: a súa finalidade é coñecer as ideas previas do alumnado e ser unha motivación de cara á aprendizaxe dos contidos que se van desenvolver a continuación.
Actividades de desenvolvemento: son as tarefas que serven para traballar os novos contidos. Deben ser inicialmente máis estruturadas e guiadas para adquirir a base que permita realizar máis adiante actividades menos estruturadas e menos pautadas.
Actividades de reforzo e ampliación: ante a realidade da existencia de diferentes ritmos de aprendizaxe e capacidades do alumnado faise necesario propoñer actividades de reforzo para traballar os contidos básicos e ademais débense propoñer actividades de ampliación para propoñer contidos relacionados coa unidade pero non pensados para todo o alumnado.
Actividades de avaliación: calquera actividade pode ser avaliada, aínda así, poden programarse actividades que especificamente teñan esa función avaliadora. Son, por tanto, actividades nas que se tratan os contidos e os criterios de avaliación que se queren valorar.
Este REA permite multinivelar a aprendizaxe do alumnado e axustala ao seu centro de interese. No podcast poden escoller a estrutura do produto final segundo o seu nivel, interese e formación. E o mesmo ocorre co poemario que terá un resultado ou outro en función do traballo realizado, do gusto persoal e do interese suscitado.