Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recomendacións que o profesorado pode ter en conta para un maior aproveitamento deste recurso educativo.

Todo se basea en preparar e acadar o reto

Este REA basea o seu proceso de ensino-aprendizaxe en preparar e conseguir o reto, que é a preparación e representación da obra teatral de Castelao Os vellos non deben de namorarse. Para iso, as rapazas e os rapaces teñen que ir descubrindo o xénero teatral, coñecendo tópicos literarios, practicando a pronuncia correcta, dominando a linguaxe non verbal, descubrindo a Castelao e a súa obra, relacionando artes, preparando escenografía e vestiario etc.

Para que neste proceso non quede nada atrás e se vaian seguindo os pasos axeitadamente, a recomendación é ir revisando e cubrindo ao longo de todo o proceso esta listaxe de cotexo (aquí en .pdf e aquí en .odt).

Os pasos que inclúe e, polo tanto, os pasos que temos que ter en conta para acadar o reto son:

  1. Ler e comprender a obra: Hai que ler a obra completa e comprender o contido global, todas as situacións e escenas, todas as palabras...
  2. Repartición de grupos e lances: Débense facer grupos e distribuír os distintos lances. Así, cada alumna/o ten que saber en que grupo e en lance(s) participa.
  3. Repartición de personaxes: Cada alumna/o debe saber que personaxe(s) vai interpretar e todo o que ten que facer sobre o escenario.
  4. Coñecemento dos personaxes: Cada alumna/o ten que coñecer ben o seu personaxe para poder interpretalo da mellor maneira posible.
  5. Ensaios: Cómpre facer os suficientes ensaios para ter ben preparada toda a representación.
  6. Escenografía: Cómpre preparar a escenografía para a representación.
  7. Vestiario: Débese pensar e buscar o vestiario de todos os personaxes da obra.
  8. Cuestións técnicas: Hai que ter claro e preparado todo o que nos fai falta para a posta en escena da obra: luces?, música?, entradas e saídas de elementos do escenario?
  9. Deseño do cartel: Hai que deseñar o cartel para anunciar a representación da obra.
  10. Difusión: Cómpre difundir o cartel polo instituto e outros espazos públicos e facer difusión da representación por diversos medios (nas aulas, web e redes do centro...).
  11. Ensaio xeral: Débese facer, cando menos, un ensaio xeral completo da obra no propio escenario e con escenografía, vestiario, música..., tal cal vai ser na representación final.
  12. Avaliación final: Despois de facer a representación (reto conseguido!) hai que coavaliar o traballo.

Motivación para a abordaxe do REA

Este recurso parte da formulación dun reto que pode ser motivador para o alumnado, e que se ten que conseguir que o sexa para o máximo aproveitamento e unha mellor aprendizaxe.

O reto consiste en representar unha peza teatral (Os vellos non deben de namorarse, de Castelao) ante público, da mellor maneira posible.

É importante que toda a clase se implique, polo que cómpre que todas as alumnas e todos os alumnos teñan un papel na obra. O ideal é que sexa como actores e actrices, mais, se por calquera circunstancia isto non é posible, pódense pensar noutros papeis técnicos (vestiario, escenografía, control técnico...). Sexa como for, todos e todas teñen que ter unha función na que se sintan cómodos/as, motivados/as etc.

Se hai motivación e cada rapaz e rapaza atopa un papel no estea cómodo/a, motivado/a e se sinta importante, a aprendizaxe está asegurada!

Recursos necesarios

Ademais dos recursos propios da clase (ordenadores, caderno etc.) outras cousas que cómpre ter en conta son:

  • O ideal é que a representación da obra sexa con público, nun salón de actos, aula multiúsos ou similar.
  • Cómpre ter en conta vestiario e escenografía. O que se pense debe terse en conta que debe ser viable para poder conseguir facilmente no centro de ensino, que o alumnado poida traer da casa sen dificultade, que non haxa que mercar nada ou o menos posible etc.

Proposta de agrupamentos para as actividades

Ao longo das distintas fases deste REA propóñense tarefas individuais, en parella, en grupos de catro e en grupo grande. Todo o traballo, tanto o individual como en grupo, é necesario para a aprendizaxe e para acadar o reto proposto.

  • Individual: son tarefas de traballo e aprendizaxe de contidos, produción escrita, reflexión no Diario de aprendizaxe etc. É un traballo necesario tanto para a aprendizaxe persoal como para poder acadar en conxunto o reto.
  • Parella: tarefa de reflexión e/ou autoavaliación.
  • Grupos de catro: nalgúns casos hai agrupamentos de catro alumnos/as, polo que é necesario que o profesor ou profesora decida o método de agrupar de acordo ao coñecemento do seu alumnado, para que, ao mesmo tempo, traballen comodamente, se fomente a integración, se teñan en conta os distintos perfís, se procure o equilibrio entre grupos etc. Para unha mellor optimización do funcionamento deste grupos pódense distribuír roles dentro del (secretario/a, voceiro/a, coordinador/a, investigador/a...), aínda que cómpre indicar sempre que a responsabilidade é do conxunto, que non é simplemente un reparto de tarefas.
  • Grupo grande: acadar o reto axeitadamente é cousa do grupo no seu conxunto, para o que ten que funcionar toda a engrenaxe do traballo individual, en parella e grupal.

Produto final

O produto final é a representación de Os vellos non deben de namorarse. A intención diso é que, por un lado, sexa algo motivador desde o principio e, por outro, que o resultado sexa visible e valorado (polo propio alumnado, polo profesorado e por outro alumnado que poida participar como público).

Ademais, como final do proceso que é, nesa representación pódese comprobar a evolución da aprendizaxe en todos os sentidos: dos contidos concretos traballados, da expresión oral, da expresión non verbal, da coordinación de traballo cooperativo etc.

Enfoque multinivel do reto

Como é lóxico e normal, en cada aula hai individuos moi variados e puntos de partida moi distintos, algo que este REA ten en conta. En primeiro lugar, ao seren todas as fases para chegar ao reto o suficientemente abertas para que o profesorado poida regular a intensidade do traballo e o nivel de esixencia individual, por exemplo, nas reflexións por escrito, na posta en escena e linguaxe non verbal, na pronuncia, na comunicación oral etc.

Ademais, con respecto ás tarefas individuais, nalgúns casos tamén se presentan varias opcións de dificultade, para que cada rapaz ou rapaza poida adaptar o traballo ao nivel de afondamento ou complexidade que necesita.

Exemplos concretos de actividades multinivel son "Atréveste a xogar con Castelao" no 2.1. ou "Os nosos memes" no 4.1.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)