Saltar navegación

1. Descrición xeral

A vida é puro teatro

Este é o REA (Recurso educativo aberto) número 6 elaborado no proxecto cREAgal para a materia de Lingua galega e literatura de 1º ESO. A situación de aprendizaxe ten como obxectivo principal que o alumnado integre nos seus coñecementos unha parte dos bloques de contido 2 e 3 do currículo de 1º de ESO da materia de Lingua Galega e Literatura. Estes céntranse nos procesos de produción, comprensión e análise crítica de textos orais, escritos e multimodais; na lectura autónoma; e na lectura guiada (coa relación e comparación dos textos lidos con outros textos e con outras manifestacións artísticas e coa lectura expresiva e dramatizada).

Tamén busca incorporar estratexias de resolución de problemas e de traballo en equipo, a través de situacións reais motivadoras que requiran distintos niveis de dificultade.

Os contidos desta situación de aprendizaxe tomáronse do modelo de programación da unidade 9 de Proens, baseada no Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

O reto consiste na representación da obra teatral Os vellos non deben de namorarse, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que permite traballar os contidos sinalados de xeito transversal.

As metas de aprendizaxe son:

  • Identificar as principais características do xénero teatral.
  • Comprender unha peza teatral e ver nela tópicos literarios, temas etc., despois da súa lectura guiada e autónoma.
  • Ser quen de dramatizar esa peza incorporando todos os elementos necesarios para a súa posta en escena.
  • Ver a relación entre distintas artes, principalmente literatura, música e artes plásticas.
  • Coñecer e recoñecer a multidisciplinar obra de Castelao.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)